A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. O SLG denunciará por vía xudicial ao Concello de Melide por manter prohibido o mercado labrego

O SLG denunciará por vía xudicial ao Concello de Melide por manter prohibido o mercado labrego

5 de Septembro do 2020

Mercado Covid

O Sindicato Labrego Galego vén de saber da decisión do Concello de Melide de prorrogar a prohibición do mercado semanal de alimentos labregos que se celebra todos os domingos na vila por mor da alta incidencia da Covid-19. Trátase dunha decisión absurda e arbitraria, sen fundamentos científicos que a avalen, que vai causar un dano económico enorme e irreparable na economía das familias que teñen nesta vía de comercialización unha das súas principais fontes de ingresos.

Cómpre lembrar que nos atopamos na época de máxima produción en sectores como o hortícola ou o froiteiro e, polo tanto, na que hai máis vendas duns produtos que, ao ser perecedoiros, non poden agardar para ser comercializados.

Para o Sindicato Labrego Galego, a prohibición do mercado de Melide non obedece nin a criterios científicos nin sanitarios. Queremos insistir en que existe un protocolo oficial da Consellaría de Medio Rural para a celebración de mercados ao aire libre con totais garantías para evitar os contaxios que xa se aprobou para ser usado en plena fase de confinamento; outra cuestión é que o Concello de Melide non queira poñer os medios humanos e materiais para activar este protocolo e así garantir a continuidade dunha actividade económica esencial para moitas familias do medio rural.

Ademais, tamén insistimos en que os mercados de alimentos ao aire libre ofrecen maiores garantías sanitarias que a venda en locais pechados, polo que non entendemos que, se pechan a feira de alimentos, non pechen de igual modo os supermercados. Ambos garanten o acceso a un ben esencial como os alimentos, polo que entendemos que o único motivo que anima ao Concello de Melide a pechar o seu mercado alimentario ao aire libre debe ser que é máis doado abusar de labregos e labregas que de grandes empresas.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos criticar tamén o baleiro informativo que existe en Melide con respecto á incidencia da Covid-19. Poden explicarnos que informes sanitarios ou científicos aconsellan o peche do mercado de alimentos labregos, precisamente, e non as terrazas dos bares, por exemplo? Está demostrada a influencia deste mercado no aumento de contaxios por coronavirus no concello? Se o fan por prevención, por que non se actúa tamén noutras actividades económicas que causan maiores concentracións de persoas? A desinformación por parte do Concello de Melide é tal que os labregos e labregas que venden no mercado semanal viven nunha absoluta incerteza, sen saber cando poderán regresar aos seus postos de venda, sen saber que facer con parte da súa produción agraria e descoñecendo se chegarán a fin de mes con suficientes ingresos. Mesmo agora, tras dúas semanas coa venda ambulante prohibida, tiveron que agardar até este venres, 4 de setembro, para saber que tampouco poderán vender o domingo, 6 de setembro. Até cando terán que seguir así? Máis alá do eido agrícola, o pobo de Melide ten dereito de estar informado con total transparencia de como se está a desenvolver a expansión da Covid-19 no municipio, máxime cando estamos a poucos días de comezar o curso escolar nunha vila que ten escolarizados máis dun milleiro de rapaces e rapazas.

Dende o SLG non podemos máis que expresar a nosa máis absoluta indignación diante da decisión do Concello de Melide de prorrogar o peche do mercado de alimentos labregos sen xustificación e sen informes que avalen a súa decisión. Tratase dun desprezo absoluto cara ao rural e cara ás familias labregas damnificadas. Por ese motivo, acabamos de poñer o tema en mans do noso gabinete xurídico presentar por vía xudicial unha denuncia contra o Concello de Melide de cara a determinar os danos e prexuízos causados aos labregos e labregas que venden no mercado dos domingos e as eventuais indemnizacións a realizar para compensarlles as perdas económicas ocasionadas.