A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. Reportaxe Fouce: Concellos que aproveitaron o confinamento para clausurar mercados labregos

Reportaxe Fouce: Concellos que aproveitaron o confinamento para clausurar mercados labregos

17 de Novembro do 2020

Mercado Melide

De cara a avaliar como están a reaccionar os concellos galegos diante da pandemia do Covid-19, no Fouce 332 fixemos un percorrido por diversos mercados de Galiza que, sen dar unha análise exhaustiva, si nos ofreceu unha visión xeral con aspectos positivos e negativos. A reacción diante dos peches foi, decotío, apostar pola venda de cestas de alimentos a domicilio, que se incrementou, coa chegada de nova clientela e o reforzo da fidelidade da xa existente. No eido institucional, houbo concellos que aproveitaron o confinamento para pechar mercados nos que non crían, mentres outros fixeron todo o posible para mantelos abertos, destacando o de Allariz que, a través da negociación política, foi o único municipio galego quen de manter o seu Mercado da Reserva da Biosfera aberto durante o estado de alarma e o confinamento.

Na zona de Pontevedra, Belén Fervenza, responsábel do sector de Horta, Froita e Flor do SLG, relatounos como o Mercado do Toxo, en Gondomar, de periodicidade quincenal e que estaba a perder forza nos últimos tempos, foi clausurado definitivamente aproveitando o confinamento.

No 4 Ponlas, na cidade de Pontevedra, tamén houbo serios problemas para reabrilo tralo estado de alarma. Antes do confinamento, celebrábase na Praza de Abastos e xunto ao Hospital Provincial, facéndose venda directa de todo tipo de produtos por parte de oito proxectos agroecolóxicos. Á volta do confinamento, a súa reapertura demorouse máis ca noutros concellos. Aínda que a nova concelleira responsábel, Gloria Blanco (PSOE; no anterior mandato, era unha área xestionada polo BNG), non quería volver reabrilo porque seica se trataba de producións non regularizadas; ao final, e tras moitas negociacións, accedeu a reabrilo en xuño, pero só na Praza de Abastos; unicamente para vender produto fresco, pero non transformados; e baixo responsabilidade da alcaldía. Así, ás perdas causadas polo confinamento, uníronse as de renunciar a unha parte importante da clientela e non poder vender produtos como pan e conservas.

Belén quéixase de que están a sentir “moita inestabilidade e a sensación de que a nova concellería non ten interese neste mercado nin na nosa actividade profesional”. Contra esa actitude, “temos que loitar por este tipo de espazos, polo que imos seguir coas negociacións”.

Expulsan os labregos e as labregas da Praza de Abastos de San Agustín, na Coruña

Na cidade da Coruña e no seu entorno, o estado de alarma serviulle ao consistorio coruñés para botar os labregos e labregas da Praza de Abastos de San Agustín, onde se mantiña aberto un mercado de venda directa de produtos labregos e ecolóxicos semanalmente. Neste caso, como en Pontevedra, tamén houbo un cambio de cores políticas na xestión municipal, co Concello gober- nado polo PSOE na actualidade.
Dolores Porto Dolores Porto, de Granxas de Lousada, foi unha das labregas damnificadas. Conta que, tralo confinamento,  “non se nos volveu permitir acudir coa escusa de que non había maneira de regularizar a nosa presencia”. Aínda que están insistindo en volver, o concello non cede. Pretende que os labregos e labregas fagan unha licitación para adquirir un posto na praza, pero iso implicaría ter que abrir todos os días para vender, algo imposible para produtores e produtoras de alimentos.
Sen saírmos da cidade herculina, Dolores tamén vende no mercado do Campo da Leña. Este mercado está xestionado por unha empresa privada, e reabriuse tralo estado de alarma cos protocolos sanitarios obrigatorios. Neste caso, o concello coruñés si permitiu unha prórroga da concesión, que expiraba nesta época, para compensar os días de peche durante o confinamento.
O principal punto de venda para Dolores Porto é o mercado de Betanzos, que se celebra  martes, xoves e sábado, agás cando coincide coa feira grande. A actitude das autoridades municipais aquí foi totalmente distinta á da Coruña: Tan só se pechou dous días coincidindo cun gromo de coronavirus na vila betanceira. As únicas prohibicións que se impuxeron foron as de restrinxir o acceso a vendedores e vendedoras xubilad@s por non ser profesionais e por ter unha idade de alto risco en caso de contraer a enfermidade.
Dolores foi unha das labregas que potenciaron a venda directa a domicilio con cestas de produtos para compensar o peche de mercados. Di que, ao vela repartir, moita xente lle paraba pola rúa para saber como podía mercarlle. Así, fixo novos clientes durante o confinamento, que aínda conserva.
Algo semellante aconteceulle a Mauro Álvarez, labrego de Carral que tiña posto no mercado de San Agustín no pasado e que, até hai pouco, fornecía tendas da bisbarra coruñesa. Durante o confinamento, algunhas tendas nas que vendía pecharon, e deixou de distribuír, centrándose no reparto de cestas. No seu caso, tamén aumentou moita clientela “xa que moitas familias vían con receo entrar nos supermercados a facer a compra, polo maior risco de contaxio”. A día de hoxe, Mauro ten como única vía de comercialización o reparto de cestas directamente na explotación, aforrando traballo, tempo e cartos.

No mercado das Pontes, segundo nos informou Cynthia Arias, labrega que vende nel, só se reabriu tralo confinamento cando a Consellaría de Medio Rural permitiu facelo, tras nove semanas de parón. Neste caso, como cos novos protocolos sanitarios os produtores e produtoras non collían na praza de abastos, o concello montou unha carpa xunto ao centro escolar, onde volveron abrir cada sábado, con Protección Civil controlando a afluencia. Ao contrario doutras vilas, n’As Pontes o concello si fixo seguimento e dialogou cos labregos e labregas nunha xuntanza na que se decidiu “ir unha parte dos produtores ao antigo mercado outra vez e, o resto, continuar fóra para respectar as distancias. Ao comezo houbo menos xente, pero agora vai volvendo todo á normalidade”.
Pola banda de Lugo, puntos como o Mercado da Terra, na praza de abastos lucense, ou o mercado dos domingos en Ribadeo, tamén pecharon durante o confinamento “sen que houbese ningún xesto de resistencia dos concellos competentes para mantelos abertos”, coméntanos Dora Cabaleiro, de Ribeiregas (Negueira de Muñiz). Mesmo, á hora de reabrilos, en Lugo tardáronse tres semanas dende a autorización de Medio Rural en reiniciar a actividade no Mercado da Terra.
Neste caso, os mercados están a funcionar con relativa normalidade. Así e todo, as Ribeiregas viron moi resentidas as súas vendas, xa que un cliente importante tíñano na hostelaría que, a pesares de reabrir, fíxoo con afluencias limitadas e mercando menos, e os pedidos de grupos de consumo baixaron, polo que tamén elas buscaron a alternativa de vender cestas de produtos frescos a domicilio. Conseguí- rono grazas a unha plataforma internacional de xestión deste tipo de vendas:  Open Food Network. “Gustounos porque era software libre e un traballo colectivo que ten como obxectivo facer rede. Ao comezo, pediamos un compromiso de compra, pero iso custa, a xente non está afeita. Van flutuando os pedidos, pero ímonos mantendo grazas á venda de cestas”.

Allariz: Unha excepción que demostra que, con vontade política, si se pode

O Concello de Allariz foi o único en toda Galiza que mantivo aberto o seu Mercado da Reserva da Biosfera durante o estado de alarma. Se, en teoría, os mercados de proximidade non podían abrir, por que o fixo Allariz? Por pura vontade política do equipo de goberno municipal.
Dende o primeiro momento entendemos que manter os nosos mercados abertos, o da Biosfera e a feira semanal, era facilitar o acceso a produtos de primeira necesidade”, explicou  Bernardo Varela, tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente. “No da Biosfera, estamos a falar de produtos de producións locais (quilómetro cero) en venda directa. O único que fixemos foi adoptar todos os protocolos sanitarios dende un principio: manter distancias, desinfección de pés e mans nas entradas, elementos de separación para que a xente non puidese tocar os produtos. Nas semanas máis complicadas do confinamento, tivemos persoal de Protección Civil regulando o acceso cun dispensador de números para evitar aglomeracións”.
Pero, como fixeron para evitar o peche, como si aconteceu noutros municipios? Bernardo relata que “cando se decretou o estado de alarma, nós dirixímonos directamente á Xunta para explicarlles o noso caso e as características do mercado, apostando por el por ser máis seguro que a compra de alimentos en calquera supermercado. No Mercado da Biosfera, o único que manipula o produto antes do cliente final é o propio produtor. Ninguén máis. Polo tanto, non viamos riscos. O único altercado que tivemos foi o venres santo, cando a Garda Civil nos comunicou a desconfianza da Subdelegación do Goberno en Ourense, que non o vía viable naquelas condicións. Pero falamos co secretario da Subdelegación, trasladámoslle todas as medidas de precaución que estabamos a tomar, e concordamos en que non era necesario aplicarlle outras restricións a maiores”.
Un dos proxectos beneficiados por estas políticas locais foi Mimá, no que traballan María Xosé e Miguel. No seu caso, o confinamento cadrou cunha época do ano de baixa produción na que non lle venden ás cinco tendas que teñen entre a súa clientela, polo que puideron seguir comercializando sen problema no Mercado da Biosfera, que é o seu principal punto de venda. Si notaron o estado de alarma en que pecharon o comedor escolar e o restaurante aos que fornecían, pero grazas ao mercado puideron seguir traballando sen encaixar un gran impacto negativo.
Esta desigualdade no trato e na aplicación das normas, dependendo do partido ou do goberno municipal que che cadre, indigna a Belén Fervenza: “Sinto que, como sociedade e a nivel político, non hai interese en promover espazos para comercializar directamente produtos da terra. Creo que nos consideran marxinais e prescindibles. Por suposto, hai concellos que si apoian activamente a comercialización directa, como Allariz, pero son excepcións. En xeral, o desinterese é total, e coas medidas contra a Covid moitos concellos aproveitaron para dar un paso de xigante de cara a obstaculizar e mesmo suprimir este tipo de mercados. Sendo como somos espazos máis seguros para vender nunha situación de pandemia, foi absurdo ver como fomos os primeiros en ser pechados e os últimos en poder abrir”. 

Bernardo de Allariz

Bernardo Varela, tenente de alcaldesa en Allariz, durante o III Foro Labrego de Agroecoloxía na visita ao Mercado da Reserva da Biosfera