A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. 8 de xuño: Festa do primeiro aniversario do Mercado do Alimento Labrego nos Tilos

8 de xuño: Festa do primeiro aniversario do Mercado do Alimento Labrego nos Tilos

6 de Xuño do 2013

Leandro

O Mercado do Alimento Labrego dos Tilos cumpriu o seu primeiro aniversario. Para celebralo, fíxose unha festa o pasado sábado, 8 de xuño. Amais dos produtos locais, houbo alimentos doutras comarcas invitadas, artesanía, música tradicional e petiscos na taberna. De seguido, lembramos a invitación que fixeron os labregos e labregas que dan vida a este mercardo para convidar a compartir a celebración: 

"Lonxe de filosofar sobre o paso do tempo, é inevitable facer unha pequena reflexión sobre o mesmo. Parece que non pasaron máis que uns días desde que xurdira unha idea que estivo a roldarnos na cabeza e que finalmente materializamos o 9 de xuño de 2012 na praza circular dos Tilos. Ese día nacía o mercado de alimento labrego de Teo e ata hoxe estivemos 52 sabados con todos aqueles que nos visitastes, que nos fixestes parte da vosa cesta e da vosa mesa, que nos incluístedes semana tras semana na vosa axenda dos sábados. Queremos compartir con todas esas persoas e con aquelas que aínda non nos coñecen a nosa ledicia por ter acadado uns obxectivos fundamentais: lograr manter o mercado vivo, lograr ser un elemento máis da paisaxe dos sábados, lograr espertar o voso interese polo consumo responsable e de calidade, lograr enraizar nos Tilos.
Este sábado, 8 de xuño, co motivo do primeiro aniversario do mercado, non podes deixar de visitarnos. Ademais dos produtos de sempre, frescos, de tempada e outros elaborados, haberá artesanía, música tradicional, alimentos doutras comarcas invitadas e unha taberna onde probar a prezos populares produtos elaborados polas labregas e labregos".