A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Esiximos unha postura clara dos partidos co TTIP por estar en xogo o traballo de miles de familias e a saúde

Esiximos unha postura clara dos partidos co TTIP por estar en xogo o traballo de miles de familias e a saúde

21 de Xuño do 2016

TTIP

A Comisión Europea pretende blindar os disruptores endocrinos, substancias tóxicas que alteran o sistema hormonal das persoas e que poden causar graves enfermidades. Segundo anunciou a semana pasada o comisario de Saúde, Vilnius Andriukaitis, os criterios que se queren aprobar para catalogar un produto químico como disruptor endocrino son tan estritos que moi poucas substancias serán consideradas como tales.

Para catalogar un produto químico como disruptor endocrino terá que existir unha elevada evidencia de danos en seres humanos trala exposición; é dicir, quérese violar calquera principio de precaución e cautela e agardar a que estea o mal feito para tomar medidas.

Este é o modus operandi dos Estados Unidos con respecto ás substancias químicas: non son tóxicas até que se demostre o contrario. Este tipo de decisións, contrarias ao principio de precaución até agora vixente na Unión Europea, fannos sospeitar que por tras está a man das negociacións do Tratado de Libre Comercio cos Estados Unidos (TTIP), xa que a aprobación destes criterios eliminaría un obstáculo máis de cara a un posible acordo final. Se xa é grave de por si esta decisión, sería aínda peor de saír cara a adiante o TTIP, que con mecanismos como os tribunais privados para a resolución de conflitos comerciais (ISDS), farían case imposible prohibir calquera destas substancias aínda que se demostrase a súa letalidade.

Dende o Sindicato Labrego Galego preocúpanos enormemente esta cuestión, habida conta de que só na UE están legalizados 70 praguicidas considerados alteradores do sistema hormonal, polo que a exposición de persoas aos seus efectos podería estar moi estendida, con consecuencias nefastas para a súa saúde. Por iso, queremos facer un chamamento aos partidos políticos que se presentan ás Eleccións Xerais do 26 de xuño para que expresen claramente cal é a súa postura con respecto ao TTIP, pois de saír para adiante xa non só corren perigo os postos de traballo e o medio de vida de miles de familias na Galiza e na UE que viven da agricultura e da gandería, senón tamén a saúde das persoas.