A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Informe TTIP: Os casos por intoxicacións alimentarias por E.coli son un 5.300% máis frecuentes en EEUU que na UE

Informe TTIP: Os casos por intoxicacións alimentarias por E.coli son un 5.300% máis frecuentes en EEUU que na UE

21 de Outubro do 2016

TTIP non

Amigos da Terra vén de presentar un informe (podes descargalo na icona que atoparás no remate desta páxina) que amosa as perdas para o sector agroalimentario do Estado en caso de aprobarse o Tratado de Comercio e Investimentos entre EEUU e a UE. O informe encargado aos servizos técnicos da organización agraria COAG, na que se integra o SLG, expón tamén a ameaza que representa o TTIP para a seguridade alimentaria europea. Os casos por intoxicacións alimentarias pola bacteria E.coli verotoxigenica son un 5.300% máis frecuentes en EEUU que na UE, segundo a análise comparativa dos centros de control de enfermidades da UE e de EEUU que recolle o informe.

En concreto, o devandito informe apunta a unha ratio de 82'5 casos por cada 100.000 habitantes en EEUU, fronte á testemuñal 1'5 por cada 100.000 habitantes en Europa. A intoxicación por E.coli verotoxigenica adoita darse a través do consumo de carne picada contaminada pola toxina que produce a bacteria. A bacteria alóxase no intestino dos animais e, se non se manexa de maneira axeitada, a toxina pasa á carne que despois chega ao consumidor. Os síntomas da intoxicación poden ser máis ou menos perigosos aínda que, en caso da rapazada e das persoas maiores, poden chegar mesmo a causar a morte. 

"É un exemplo que ilustra en si mesmo os perigos dun posible acordo entre a UE e EEUU para o modelo agroalimentario da UE e a aposta estratéxica dos nosos labregos e labregas pola calidade, a seguridade alimentaria, o benestar animal e o respecto polo medio ambiente”, subliñou Miguel Blanco, secretario xeral de COAG. 

Pola súa banda, Blanca Ruibal, responsábel de agricultura e alimentación de Amigos da Terra, destacou que “o TTIP vai apuntalar o modelo agrario industrial, prexudicial para o medio ambiente e a saúde das persoas. Nun contexto de cambio climático e escaseza de recursos naturais é urxente promover unha agricultura local e familiar, que protexa a auga, o solo e a biodiversidade, produza alimentos sans e manteña o medio rural vivo”.

No informe afírmase que, nun escenario de eliminación de barreiras arancelarias e non arancelarias, as importacións de Estados Unidos poderían dispararse un 33.505% en carne de ave, un 3.983 % en carne de porcino, un 966% en carne de vacún, un 901% no leite en po e un 988% n os queixos.

No Estado Español, a análise apunta a un impacto especialmente negativo nos sectores de vacún de carne, porcino, leite, froitas, hortalizas e cereais:

  • Cereais: Un acordo de libre comercio podería beneficiar as exportacións estadounidenses de trigo de baixa calidade e media e de millo, cuxo destino é a alimentación animal. O desmantelamento arancelario podería impulsar as exportacións de cereais de EEUU á UE un 122%, provocando un descenso do valor agregado agrícola dos cereais na UE, que no Estado Español podería chegar a un 6'4%, un dos maiores
  • Froitas e hortalizas: A principal cuestión no sector das froitas e das hortalizas son aspectos non arancelarios. Trátase de regulamentos diferenciados en ambas zonas en temas fitosanitarios ou burocráticos. Na actualidade, a exportación de froitas e hortalizas a EEUU baséase nunha autorización por parte do APHIS (Servizo de Inspección de Sanidade Vexetal e Animal de EEUU). Porén, para as importación estadounidenses a Europa, o sistema non require dunha autorización individual, senón que a apertura sería para todos os países da UE. Polo tanto, de producirse un acordo de liberalización comercial, as producións europeas veríanse penalizadas e a entrada de produtos estadounidenses na UE sería moito máis sinxela que os envíos da UE a EEUU. Polo tanto, o argumento de que o TTIP é positivo para os intereses do sector de froitas e hortalizas non resulta veraz.
  • Vacún de carne: Segundo as previsións, o sector de vacún de carne veríase gravemente afectado e caso de formalizarse o tratado. A pesares de que EEUU é un destacada importador, tanto de carne de vacún como de bovinos vivos, os seus principais fornecedores a nivel internacional deste tipo de produtos son países que tamén permiten a utilización de métodos de produción prohibidos na UE (Australia, Canadá, México e Nova Zelandia), como os promotores do crecemento ou as fariñas cárnicas, por exemplo. Isto fai que, como en EEUU, teñan custes de produción menores que os europeos e, polo tanto, uns estándares de calidade moi baixos.
  • Leite: A imposibilidade de que os produtos transformados europeos puidesen competir en prezo cos produtos chegados de EEUU daría lugar a un grave desequilibrio de mercado que se traduciría en excedentes de leite líquido que acabarían por venderse a países deficitarios da UE, coma o Estado Español, co conseguinte risco de afundimento dos prezos en orixe. Sería o remate para os e as 17.000 gandeiros e gandeiras do Estado trala crise que arrastran.

Para COAG, Amigos da Terra e Sindicato Labrego Galego, este informe demostra, unha vez máis, a grave ameaza que supón o TTIP para a seguridade alimentaria, a agricultura e a gandería europea. É urxente avanzar cara a unhas políticas económicas que garantan o dereito a unha alimentación sa e xusta, que beneficie a consumidores e consumidoras máis traballadores e traballadoras e protexa o medio ambiente. O TTIP suporía un atraso sen precedentes nos dereitos dos consumidores e consumidoras, ao tempo que suporía unha competencia desleal para os nosos labregos e as nosas labregas en base a un modelo de produción como o de EEUU, que permite a inxección de anabolizantes, antibióticos e hormonas de crecemento no gando ou a utilización do cloro para a desinfección de carnes (substancias prohibidas dende hai anos na UE polos seus perniciosos efectos).

Presentación TTIP 

Ficheiro adxunto