A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG chama aos deputados e deputadas de Galiza no Congreso para que voten contra a ratificación do CETA

O SLG chama aos deputados e deputadas de Galiza no Congreso para que voten contra a ratificación do CETA

28 de Xuño do 2017

STOP CETA

O Sindicato Labrego Galego fai un chamamento ás forzas políticas galegas con representación no Congreso para que este xoves, 29 de xuño, voten en contra da ratificación do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Canadá (Comprehensive Economic and Trade Agreement-CETA), porque a súa aprobación sería desastrosa para sectores estratéxicos do noso medio rural como o da carne de vacún, o porcino ou o lácteo.

VACÚN DE CARNE E PORCINO

Cómpre ter en conta que, no intercambio de intereses que houbo nas negociacións entre Canadá e a UE, decidiuse permitir a Canadá a exportación á UE de 65.000 toneladas de carne de vacún e 80.000 de porcino sen aranceis por ano1. É obvio que esta entrada de carne exercerá unha forte presión dos prezos á baixa en sectores nos que os valores do produto están sempre na corda frouxa da rendibilidade. Cómpre ter en conta que estas exportacións decidíronse antes do Brexit, e que o Reino Unido era o maior socio importador de Canadá na UE; co Reino Unido fóra da UE, o impacto destas importacións libres de impostos será moito maior.

En resume, o CETA pon en perigo sectores gandeiros estratéxicos para o medio rural galego. No caso da carne de vacún, moitas das nosas granxas que a producen constitúen a única actividade económica e xeradora de emprego en amplas zonas desfavorecidas de montaña que, sen esta profesión, estarían totalmente abandonadas e desertizadas. En canto ao porcino, é un dos principais sectores gandeiros da nosa terra, xa que Galiza é a primeira comunidade do Estado en granxas de porcos, con máis de 27.000 explotacións que representan un terzo das estatais, con todo o que iso supón no tecido socio-económico do noso campo.

SECTOR LÁCTEO

En canto ao sector gandeiro que, teoricamente, se vai ver beneficiado polo CETA na UE, o lácteo, cómpre advertir que o goberno canadense realizou varias accións a finais de 2016 de cara a reforzarse pola inminente aprobación do acordo. Unha delas foi a de entregar unha axuda de 350 millóns de dólares canadenses (uns 240 millóns de euros) á súa industria láctea para facela máis competitiva. En canto ao sector produtor, creouse un programa de investimentos que, durante cinco anos, permitirá ás granxas canadenses modernizar os seus equipos e aumentar a súa produtividade. Este reforzo para un país no que os centros de engorde gandeiro poden superar as 20.000 cabezas de gando, 100.000 se falamos de aves, fará que as nosas granxas dificilmente poidan competir en pé de igualdade se o produto canadense chega a Europa libre de impostos. Cómpre non esquecer o lixeiro aumento da produción de leite que houbo na UE coa fin do sistema de cotas e a forte crise de prezos que provocou no sector, e lembrar a extrema sensibilidade e volatilidade dos prezos lácteos diante de calquera alteración dos mercados.

DENOMINACIÓNS DE ORIXE, SEGURIDADE ALIMENTARIA E MINARÍA

Outras cuestións a ter en conta na Galiza coa aprobación do CETA son as denominacións de orixe, a seguridade alimentaria e a minaría.

Nun informe publicada a semana pasado pola COAG e a Fundación Entrepueblos (podes descargar o  documento na icona que hai ao remate desta páxina), revélase que a carne canadense é tratada en orixe con desinfectantes das canais como o ácido láctico (habitualmente utilizado nos matadoiros canadenses e cuxo uso foi autorizado na UE en 2013 como consecuencia das negociacións do TTIP) ou con tratamentos alternativos á auga limpa ou potable como auga quente reciclada (tamén empregada nos matadoiros canadenses e cuxo uso foi autorizado na UE en 2015 como consecuencia das negociacións do CETA). Outro elemento de preocupación é a posible entrada de carne e leite producida con hormonas en Canadá, o que, ademais de supor competencia desleal, pon en cuestión a seguridade alimentaria en Europa.

En canto ás denominacións de orixe, o CETA só protexe unha pequena parte do total das existentes en Europa: 176 DOs e IXPs estarán protexidas, menos do 15%, xa que na UE hai rexistradas 1.308. Cómpre ter en conta que, na Galiza, hai 27 produtos alimentarios que gozan deste tipo de protección. Desta maneira, empresas canadenses poderán crear marcas que emulen os nosos produtos protexidos e exportar alimentos a Europa que dean pé á fraude. Por exemplo, criar gando de raza Rubia Galega -tal e como xa están a facer outros países americanos como Brasil, Paraguai, Uruguai ou México- e vendernos despois a súa carne libre de impostos.

En canto á minaría, Canadá é unha das principais potencias mineiras mundiais, representando este sector o 4% do seu PIB e xerando 40.000 millóns de dólares ao ano. Isto combinado coa resolución privada dos conflitos comerciais a través do sistema de tribunais de inversión (ICS) permitirá que as mineiras canadenses poidan denunciar calquera lei ou goberno que se opoña aos seus proxectos. Un bo exemplo témolo no ouro de Corcoesto, que pretendía explotar a mineira canadense Edgewater a ceo aberto empregando cianuro de xeito masivo. Afortunadamente, a presión da cidadanía obrigou á Xunta a negarlle o permiso de explotación. Se isto chega a acontecer co CETA aprobado, Edgewater podería ter denunciado á Xunta a través do ICS e, con total seguridade, a Xunta sairía condenada e obrigada a indemnizar a Edgewater cunha multa millonaria a conta dos cartos das galegas e dos galegos. E o problema é que na case totalidade do territorio galego o uso prioritario sería o mineiro, segundo o borrador do Plano Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta.

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego pide aos deputados e deputadas da Galiza no Congreso, sexa cal sexa o partido no que militan, que voten en contra da ratificación do CETA, xa que se votan a favor estarán a traizoar a confianza depositada neles e nelas polo pobo galego.

1www.noalttip.org/wp-content/uploads/2017/04/Europa.pdf

Ficheiro adxunto