A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG rexeita o acordo con Mercosur porque destruiría sectores esenciais como o vacún de carne ou o apícola

O SLG rexeita o acordo con Mercosur porque destruiría sectores esenciais como o vacún de carne ou o apícola

11 de Xullo do 2019

Mercosur

O acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur resultará catastrófico para Galiza, especialmente para o medio rural, se realmente se acaba asinando. Sectores estratéxicos para a nosa economía agraria como o da carne de vacún resultarían arrasados. Outros, como o apícola, esencial para a biodiversidade, tamén verían fortemente ameazada a súa supervivencia.

As cifras así o indican. O acordo no sector da carne de vacún permitirá a entrada na UE de 99.000 toneladas de carne en canal equivalentes a 2 millóns de vacas nutrices. Isto supón máis do número total de cabezas de gando de Bélxica, Bulgaria, Dinamarca, Estonia, Grecia, Croacia, Chipre, Letonia, Luxemburgo, Hungría, Malta, Eslovenia, Eslovaquia, Lituania, Finlandia e Suecia xuntas.

Por se non abondase, a isto habería que engadirlle as 65.000 toneladas de carne de vacún que se permitirá importar sen aranceis en virtude do CETA, o acordo comercial con Canadá ratificado por España en 2017. En total, a Unión Europea acabaría abrindo o seu mercado a 164.000 toneladas de carne de vacún a moi baixo prezo que afundirían os nosos mercados e arruinarían as nosas granxas.

Importancia esencial do sector da carne de vacún para o rural galego

Aínda que Galiza é coñecida polo seu potencial na produción de leite, con 7.380 explotacións en maio de 2019; o certo é que é o sector de vacún de carne o máis estendido e de maior implantación no noso medio rural: 20.919 granxas segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2018. Cómpre salientar que este tipo de granxa é o único existente en amplas zonas do noso territorio, especialmente na montaña, onde non son posibles outro tipo de producións gandeiras; e que o modelo produtivo que representan é o máis sostible, en base a pastoreo de praderías naturais. Resulta obvio que o sector da carne de vacún é esencial na Galiza para conservar a pouca estrutura socio-económica que sobrevive no noso medio rural e para manter xestionado o territorio, especialmente no que se refire á prevención de incendios forestais.

45.000 toneladas de mel libre de impostos e por baixo dos 3 € por quilo

Outro sector que vería ameazada a súa continuidade sería o apícola, xa que o acordo con Mercosur implica a apertura da UE a 45.000 toneladas libres de aranceis. Para facernos unha idea do impacto, en 2018 a UE importou 34.541 toneladas dos países de integran Mercosur que, ao pagar aranceis, vendíanse a prezos semellantes aos de aquí. Cómpre pensar que o prezo medio do mel de Mercosur en 2018 foi de 2'46 € por quilo, por baixo do nivel dos custes de produción do mel no Estado. Eses continxentes, sumados aos doutras potencias apícolas como China, poderían afundir definitivamente os prezos.

Outro sector con presenza importante na Galiza que tamén está moi afectado é o avícola, xa que se permitirá a importación de 180.000 toneladas de carne de ave sen aranceis. No porcino, permitirase un continxente de 25.000 toneladas anuais cun arancel de 83 € por tonelada. Outros produtos afectados pero con pouca ou nula presenza na Galiza serían o arroz, o millo doce, os cítricos, o azucre e o etanol.

Coma sempre, coa complicidade do PP e do PSOE

Grazas a deixar vendidos sectores agrogandeiros enteiros, beneficiaranse da apertura de fronteiras de Mercosur a industria automobilística de Centroeuropa ou multinancionais do sector da alimentación con capacidade loxística e capital para exportar produtos como viño, pexegos e tomates en conserva, aceite de oliva, porcino, patacas conxeladas ou algunhas froitas frescas.

Para o Sindicato Labrego Galego resulta indignante que o ministro de Agricultura, Luís Planas, considere positivo un acordo que resultará catastrófico para sectores esenciais da nosa agricultura na Galiza, e tamén no resto do Estado; da mesma maneira que resulta incomprensible que o conselleiro de Medio Rural, Jesús González, non se pronuncie sobre unha ameaza sobre o principal sector gandeiro da nosa terra. Dende o SLG, pedímoslles a ambos que, en virtude das responsabilidades que ocupan, adopten unha postura clara, inequívoca e activa en contra da sinatura dese acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur.

Para o Sindicato Labrego, calquera acordo comercial debe garantir a integridade dos sectores produtivos de cada país. Hai que acabar con este tipo de acordos baseados nunha competitividade que só poden exercer grandes multinacionais con potencial suficiente para exportar, que deixan fóra de xogo as pequenas e medianas empresas e as granxas incapaces de competir a ese nivel. Os acordos comerciais deben basearse na cooperación, nun intercambio de bens que os países receptores non teñan capacidade para producir e sen danar as súas estruturas produtivas e de comercialización. Sempre buscaremos alianzas para acabar con estes acordos de libre-cambio e evitar os que veñan. O noso obxectivo é construír outra gobernanza baseada na cooperación real, evitando que se deturpe o seu significado.

Porén, o acordo ao que chegaron a UE e Mercosur supón unha grave ameaza, como xa vimos para algúns dos nosos principais sectores produtivos, aos que deberiamos engadir outros como o vinícola, que non sempre figura no capítulo agrario, no que Mercosur vai camiño de converterse nunha potencia mundial grazas aos investimentos de grandes empresas europeas e estadounidenses. Fóra do eido agrícola, hai temas como a educación e a sanidade nos que se lle abren as portas ás empresas europeas, co grave risco de privatización de sectores esenciais para os pobos dos países latinoamericanos afectados.