A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG presenta ao Goberno un decálogo en defensa do rural, da produción de alimentos e da profesión labrega

O SLG presenta ao Goberno un decálogo en defensa do rural, da produción de alimentos e da profesión labrega

28 de Xaneiro do 2020

Tractor 10

O Sindicato Labrego Galego vén de elaborar un decálogo de medidas imprescindibles para revitalizar o medio rural e facer da agricultura e da produción de alimentos o seu principal motor económico. Este decálogo constitúe unha táboa reivindicativa irrenunciable para defender pola nosa organización diante de todas as institucións con responsabilidades nas politicas agrarias, e tamén un eixe fundamental na nosa campaña de mobilizacións "O rural galego sobre a mesa".

Dende o Sindicato Labrego Galego, afirmamos o dereito inalienable a unha alimentación saudable e nutritiva para a totalidade da sociedade, e denunciamos que o modelo de explotación industrial e de distribución de alimentos a centos e miles de quilómetros promovida polo agronegocio é unha das principais causas de enfermidades da poboación actual, de contaminación do medio, de explotación do ser humano, de emisión de gases de efecto invernadoiro e de quecemento do planeta.

A agricultura de proximidade baseada nun gran número de persoas labregas e con criterios agroecolóxicos é a única que pode garantir a saúde, unha calidade real dos alimentos, a biodiversidade, auga limpa, solos vivos, calidade paisaxística, un medio rural con xente con nenas e nenos nas escolas, con emprego, con servizos, con futuro…, e que ofrece verdadeiras solucións ante retos como a diminución de combustibles fósiles e o cambio climático.

Na maioría das comarcas galegas as actividades agrarias e gandeiras seguen a ser as que de xeito directo ou indirecto proporcionan máis postos de traballo; malia a isto deben enfrontarse a unha Política Agraria Común e outras políticas feitas a medida das empresas co fin de ocuparen unha gran cantidade de terras cun monocultivo, ter grandes cantidades de produción a prezos de miseria; políticas que expulsan á xente do medio rural, contaminan os alimentos, o medio e a auga, dificultan que as persoas mozas teñan futuro na nosa terra, precarizan o emprego e fan que gran parte do territorio se vaia despoboando e que Galicia sexa a rexión europea con máis densidade de incendios e de hectáreas queimadas na última década.

Denunciamos as políticas do expolio que pretenden afogar o mundo rural sen que se leven adiante verdadeiras medidas de apoio ao sector, na mellora efectiva dos prezos, na mellora da chegada dos nosos alimentos á poboación (por exemplo a través da compra pública, o apoio aos circuítos curtos…), na preservación da terra agraria (tendo Galicia tan só un 21% de terra agraria, unha das máis baixas de Europa), na valoración e apoio a sistemas de cultivo de enorme valor ecolóxico, como un modelo sostible e diverso baseado en moita xente labrega ocupando o territorio, as variedades locais, os policultivos, os pastos permanentes, os sistemas que incorporan materia orgánica ao solo, a gandería extensiva ou a produción ecolóxica. Precisamos reverter a crecente dependencia alimentaria galega respecto a alimentos que chegan de miles de quilómetros e, pola contra, afianzar as bases para avanzar no dereito á soberanía alimentaria do noso pobo. Decálogo de medidas necesarias a curto prazo:

1. Garantía de prezos dignos para as persoas produtoras na Lei da Cadea Alimentaria e na transposición da Directiva de Prácticas Desleais na Cadea Alimentaria. As grandes industrias e cadeas de distribución seguen a exercer unha posición de dominio no mercado de produtos agrarios e os labregos e labregas seguen a percibir decotío prezos por baixo dus custes de produción. Cómpre, dunha vez por todas, que por lei se ampare a marxe das persoas produtoras garantindo uns prezos mínimos que cheguen para cubrir os custes de produción e deixar marxe suficiente para garantir unhas rendas as labregas e labregos que a súa vez son os xestoras e traballadoras da súa produción equivalente polo menos o salario medio con un traballo humano. E para as contratadas salarios dignos no campo, nunca por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional cunha xornada de traballo legal.

2. O Goberno Español debe rexeitar o acordo comercial da Unión Europea con Mercosur e calquera outro tratado comercial que poña en perigo os nosos propios sectores agrarios e gandeiros. Ademais, calquera tratado de libre comercio con países transatlánticos lastraría a resposta que o Estado Español pretende darlle á crise por emerxencia climática, polo que, se queremos enfrontala e reducir as emisións de COligadas ao transporte, debemos mudar con urxencia cara a políticas baseadas na Soberanía Alimentaria e na produción e consumo de alimentos de proximidade.

3. Aposta pola agroecoloxía. Unha conversión ordenada e desintensificadora cara a un modelo agroecolóxico vai ser a única maneira eficaz de que a agricultura sexa unha ferramenta útil na loita contra a emerxencia climática. Ademais, aplicando a agroecoloxía de maneira integral en cuestións como o fomento do consumo de produtos de proximidade, coa compra pública de alimentos con relacións comerciais xustas en circuítos curtos de comercialización ou garantindo condicións laborais dignas das persoas que traballan a terra, o modelo agroecolóxico será indispensable reactivar a economía agraria e rural e enfrontar a desertización do campo. Queremos facer especial fincapé na compra pública de alimentos ecolóxicos e de proximidade, xa que a través dela poderiamos garantir a revitalización das economías locais, o acceso a unha alimentación saudable para as poboacións vulnerables como a rapazada (comedores escolares), persoas con problemas de saúde (hospitais) ou a terceira idade (residencias e centros de día). Co obxectivo de que as diversas administracións aposten por alimentos ecolóxicos e de proximidade para fornecerse, dende o SLG propoñemos que se traballe nun programa gradual para que, en 2021, as administracións adquiran como mínimo o 20% dos alimentos que merquen con criterios agroecolóxicos; que en 2025 sexa o 50%; e, finalmente, en 2030 a totalidade dos alimentos de compra pública sexan agroecolóxicos. Para rematar, cómpre non esquecer que a conversión do noso modelo agroalimentario cara á agroecoloxía é indispensable para combater a crise climática, polo que a compra pública de alimentos é unha extraordinaria ferramenta neste sentido.

4. Protección da terra agraria. Galicia ten un 21% de superficie agraria, que é unha das porcentaxes máis baixas a nivel estatal e europeo, un solo agrario totalmente desprotexido fronte ao acaparamento de terras que están a perpetrar outros sectores económicos como a minaría, ou a produción de enerxía e celulosa; do mesmo xeito que contra fenómenos adversos como a desertización ou a erosión. A terra agraria, como base indispensábel para a produción de alimentos e a nosa Soberanía Alimentaria, debe estar protexida por lei da especulación e de procesos de acaparamento declarando como uso prioritario a produción de alimentos. Dende este punto de vista, agardamos que as distintas forzas políticas con representación nas Cortes Xerais e, en especial, as que teñen responsabilidades de goberno, apoien a proposición de Lei de Protección dos Solos de Alto Valor Agrolóxico e dos Solos de Interese Agraria que rexistramos no Congreso as organizacións e colectivos que formamos parte da rede Intervegas. Galicia ten que aumentar a SAU como mínimo ate un tercio da sua superficie, apoiando que as familias agrarias para facer posible viabilizar un territorio habitado, revitalizado e sostible, economicamente, socialmente, agroecolóxico e que arrefríe o clima

5. Defensa dunha Política Agraria Común (PAC) social e labrega. As axudas da PAC resultan totalmente discriminatorias para as persoas mozas, para o modelo de produción ecolóxico e para Galicia. En Galicia hai máis persoas que cotizan á seguridade social agraria (29.013 persoas) que perceptores de axudas da Pac (27.117), mentres que no estado español é xusto ao revés, os perceptores de PAC (693.387) son máis do dobre que os cotizantes á seguridade social (261.772). A axuda media de pago básico en Galicia (2.699,96) é pouco máis da metade ca do estado (4.011), e aínda é moito máis baixa a axuda para persoas mozas, con importes de ata 50 euros ano e moitas sen axuda ningunha. É necesario abandonar como referencia fundamental a superficie, que penaliza a Galicia, e empregar como criterio de cobro as persoas en activo, para o que debemos empregar os requisitos de ATP e criterios precisos para a agricultura a tempo parcial. Rexeitamos o emprego dos dereitos históricos de cobro -Galicia volve a ter dos dereitos máis baixos, e defendemos a necesidade de pór topes (en ningún caso deben superarse os 60.000 euros por beneficiario/a), e redistribuír os fondos da PAC entre os labregos e labregas que realmente traballan a terra e viven dela, sexa cal sexa o sector ou sectores agrarios nos que desenvolven a súa profesión, promovendo con importes dignos a produción ecolóxica e o cambio cara a modelos máis sostibles. Ademais, ás persoas que teñan máis dun 50% dos seus ingresos de orixe agraria debe garantírselles unha axuda mínima nunca inferior á media, evitando así a discriminación actual das persoas mozas e do colectivo de mulleres.

6. Apoio ao relevo xeracional dotado con orzamentos suficientes. Un dos principais desafíos ao que se debe enfrontar a nosa agricultura é o do relevo xeracional, evitando que siga a producirse a sangría de peches de granxas e garantindo o acceso de mozos e mozas á terra, á vivenda, ás axudas, ao crédito e ao mercado. Unha medida concreta que reivindicamos dende o SLG a este respecto é que as axudas para a incorporación de xente moza ou a transmisión de granxas dun titular a outro estean exentas de tributar.

7. Xestión pública da fauna salvaxe. A administracións debe responsabilizarse dunha fauna salvaxe que forma parte do noso patrimonio natural común e da que, agora mesmo, están a responsabilizarse en gran medida as granxas que a sosteñen cos seus cultivos e o seu gando. Cómpre dotar orzamentos suficientes para levar adiante as medidas necesarias para garantir o estado sanitario, o control da poboación e o pagamento da totalidade dos danos causados , sexa cal sexa a especie ou o estrago, asumindo a administración a responsabilidade civil subsidiaria sobre os mesmos.

8. Garantir a existencia de servizos públicos de calidade suficientes no medio rural. Sen dispor dunha rede de servizos públicos que garanta a mesma calidade na asistencia e os mesmos dereitos á totalidade da poboación, con independencia de que resida en espazos urbanos ou rurais, non conseguiremos frear o despoboamento. Dentro deste apartado, cómpre salientar a necesidade de manter no rural os servizos públicos en xeral incluido o transporte publico, tamén os de carácter administrativo. A dixitalización das relacións entre a Administración e as persoas administradas no eido rural e agrícola non pode supor unha perda de dereitos daquelas persoas que, por idade ou formación, non sexan quen de relacionarse telematicamente cos diversos órganos do Estado ou da Xunta. Por iso, é preciso que se sigan a manter as oficinas e o funcionariado que até hai pouco se encargaban da burocracia ligada ao agro e non utilizar a telematización como escusa para desmantelar a cativa rede administrativa que queda nas zonas rurais. Debemos diminuír á crecente burocratización e incremento de custos e de tempo en esixencias que non serven para nada, máis que para pórlle máis trabas ao sector.

9. A Seguridade Social debe observar a especificidade dos sectores agrarios e gandeiros. A idade de xubilación dunha profesión dura e con grandes esixencias físicas como a labrega non pode ir máis alá dos 65 anos. Ademais, deben tomarse medidas para mellorar as pensións de xubilación dos labregos e, en especial, das labregas, por ser das máis baixas. Debería crearse un sistema de cotización proporcional aos ingresos das persoas que cotizan e que todas as persoas traballadoras teñan garantida, ao final da súa vida laboral, unha renda digna que nunca debería ser inferior ao Salario Mínimo Interprofesional.

10. Avance en políticas de igualdade no rural. Debería enfrontarse seriamente a aplicación da Lei de Titularidade Compartida para que miles de labregas que seguen a traballar sen cotizar e sen ver recoñecidos os seus dereitos laborais poidan facelo. Ademais, cómpre avanzar en igualdade en cuestións como a paridade de cargos e responsabilidades en ámbitos como as cooperativas agrarias, as organizacións sindicais do campo ou as listas electorais no rural. Outros espazos onde se botan de menos condicións de igualdade para homes e mulleres no rural é no acceso a formación, axudas e coberturas sociais. En especial, é necesario enfrontar a violencia machista coas especificidades que se dá no rural e dotar os programas de erradicación con suficientes medios humanos e materiais para que se leven a cabo con éxito.