A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Da granxa á mesa: Unha nova man de pintura verde para a mesma política agraria industrial e exportadora de sempre

Da granxa á mesa: Unha nova man de pintura verde para a mesma política agraria industrial e exportadora de sempre

6 de Xuño do 2020

Da granxa á mesa

O pasado 20 de maio, a Comisión Europea publicou dous documentos nos que xa veñen as directrices das políticas agrarias europeas para os vindeiros dez anos: o programa “Da granxa á mesa” e Biodiversidade Horizonte 2030. Lida por riba, a estratexia “Do campo á mesa” soa moi ben, inclúe moitas iniciativas e finalidades que, aparentemente, deberían ser positivas para o campo e para a sociedade no seu conxunto. Pero a pouco que indaguemos, vemos que non é ouro todo o que reloce.

O programa “Da granxa á mesa” contén 27 iniciativas que, sen dúbida, marcarán a agricultura na seguinte década. Entre elas, destacan a redución dos pesticidas e dos antibióticos no gando nun 50%, diminuír os fertilizantes nun 20%, aumentar a superficie de cultivo ecolóxico nun 25%, contribuír ao arrefriamento do planeta ou mellorar o benestar animal e a posición dos labregos e das labregas na cadea de valor.

Para empezar, esta estratexia pon como causantes de todos os impactos negativos do sistema alimentario no clima aos labregos e ás labregas. Todas as medidas van dirixidas a regular as actividades agrogandeiras. Para o resto de axentes do sistema alimentario -industrias, fabricantes de insumos, distribuidoras, transportes, maquinaria, etc.- ás penas un código de conduta e de boas prácticas que ben sabemos, por experiencia, que non se vai cumprir.

Así, sorprende que non haxa unha visión crítica con aspectos altamente contaminantes e provocadores de cambio climático, como a agresiva vocación exportadora da Unión Europea o os tratados de libre comercio nos que a produción alimentaria é sempre moeda de cambio e que se están a asinar con multitude de países a miles de quilómetros cos que se forza un intercambio comercial de alimentos que se poderían producir e consumir nos mesmos países de orixe para non contribuír ao quecemento global do planeta.

Se analizamos en concreto algunhas medidas, pasa outro tanto. Por exemplo, cando se fala de reducir o uso de fertilizantes, non distingue entre abonos orgánicos producidos e utilizados na propia granxa e fertilizantes de síntese industrial. Tampouco diferencia o pastoreo e a gandería extensiva, nin fala do modelo de agronegocio que propicia as zonas máis críticas da gandería intensiva. Neste senso, ao culpar á gandería do 70% das emisións de gases con efecto invernadoiro da agricultura (que en si mesma é a causante do 10'3% das emisións globais), non diferencia entre a gandería intensiva e sen terra e a que se fai en base a pasteiros. Este meter todos os modelos gandeiros no mesmo saco repetirase en cuestións como o benestar animal.

Da mesma maneira, cando fala de aumentar a superficie de agricultura ecolóxica estase referindo só a un sistema de cultivo, polo que entendemos que serán benvidas as producións ecolóxicas industriais e deslocalizadas para aforrar en man de obra a costa dos dereitos laborais e humanos de miles de persoas e consumindo cantidades inxentes de combustibles fósiles para levarnos os alimentos “da granxa á mesa”.

A nova estratexia da Comisión Europea para o agro mesmo prevé mellorar a posición dos labregos e das labregas na cadea de valor. A principal “novidade” que presenta a nova PAC neste sentido, ademais do Regulamento da Organización Común de Mercados e a Directiva sobre Prácticas Comerciais Desleais, é o apoio decidido ás intervencións sectoriais. “A pedra angular deste sistema é a cooperación dos produtores, o que lles permite fortalecer a súa posición na cadea de subministro así como a súa resistencia aos desafíos económicos e ambientais”. No Estado Español temos o exemplo da aplicación das intervencións sectoriais no sector de froitas e verduras, que agora se intenta facer extensivo a máis sectores. Con estas intervencións sectoriais e cos obxectivos propostos no Regulamento da PAC, parece que o que se fai é privatizar definitivamente o control da produción e a xestión das crises e que a posición na cadea de valor dos labregos e das labregas segue a ser a de subministradores de materia prima barata.

UNHA ESTRATEXIA QUE AFONDA EN CREAR NEGOCIO PARA AS INDUSTRIAS DE SEMPRE E AFOGAR AÍNDA MÁIS A AGRICULTURA LABREGA NA LAMEIRA DA BUROCRACIA

En definitiva, para o Sindicato Labrego Galego, máis que unha estratexia para o agro, “Da granxa á mesa” semella unha estratexia de márketing, un lavado de cara das políticas agrarias da Unión Europea fronte a unha sociedade cada vez máis concienciada co coidado do planeta e co ecoloxismo e, polo tanto, contraria ao tremendo impacto que está a ter o sistema alimentario industrial dominante sobre o medio ambiente e o clima. Ese lavado de cara consiste en etiquetar de ecolóxicas e sostibles producións intensivas e deslocalizadas, con miles de quilómetros e de toneladas de combustibles fósiles entre a granxa e a mesa á que alude o slogan, e altamente dependentes dos paquetes tecnolóxicos das industrias agrarias, químicas e farmacéuticas.

Por poñer dous exemplos: Syngenta ten proxectos de biodiversidade agrícola moi variados e investirá 2.000 millóns de euros nos vindeiros cinco anos para acelerar a innovación na agricultura sostible en todo o mundo. Bayer di que as propostas da estratexia “Da granxa á mesa” reflicten moitos dos seus compromisos: fitosanitarios biolóxicos, fitomelloramento, sementes melloradas, agricultura de precisión, agricultura dixital. Que industrias directamente implicadas na contaminación química e no cambio climático se posicionen agora como salvadoras dunha crise á que contribuíron e contribúen xa o di todo.

Pola contra, moitos proxectos verdadeiramente sostibles quedarán fóra do sistema porque lles resultará imposible cumprir todos os requisitos burocráticos que estas medidas van levar consigo: documentar as reducións das porcentaxes propostas vai ser un gasto e un proceso que moitas pequenas e non tan pequenas granxas na Galiza probablemente non serán quen de asumir. Outra cuestión preocupante, a maiores, vai ser o aproveitamento de todos estes datos xerados polas granxas dos que se apropiará a industria ao non haber marcos regulatorios e de control sobre os mesmos. Coma sempre, todo quedará en mans do asesoramento privado e, en moitas ocasións, nun asesoramento proporcionado polas propias empresas que lles venden insumos ou lles compran o produto ás granxas.

Dende o SLG ficaremos vixiantes para ver como se concretan as 27 iniciativas da estratexia “Da granxa á mesa” na futura Política Agraria Común (PAC), pero moito nos tememos que non vai pasar doutra operación de márketing, ás que xa nos teñen afeitos e afeitas, consistente en maquillar de verde e ecolóxico o que non o é.