16 de Maio do 2013 ·
Neste 17 de maio, dende o Sindicato Labrego Galego queremos manifestar o convencemento de que hoxe máis ca nunca é preciso un compromiso inquebrantable de todos os galegos e galegas coa lingua galega, coa nosa cultura e cos demais bens que forman parte da nosa identidade como pobo. Desexamos salientar o valor de compromisos vitais como Vidal Bolaño, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2013, a prol dunha creación cultural galega con fe en si mesma e na sociedade na que nace, e con capacidade de traducir en termos de universalidade a nosa particularidade. Temos a irrenunciable necesidade de enfrontar as numerosas medidas que agriden e desprezan a nosa lingua, a nosa cultura, que non dubidan en esquilmar a nosa terra e o noso medio natural, emprobrecendo tamén á maioría das persoas, con retrocesos históricos a nivel de dereitos.
16 de Maio do 2013 ·
Dende o Sindicato Labrego Galego, instamos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a poñerse do lado dos labregos e labregas da Galiza expresando publicamente o seu rexeitamento ao informe da Comisión Nacional da Competencia (CNC) sobre o borrador da Lei da Cadea Alimentaria. Como xa denunciou o SLG, este informe pretende abortar a introdución de prohibir as vendas por baixo dos custes de produción no texto definitivo da lei.
10 de Maio do 2013 ·
O Sindicato Labrego Galego pide ao Ministerio de Agricultura que tome partido polas explotacións e polos labregos e labregas e inclúa no articulado da Lei da Cadea Alimentaria a prohibición de que se impoñan prezos por baixo dos custes de produción, unha práctica a todas luces abusiva que arruinou e segue a arruinar a miles de explotacións e que atenta contra os principios máis básicos das relacións comerciais. E esa toma de partido tense que traducir en desautorizar o informe que vén de publicar a Comisión Nacional da Competencia (CNC) no que arremete, precisamente, contra esta prohibición por entender que “supón incluír no proxecto un mecanismo de fixación de prezos mínimos”.
8 de Maio do 2013 ·
O Sindicato Labrego Galego apoiará a folga do ensino de mañá, 9 de maio, por compartir coas entidades convocadoras o rexeitamento á Lei Wert e aos recortes que está a sufrir a escola pública que, coma sempre, se están a amosar especialmente cruentos cos centros escolares das zonas rurais de Galiza.
A tramitación da Lei da Cadea Alimentaria e a loita para que recolla a prohibición de vender por baixo dos custes de produción, os contratos no sector lácteo, a ofensiva xeneralizada da industria mineira en toda Galiza, os encontros europeos de mulleres e da mocidade da Vía Campesina en Teo e Budapest, ou a actualidade sobre conflitos relacionados coa morosidade de certas industrias como Lácteos Tambre ou varias adegas de Rías Baixas, ocupan boa parte das páxinas do número 296 de Fouce. Xa podes descargalo en pdf premendo na icona da parte inferior desta páxina.
A falta dunha análise polo miúdo, a nova Lei da Cadea Alimentaria supón unha xerra de auga fría para o agro galego e do Estado, ao non prohibir que industrias e intermediarios poidan seguir pagando prezos en orixe por baixo dos custes de produción. Desta maneira, o Ministerio de Agricultura avala as prácticas mafiosas de industrias como moitas do sector lácteo que, na actualidade, pagan o litro de leite a un prezo medio de 31 céntimos, un valor moi por debaixo dos 40 céntimos que custa producilo e que está levando a moitas explotacións do noso país á ruína.
O último número de Fouce xa saiu do prelo con novas de actualidade como o Encontro de Mulleres, a Festa de Inverno no mercado de Teo, a folga de entregas no sector lácteo e as súas primeiras consecuencias ou as mobilizacións sociais contra os recortes en dereitos e servizos públicos nas que estivo implicado a fondo o Sindicato Labrego Galego.Se queres botarlle unha ollada antes de lelo na edición impresa, podes descargar o pdf no enlace que hai ao final desta páxina
O Sindicato Labrego Galego, como membro da Plataforma Queremos Galego, apoia a manifestación do domingo, 27 de xaneiro, en Santiago de Compostela (ás 12:00 horas na Alameda), baixo o lema “Pola lingua que nos une”.
O Sindicato Labrego Galego inaugurou hoxe, 23 de xaneiro, o seu novo local na vila de Ordes para atender a afiliación de toda a comarca. Este novo inmoble foi adquirido en virtude do convenio de colaboración asinado en 2008 entre as tres organizacións agrarias e a Xunta, e atópase nas galerías comerciais xunto á Alameda de Ordes, na rúa Alfonso Senra nº 117.
A Alianza Social Galega, da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, ofreceu unha rolda de prensa, o pasado 13 de decembro e coa presenza de Lidia Senra, para convocar concentracións de protesta nas principais vilas galegas. O obxectivo desta mobilización é o de reivindicar saídas alternativas á crise que non pasen polas retalladas drásticas que se lle están a dar a dereitos e servizos públicos básicos para a cidadanía.
O Sindicato Labrego Galego apoia a convocatoria de Folga Xeral para o 14 de Novembro , e fai seu como Membro da mesma , o Manifesto da Alianza social galega , por entender que os recortes sociais que estamos sufrindo afectan a toda a sociedade, pero moi especialmente ao medio rural e aos labregos e labregas, que xa antes da aparición da crise, estábamos a sufrir en carnes propias as agresións das Politicas neoliberais.
Os tres meses de mobilizacións unitarias e loita que desenvolveu o sector lácteo, entre o verán e o outono deste ano, ocupan varias páxinas deste Fouce 294, que vén de saír da rotativa. Tamén as marchas por unha boa alimentación que saíron de varios puntos de Europa para confluír en Bruxelas en plena celebración do 40º aniversario da Política Agraria Común. Ademais, tamén mereceron un lugar especial o Premio Semente de Verdegaia a dúas labregas do SLG, as manifestacións en defensa do ensino rural ou a creación de novas plataformas cívicas como a Alianza Social Galega ou unha unión permanente entre varios colectivos para enfrontarse á praga dos lumes.
O Sindicato Labrego Galego quere expresar o seu total apoio ás reivindicacións da Plataforma pola Defensa da Montaña e do Rural e ás mobilizacións que os colectivos sociais que a integran están a facer contra os drásticos recortes en moitos centros escolares rurais.
O Sindicato Labrego Galego apoiará e participará nas manifestacións convocadas polos sindicatos obreiros nas principais vilas galegas, o 19 de xullo, contra as retalladas do Goberno Central e da Xunta de Galicia, que están a provocar un grave deterioro das condicións e dereitos laborais e sociais da cidadanía en xeral, e da clase labrega en particular.