A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG pide a ampliación do prazo para alegar os dereitos da PAC e presentará queixa diante da Valedora do Pobo

O SLG pide a ampliación do prazo para alegar os dereitos da PAC e presentará queixa diante da Valedora do Pobo

2 de Decembro do 2016

Oficina agraria virtual
O pasado 15 de novembro, o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) publicaba no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha resolución pola que se daba publicidade á asignación de dereitos do réxime do pagamento básico da Política Agraria Común (PAC). Trátase dunha resolución importantísima para as nosas granxas, xa que nela se fixan os dereitos en base aos cales se determinará a contía das axudas para máis de 30.000 labregos e labregas da Galiza no período 2014-2020, dándoselle ás persoas afectadas un mes de prazo para alegar ou facer reclamacións.

A pesares da importancia que ten esta resolución, a publicidade que se lle está a dar é moi deficiente. Polo de agora, só se publicou no DOG, un medio para comunicar avisos oficiais ao que a maior parte dos e das profesionais da agricultura non accede case nunca; ademais, tampouco se avisou dende a Xunta que o DOG ía ser o medio para poñer en coñecemento das persoas interesadas a apertura do prazo de alegacións. Pasados quince días dende a publicación da resolución no DOG, están comezando a chegar aos domicilios das persoas interesadas as primeiras cartas de aviso por correo ordinario. Sabendo os precarios medios dos que dispón Correos no rural e a escasa frecuencia de reparto nas parroquias e aldeas, é de prever que cando remate o prazo de alegacións miles de labregos e labregas sigan sen saber que o seu nome foi publicado no DOG cunha asignación de dereitos pola que xa non poderán reclamar.

No mellor dos casos, o daquelas persoas que si viron a resolución no DOG ou recibiron a carta de aviso, non lles foi comunicada información esencial sobre os dereitos asignados para poder saber se deben ou non reclamar. Para iso, é necesario facer a comprobación por vía electrónica, un medio ao que non todo o mundo no rural ten acceso.

Por todo o devandito, e para que este proceso administrativo se desenvolva con garantías para todas as persoas interesadas, instamos á Consellaría de Medio Rural a ampliar un mes, como mínimo, o prazo para poder reclamar e presentar alegacións diante da asignación de dereitos do réxime do pagamento básico da Política Agraria Común (PAC).

O gabinete xurídico do SLG prepara unha queixa diante da Valedora do Pobo para democratizar a publicidade de avisos oficiais e os procedementos administrativos

Actualmente, as axudas da PAC son unha das principais fontes de ingresos para miles de granxas que venden o produto do seu traballo a perdas ou con escasísimas marxes de beneficio que farían ruinosa a actividade de non ser por estas subvencións. Para o Sindicato Labrego Galego é inadmisible que dende a Consellaría de Medio Rural se estea a dar unha publicidade tan deficiente dunhas axudas esenciais para o agro galego e cuxa contía se fixará agora até o ano 2020.

Para o SLG, o xeito de comunicar avisos oficiais por parte da Xunta nos sectores agrogandeiros, e a informatización de todos os procesos administrativos ligados, marxina miles de labregos e labregas. Cómpre ter en conta que o agro galego está moi envellecido, cun 60% dos e das profesionais cunha idade superior aos 60 anos. Normalmente, as persoas que teñen unha idade avanzada non se desenvolven ben coas novas tecnoloxías ou carecen de equipos e servizos electrónicos como ordenadores, smartphones ou conexión a Internet. Esta xente sofre unha indefensión absoluta e a súa marxinación respecto dout@s colegas de profesión. Por este motivo, o gabinete xurídico do Sindicato Labrego Galego está traballando na presentación dunha queixa formal diante do Valedor do Pobo para que a Xunta habilite formas de comunicación e procedementos administrativos ao alcance da totalidade dos e das profesionais de agricultura para garantir a súa igualdade de oportunidades e dereitos.