A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG insta a Medio Rural para que reclame á AEAT a exención fiscal nas axudas de incorporación ao agro

O SLG insta a Medio Rural para que reclame á AEAT a exención fiscal nas axudas de incorporación ao agro

3 de Xaneiro do 2017

Mozo labrego

O ano 2016 remataba coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentando o reparto de fondos europeos do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2014-2020 para apoiar pequenas granxas, plans de mellora nas explotacións agrarias e a incorporación de xente nova.

Dende o Sindicato Labrego Galego vemos positivamente as 618 incorporacións de xente nova ao agro aprobadas, xa que a remuda xeracional e o acceso de mozos e mozas á profesión agraria debe ser unha prioridade de Galiza como país para afrontar retos como a estruturación do territorio, o despoboamento rural, a absoluta dependencia alimentaria do exterior ou o paro xuvenil; retos que non se poden afrontar cunha agricultura, como a nosa, na que máis do 60% dos e das profesionais superan os 60 anos de idade e tan só o 5% ten menos de 40.

Porén, tamén nos preocupa fondamente a ausencia total de medidas para solucionar a morea de problemas que supón para a xente nova que se incorpora á actividade agraria recibir unhas axudas que, en principio, deberían servir para apoiar os inicios dunha actividade profesional. Sen embargo, lonxe de axudar, recibir esas axudas está a supor para moita xente nova un auténtico viacrucis burocrático, impositivo e sancionador por parte da Axencia Tributaria que, en 2016, supuxo para moitos mozos e mozas unha redución dun terzo da contía recibida e quedar sen liquidez na posta en marcha da súa actividade profesional.

Así, temos exemplos reais de mozos e mozas que cobraron, en 2014, ao redor de 22.000 € de subvención aos que, ao ser considerados ganancia patrimonial, se lles quitou de impostos entre 5.000 e 6.000 €; se, por riba, cometeron o erro de non declarar a subvención -as persoas beneficiadas non son informadas de que deben facelo- entón ao imposto houbo que engadir unha multa, levándolles Facenda máis de 7.000 €. A isto, súmase o agravante de que, ao serlles aprobadas as axudas en 2014, a Axencia Tributaria obrigoulles a pagar na declaración da renda dese ano, cando o cobro efectivo da axuda foi en 2015. Mesmo houbo casos de persoas beneficiarias que renunciaron á axuda ou, finalmente, cobraron unha contía menor, ás que se lles obrigou a pagar igual. Dado que non foron anunciadas medidas para solucionar estes problemas por parte de ningunha administración -nin Consellaría de Medio Rural, nin Ministerio de Facenda- é previsible que os 618 expedientes de incorporación aprobados en 2016 na Galiza vaian sufrir os mesmos problemas.

Necesidade de exencións fiscais para a xente nova que aposta pola agricultura

Para o Sindicato Labrego Galego, as axudas para apoiar a incorporación de xente nova ao agro deben estar exentas de tributar impostos, xa que fiscalizalas atenta contra a función para a que foron concibidas e unha excesiva imposición, como o IRPF actual, crea dificultades engadidas ás persoas beneficiarias nun período moi delicado da súa actividade profesional no que se deben enfrontar a numerosas amortizacións e precisan dispoñer de liquidez.

Como medida transitoria, mentres non se regule esa exención, pedimos que se unifique o criterio de ratear o imposto sobre esta subvención durante os cinco anos obrigatorios do período de instalación, tal e como xa fan algunhas administracións e como se fixo até 2014; e que non se lle cobre a ningunha persoa beneficiada a totalidade do IRPF no mesmo ano coma se a axuda fose un incremento de capital.

Por todo o devandito, se a Consellaría de Medio Rural desexa realmente que as axudas de incorporación apoien de verdade os inicios na profesión agraria de mozos e mozas, instámola a reunirse con responsábeis da Axencia Tributaria para tratar todas estas cuestións e a esixir, de maneira inmediata, a unificación de criterios para que todas estas axudas sexan consideradas investimento de capital por Facenda, de maneira que tributen de xeito rateado; e, a medio prazo, negocien co Ministerio de Facenda a exención de tributos para este tipo de axudas.