A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG denuncia un desastroso sistema de xestión administrativa que pon en perigo millóns en axudas agrarias

O SLG denuncia un desastroso sistema de xestión administrativa que pon en perigo millóns en axudas agrarias

30 de Abril do 2017

Burocracia

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos denunciar unha preocupante deriva de desidia administrativa, que afecta transversalmente toda a Xunta de Galicia, e que se pode traducir na perda da varias liñas de axudas esenciais para a a viabilidade das nosas granxas.

Nestes momentos, estamos coa tramitación das axudas da PAC, dos plans de mellora nas explotacións e das subvencións á incorporación de xente nova á profesión agraria, entre outras. E este ano repítese algo que xa temos denunciado noutras ocasións: xestionar estas axudas é un auténtico viacrucis burocrático que, lonxe de mellorar, empeora ano tras ano. Vexamos por que:

  1. As axudas convócanse con un mes de prazo, manifestamente insuficiente, xa que requiren documentos de tramitación lenta, como licenzas de obra no caso dos plans de mellora; ou estudos económicos e de viabilidade para as incorporacións. Por exemplo, os plans de incorporación convocáronse o 31 de marzo, pero foron modificados por unha normativa complementaria o 20 de abril, cando o prazo de solicitude remata o 2 de maio. Certo que se vai ampliar o prazo até o 15 de maio, pero iso soubémolo a finais de abril, e fomos tendo información a través de rumores e vías extraoficiais, coma o Facebook da conselleira de Medio Rural (ver imaxe). Semella que, a partir de agora, vai ser necesario facerse “amigo” ou “amiga” de Ángeles Vázquez para ter cumprida información da súa Consellería. En calquera caso, estes prazos insuficientes e unhas ampliacións que se anuncian a última hora xeran unha inseguridade e unha indefensión que se solucionarían dando un prazo razoable, dende o principio, para tramitar unhas axudas tan complexas.

  2. Moitas tramitacións e xestións estaban a ser desenvolvidas polas oficinas agrarias comarcais. O desmantelamento dese servizo esencial para o agro está facendo que, cada vez, estean a prestar menos apoio aos labregos e labregas. Neste senso, as OACs deixaron de prestar servizos como o apoio á tramitación das axudas da PAC ou os estudos económicos para as subvencións de incorporación. Paseniño, o que debera ser un deber da administración pública, estase a privatizar, xa que se trata de xestións que as granxas teñen que externalizar en xestorías ou asesorías privadas pola súa grande complexidade e esixencias técnicas.

  3. Nos últimos tempos, a administración está a afacerse a unha serie de prácticas moi negativas para o as persoas administradas. Por exemplo, informatizar todo a través de procesos moi complexos, cando no rural hai serias dificultades para ter acceso a Internet, e cando a profesión agraria está notablemente envellecida e moitos e moitas profesionais non saben utilizar novas tecnoloxías, é manifestamente discriminatorio. Máis alá da Consellaría de Medio Rural, trátase dunha eiva extensible á propia administración da Xunta que tamén afecta a consellarías importantes para o agro, como a de Facenda. Por se non abondase, os sistemas informáticos desenvolvidos pola Administración para tramitar estas axudas son unha auténtica chapuza e dan serios problemas ano si, e ano tamén.

  4. Cómpre pensar que moitas granxas se acollen a dúas ou máis destas axudas, e teñen que facer estes trámites no mesmo período de tempo, polo que o proceso burocrático se converte nunha misión imposible.

Así as cousas, é posible que moitas granxas non superen esta carreira de obstáculos que supón a tramitación de moitas axudas agrarias das que precisan para seguir funcionando e que, polo que se ve, a Xunta teima en dificultar cada ano un pouco máis con decisións que só lle competen a ela

Dende o SLG, vemos necesaria unha ampliación dos prazos de solicitude máis alá do 15 de maio, dado que segue a ser un período de xestión insuficiente por motivos que competen, exclusivamente, a erros e deficiencias da propia Administración. De paso, tamén pediriamos que en anos vindeiros solucionasen todas estas eivas con medidas como un maior apoio das oficinas agrarias comarcais, prazos suficientes e realistas para realizar as tramitacións ou o desenvolvemento de aplicacións informáticas máis sinxelas e efectivas que as actuais. Ao fin e ao cabo, as axudas deberían servir para apoiar a actividade económica das nosas granxas e non para complicarlle a vida aínda máis aos labregos e labregas que traballan nelas.

FB Conselleira