A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG organiza un foro LGTBI este sábado en Arzúa para “sacar do armario os sindicatos agrarios”

O SLG organiza un foro LGTBI este sábado en Arzúa para “sacar do armario os sindicatos agrarios”

13 de Xuño do 2017

Rolda SLG LGTBI

O Sindicato Labrego Galego ofreceu, o 12 de xuño, unha rolda de prensa para presentar o primeiro Foro LGTBI “O rural galego entende. Faite ver”, co que se pretende abordar colectivamente a situación actual das persoas e comunidades LGTBI que residen no entorno rural ou que teñen relación co campo. Desta maneira, crearemos un espazo para dar visibilidade a unha realidade que pouco ten que ver cos estereotipos do colectivo LGTBI que amosan, decotío, un sector poboacional eminentemente urbano. Precisamente, un dos obxectivos do foro é “desurbanizar a axenda LGTBI e deconstruír a ruralfobia latente dentro e fóra deste movemento”.

As persoas encargadas de presentar o evento foron o sociólogo e activista LGTBI, Ángel Amaro; e a responsábel da Secretaría das Mulleres e membro da Executiva do SLG, María Ferreiro. Esta última destacou que é a primeira vez en Europa que unha organización agraria trata abertamente a cuestión LGTBI, “pois só temos un precedente a nivel global neste senso: o encontro “O MST e a diversidade sexual”, que organizou o Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil en agosto de 2015”. Porén, María Ferreiro recoñeceu que “a cuestión LGTBI non estivo até agora nas nosas axendas de traballo. Si é certo que xa ten xurdido en debates e experiencias que levamos a cabo, especialmente no ámbito feminista. Por iso, con este foro pretendemos abrir unha fenda de traballo importante para o futuro”.

Pola súa banda, Ángel Amaro tamén destacou que este foro se enmarque dentro do sindicalismo agrario, e enumerou en cinco os obxectivos do evento:

  1. Socializar a idea de que o rural é diverso xa que no rural sempre houbo diversidade afectivo-sexual. A pesares de que moita xente pretende dicir o contrario e dar unha imaxe do campo coma un eido retrógrado, atrasado e LGTBIfóbico, existen moitos rurais, e nós queremos reivindicar aquel que ten vida, que ten futuro e que é un espazo onde sempre houbo sexodiversidade.

  2. Visibilizar as posibilidades e potencialidades que ten o rural para xerar alianzas e espazos de creación colectiva. O rural, ademais de ser diverso, dá cancha para desenvolver moitas iniciativas e proxectos de ámbito comunitario.

  3. Desurbanizar a axenda LGTBI e deconstruír a ruralfobia latente dentro e fora do movemento LGTBI. Hai diversidade máis alá das cidades, máis alá do barrio de Chueca ou de Madrid e doutras grandes cidades.

  4. Tecer alianzas estratéxicas entre sindicatos agrarios, colectivos LGTBI e activistas neorrurais. Dende este punto de vista, o programa do Foro favorecerá a confluencia de todos estes axentes sociais, xa que ademais de participantes da Galiza, haberá presenza de activistas de fóra como Paula Gioia, que vén de Alemaña en representación da Vía Campesina; Nicola Durán, de Catalunya; Isabel Álvarez, do País Valencià; ou Esti Redondo, de Euskadi.

  5. Achegar a agroecoloxía, o movemento labrego e o ecoloxismo á axenda LGTBI, construíndo un movemento sexodiverso vinculado ao medioambiente.

Este foro”, concluíu Ángel Amaro “é unha aposta pola interseccionalidade e pola mestura. En definitiva, unha aposta pola diversidade de activistas, movementos e espazos de creación colectiva e popular. A nosa aposta pasa porque, a partir de aquí, o rural entenda mellor que a xente saia do armario; que lesbianas, gais, trans e bisexuais se fagan visibles tamén no contexto do sindicalismo agrario. Trátase, en definitiva, de que o propio Sindicato Labrego Galego se abra en canal á cuestión LGTBI e saia tamén do armario”.

Rolda LGTBI