A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. A desidia na xestión de pragas da Xunta e da Consellaría de Medio Rural ameaza mel, castaña e pataca na Galiza

A desidia na xestión de pragas da Xunta e da Consellaría de Medio Rural ameaza mel, castaña e pataca na Galiza

12 de Septembro do 2017

Velutina

Sexa por falta de medios, sexa por pura desidia e unha máis que deficiente xestión, á Consellaría de Medio Rural xa hai tempo que se lle foron das mans tres pragas que están a poñer en xaque tres importantes sectores produtivos galegos: a avespa velutina no sector apícola, a couza guatemalteca no da pataca e a avespiña do castiñeiro.

Comezando pola avespa asiática, a Plataforma Stop Velutina estima que, na Galiza, xa hai máis de 100.000 niños de velutina, un insecto invasor que xa está comezando a colonizar as cidades, devastando as nosas colmeas e constituíndo un serio problema de seguridade cidadá. A retirada de niños estase a facer de maneira moi lenta, xa que só se atenden de xeito inmediato os niños que supoñen un risco para a sociedade civil; os demais, que son a maioría, pode pasar máis dun mes dende que se avisa até que os retiran, o que aumenta a ineficacia da loita.

No caso da couza guatemalteca, foi directamente a Comisión Europea a que lle deu un tirón de orellas á Consellaría que dirixe Ángeles Vázquez. En efecto, grazas ás denuncias interpostas pola eurodeputada Lidia Senra, “a Comisión Europea levou a cabo unha inspección en España a fin de avaliar a situación e a eficacia dos controis oficiais de loita contra a Tecia solanivora na Galiza e Asturias. (…) Os resultados da inspección poñen de manifesto que as medidas adoptadas dificilmente lograrán erradicar a praga”, e só poderán servir para “conter a súa propagación natural”.

Lonxe de escoitar, na Consellaría de Medio Rural fan oídos xordos ás críticas e procuran marxinar calquera colectivo ou organización que cuestione a súa nefasta xestión. Un exemplo claro disto último é que a Consellaría excluíu ás organizacións agrarias da comisión de control da couza guatemalteca celebrada o 30 de xuño. E coa comisión de seguimento da velutina pasou exactamente o mesmo. Desta maneira, exclúense os colectivos afectados -pro- dutores e produtoras de mel e pataca- e deixase a xestión das pragas en mans de tecnócratas e do funcionariado.

En canto á avespiña do castiñeiro, a praga xa se estendeu ao 56% dos municipios galegos e foi detectada en 76 concellos de Ourense, 50 de Lugo, 33 da Coruña e 17 de Pontevedra. Agora mesmo, a loita que se está a facer é biolóxica, coa solta dun parásito da avespiña, o Torymus sinensis, pero de maneira moi localizada, o cal fai que non estea a server para deter o avance da praga.

A parte disto, a Consellaría de Medio Rural non está a promover outro tipo de accións de loita complementarias que poderían reforzar a loita biolóxica co Torymus. De feito, dende o SLG acudimos ás oficinas agrarias comarcais para denunciar a presenza de avespiña en castiñeiros, e atopámonos con que non existe ningún protocolo de actuación, nin tan sequera de recollida de datos, para asesorar ás persoas afectadas na loita contra a praga.

Así as cousas, é de prever que nos vindeiros anos haxa unha forte caída na produción de mel, pataca e castaña na Galiza, coas consecuentes perdas millonarias en sectores que teñen un forte enraizamento no noso medio rural. Ademais das explotacións e empresas que viven profesionalmente destes cultivos, cómpre destacar o importante complemento económico que estas producións supoñen para miles de familias labregas e non labregas na Galiza que, aínda que se dediquen principalmente a outras actividades económicas, completan os seus ingresos coa produción de pataca, mel ou castaña.

Pragas na Galiza