A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Ángeles Santos, presidenta de Plataforma Rural: “Cómpre reducir a fenda entre a calidade de vida urbana e a rural”

Ángeles Santos, presidenta de Plataforma Rural: “Cómpre reducir a fenda entre a calidade de vida urbana e a rural”

13 de Septembro do 2017

Ángeles santos

A Ángeles Santos o de ser labrega venlle de berce. Ao rematar os seus estudos universitarios, xunto co seu irmán, deron relevo a unha granxa familiar ecolóxica “onde coidamos praderías, cultivamos cereais e leguminosas e viven as nosas ovellas churras das que obtemos leite para elaborar os nosos queixos”. Ademais, dende que se incorporou, Ángeles implicouse na loita sindical a través da COAG, pasando da simple afiliación a formar parte da Executiva en Zamora e do Pleno Rexional. Actualmente, Ángeles é presidenta de Plataforma Rural.

Angeles Santos

A finais de marzo, celebráronse multitude de actos con motivo do 60 aniversario do Tratado de Roma. Como cres que lle sentaron todos estes anos de PAC á xente nova do rural?

A pesares da implantación doutras medidas da PAC, os mozos e mozas que están a traballar no sector agrario e aqueles que queren incorporarse, aínda teñen que superar importantes obstáculos de natureza económica, social e de mercado, ademais de enfrontarse aos atrancos propios por ser xente nova.

Os mozos e as mozas que comezan a producir son persoas críticas coa forma de alimentación que existe. Ademais, sabemos que as decisións tómanse en Bruxelas e é importante participar, pero existe a sensación de que o que fan alí queda lonxe de nós e das nosas necesidades. Debemos traballar para acurtar esas distancias e facer das políticas europeas as nosas políticas.

O modelo agrario que defendemos e que Europa precisa pasa, necesariamente, por un modelo de explotación familiar, sostible e profesional da agricultura; pero os paradoxos das políticas agrarias actuais fan que se vaia erosionando, precisamente, este modelo.

Un dos principais problemas da mocidade labrega e tamén rural relaciónase, en grande medida, coa incorporación á actividade agraria. Para labrar un futuro digno nos pobos e ser o sustento dunha nova sociedade é fundamental a presenza de novos proxectos e xente nova nos campos.

Os mozos e as mozas que queren incorporarse, ou que se fan cargo de granxas, enfróntanse a unha situación de incerteza sobre o futuro da agricultura e a gandería que se ve agravada por importantes problemas sociais e estruturais. Ademais, teñen que aturar duras circunstancias como a dificultade de acceso á terra e ao crédito, a falta de axudas e un inxustificado desprestixio da súa actividade.

Non tomar en serio á mocidade labrega é un grande erro porque parten con avantaxe á hora de concibir a actividade agrícola dende un concepto moderno e adaptado ás novas tecnoloxías e, polo tanto, se dispón dos instrumentos e o marco lexislativo axeitado, está capacitada para afrontar o reto da seguridade alimentaria producindo alimentos de calidade cun uso racional dos recursos naturais.

Que tipo de políticas habería que desenvolver dende Bruxelas para favorecer o asentamento dos mozos e das mozas no campo? Por que cres que non se fai?

Para que haxa unha incorporación real de mozos e mozas e unha poboación activa agraria suficiente para darnos de comer, precisamos políticas que protexan a quen se incorpore.

Actualmente, existe a urxencia e a necesidade dunha ambiciosa política de relevo xeracional a nivel europeo e estatal No ano 2010, segundo datos da Comisión Europea, só o 5'3% dos labregos e labregas do Estado estaba por baixo dos 35 anos de idade, mentres que o 56'3% pasaba dos 55 anos. É dicir, temos dez labregos e labregas que pasan dos 55 por cada mozo ou moza menor de 35.

Isto xera, a longo prazo, unha serie de situacións negativas que son determinantes para que a instalación da mocidade no sector agrario sexa unha realidade ou non. Por detallar algunhas, eu destacaría a falla de oportunidades e facilidades necesarias para unha formación axeitada para os mozos e mozas das zonas rurais; un acceso escaso ou precario a bens como a terra, os servizos financeiros ou a propiedade ou ter capacidade restrinxida para organizarnos e auto-representarnos, do mesmo xeito que para entender e influír sobre as decisións e as políticas que nos afectan.

Os obxectivos que deberían cubrir, por exemplo, as medidas de desenvolvemento rural respecto da incorporación de mozos e mozas deberían ser a mellora da calidade de vida no medio rural e a creación de novas oportunidades para evitar o crecente despoboamento das zonas rurais.

É precisa a redución da fenda existente entre a calidade de vida urbana e rural. Tense que traballar polos dereitos e a igualdade de oportunidades entre a mocidade do medio rural con respecto á do urbano. A fenda entrambas, no tocante aos recursos tecnolóxicos e de comunicación, representa un importante obstáculo para a mocidade agraria e rural. Reducir esta diferenza e contribuír á súa información deberían ser obxectivos a implantar.

Entendo que os pagamentos directos da futura PAC deben reorientarse para garantir a viabilidade das explotacións familiares da UE en todas as rexións, territorios e zonas desfavorecidas. Sinceramente, non sei por que non se fai e se coida dos agricultores mozos; somos o futuro para proporcionar alimentos a unha poboación crecente. É preciso crear condicións para que a poboación rural nova teña posibilidades de iniciarse na forma de vida que elixiron. Non podemos abandonalos á súa sorte, porque sen mozos e mozas no campo e sen a súa actividade agraria suporía, entre outras cousas, a deslocalización da produción e a dependencia alimentaria

Máis alá das políticas comunitarias, ¿cres que poden desenvolverse alternativas para a xente nova a partir de medidas municipais, autonómicas ou estatais? Estase a facer?

É unha realidade que un mozo ou unha moza do rural non ten as mesmas facilidades para a mobilidade, nin para o emprego, nin para o seu desenvolvemento persoal, e que conta con menos recursos públicos que a mocidade urbana.

O máis efectivo para atraer mozos e mozas ao campo, e mantelos na actividade agraria, é a de poder gañar dignamente a vida con ela grazas á rendibilidade das súas explotacións.

É preciso incentivar o papel da mocidade agraria como protagonista do desenvolvemento agrario e rural e, ademais, garantir o presente e o futuro do sector. Os mozos e mozas queremos producir e comer alimentos máis naturais, respectando o medio ambiente, e estamos a favor do consumo de proximidade, de produtos que se cultiven localmente e non percorran centos ou miles de quilómetros. Polo tanto, é necesario traballar e defender esquemas produtivos baseados en avantaxes competitivas que poidan aproveitar as particularidades locais na elaboración e a transformación, a través de actividades sostibles.

Na programación de desenvolvemento rural 2014-2020, as administracións deberían incluír como prioritaria a medida de apoio á instalación de agricultores e agricultoras mozas en todo o territorio do Estado. O obxectivo debería cubrir a demanda crecente de instalacións no sector agrario por parte dos mozos e mozas e incorporar ao maior número posible. Non podemos deixar pasar a oportunidade que presentan as crecentes vocacións para rexuvenecer o noso sector agrario.

Tamén é necesaria a mellora da coordinación con outras medidas de desenvolvemento rural aplicables aos agricultores e agricultoras mozas. Se ben a principal medida de desenvolvemento rural é a axuda á instalación, outras ás que poidan acollerse son tamén moi importantes. Trataríase de acadar as maiores sinerxias posibles para unha maior efectividade. Entre estas medidas resultan moi interesantes as relacionadas co asesoramento a granxas, as agroambientais, a innovación, a formación, etc.

As administracións deben mellorar varios aspectos relacionados con estas medidas de apoio, como a axilización e redución da burocracia, que se permita a compra de terra coas axudas á incorporación ou que se dean máis axudas cunhas esixencias adaptadas á realidade dos mozos e das mozas.

Recentemente, celebrouse o X Foro por un Mundo Rural Vivo en Minglanilla. Houbo colleita de novas ideas ou proxectos en relación coa mocidade?

Este X Foro por un Mundo Rural Vivo foi o meu primeiro foro como presidenta de Plataforma Rural, pero tamén o primeiro ao que asisto. A miña impresión contrastada con persoas que asistiron aos últimos foros foi que os mozos e as mozas estanse mobilizando, e que lles importa o mundo rural. Esta edición foi a máis numerosa en canto a asistencia, pero tamén é destacable a porcentaxe de persoas mozas que alí atopamos. Polo xeral, a xente nova que participou no encontro reclamaba proxectos sostibles e respectuosos co medio ambiente, buscan alternativas ao modelo capitalista que se nos quere impoñer e loitan dende os seus municipios, dende as súas parroquias, para mudar as políticas públicas. Foron moitos os proxectos de vida que no Foro se expuxeron, todos coas súas ilusións e as súas realidades, pero co obxectivo de mellorar e visibilizar o mundo rural. Non podería poñer ningún por riba doutro.

Como ves a mocidade labrega a nivel organizativo? É máis rebelde ou máis conformista que a mocidade de antano?

Os tempos van mudando e as persoas mudan con eles. Non é o mesmo un mozo ou unha moza de agora que hai cincuenta anos. Pero as inquedanzas e as gañas de loitar si que son as mesmas. Os mozos e as mozas do rural queremos un futuro nos nosos campos, facendo o que nos gusta e mantendo a vida nas aldeas. Temos ao noso alcance outras tecnoloxías e outros xeitos de comunicarnos e movémonos por eses medios. Pero o que creo que todos e todas temos claro, antes igual que agora, é que a unión fai a forza, que debemos manternos unidos e unidas para conseguir as nosas metas.

Cres necesaria unha maior implicación da mocidade para dar unha viraxe ás políticas e modelos agrarios?

A mocidade labrega somos a clave, a forza da sociedade, do medio rural e da agricultura e a gandería. Cada vez son máis granxas que teñen como filosofía a agroecoloxía. E os mozos e mozas que traballamos en agricultura e gandería, cada vez temos máis formación e eliximos que este sexa o noso modo de vida. Iso fai que sintamos orgullo do noso traballo e poidamos transmitirllo ao resto da sociedade. Pero tamén demandamos ás institucións propostas para o sector. Que sexa tratado coma un sector estratéxico, implicarse no desenvolvemento no mundo laboral, non limitarse a dar unha axuda.

Coa crise, moitas persoas desempregadas, mozas e non tan mozas, volven a súa mirada cara ao campo. Cres que esta crise pode ser unha oportunidade para repoboar e rexuvenecer o campo?

As crises sempre son unha oportunidade para repensar as cousas, pero unha decisión coma volver ao campo, e máis vindo da cidade, debe ser ben estudada. Levar unha granxa agora non é o mesmo que hai uns anos. Agora é imprescindible a formación. Actualmente, para xestionar unha granxa como a miña, na que temos todo o ciclo produtivo, dende o cultivo da terra, pasando pola gandería, até a elaboración e venda dos nosos produtos (queixos, años...) é preciso ser agricultora, mecánica, gandeira, veterinaria, administrativa, queixeira, comercial, informática, guía turística...

Ademais, o modelo produtivo predominante fai que te metas en grandes investimentos e é moi difícil ser moza e comezar de cero en agricultura e gandería.

Pero, se de verdade queres este modo de vida, adiante. Eu falaríalle a esa xente que se quere iniciar das avantaxes, pero tamén dos retos que terán que afrontar. É un erro idealizar o medio rural. Creo que as persoas que viven na cidade non coñecen a realidade da vida diaria no campo. Sería moi recomendable establecerse nunha aldea e contactar coas labregas e labregos do lugar para coñecer de primeira man a súa visión e para que nos poñan cos pés na terra.

Porque traballar no medio rural é unha opción viable. Somos produtores e produtoras de alimentos, somos as coidadoras da paisaxe, das sementes, da biodiversidade, da cultura... Como dixo Marco Tulio Cicerón, aínda que eu trocaría o “home libre” do final por “persoa”: “A agricultura é a profesión propia do sabio, a máis axeitada ao sinxelo e a ocupación máis digna de todo home libre”.