A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. A mocidade do Sindicato Labrego Galego reclama de Medio Rural solucións á fiscalización abusiva da Axencia Tributaria

A mocidade do Sindicato Labrego Galego reclama de Medio Rural solucións á fiscalización abusiva da Axencia Tributaria

9 de Novembro do 2017

Impostos abusivos rural

Un grupo de mozos e mozas do Sindicato Labrego Galego vidos de diversos puntos de Galiza desprazouse hoxe, 9 de novembro, até Compostela para denunciar diante da Consellaría de Medio Rural as prácticas abusivas que están a sufrir por parte da Axencia Tributaria. E fixérono rexistrando un escrito dirixido á conselleira, Ángeles Vázquez, no que se lle reclama unha entrevista para poder expoñerlle esta problemática e que realice as xestións necesarias diante do Ministerio de Facenda para que os mozos e mozas que apostan contra vento e marea por labrarse un futuro na profesión agraria non sigan a sufrir a agresiva e inxusta fiscalización da Axencia Tributaria.

En contraste coa campaña publicitaria da Xunta que predica o falso slogan “Impostos cero no rural”, dende o Sindicato Labrego Galego xa temos denunciado o problema dos impostos abusivos na transmisión das granxas de pais e nais a fillos e fillas, ou a fiscalidade aplicada ás axudas de incorporación á actividade agraria.

No primeiro dos casos, cando se traspasa unha granxa aos fillos ou fillas, a Axencia Tributaria considera que os dereitos de pagamento básico da Política Agraria Común (PAC) que van aparellados á explotación son unha ganancia patrimonial, como se fose unha operación de compravenda, polo que lle aplican unha taxa impositiva superior ao 15% sobre o suposto valor deses dereitos.

Outro problema que denunciamos foi o da excesiva fiscalidade que a Axencia Tributaria imputa ás primas de incorporación -os impostos poden chegar a un terzo do importe da axuda- e a enorme carga burocrática que supoñen. Coñecemos casos concretos de mozos e mozas a quen se lles concedeu unha prima de incorporación de 22.000 € que, ao ser considerada ganancia patrimonial, tivo que tributar entre 5.000 e 6.000 €. A isto, engádese o agravante de que Facenda cóbrache eses impostos no ano da concesión, cando o ingreso efectivo da prima é no seguinte ano.

Dende o Sindicato Labrego Galego levamos anos denunciando esta fiscalidade inxustificable que atenta contra o espírito de apoiar e incentivar a incorporación de xente nova á profesión agraria. Precisamente, os primeiros pasos nunha explotación agrogandeira supoñen, decotío, ter que acometer gastos extraordinarios para garantir uns determinados ingresos a medio e longo prazo, e neses primeiros meses ou anos de actividade é de vital importancia ter unha mínima liquidez garantida. Pero, a pesares de telo explicado e denunciando diante de responsables da Axencia Tributaria, do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, segue sen facerse nada ao respecto.

Por iso, hoxe volvemos dirixirnos á conselleira de Medio Rural para que faga o seu traballo e xestione diante da Axencia Tributaria e do Ministerio de Facenda os cambios necesarios para que as axudas de incorporación e a transmisión de dereitos da PAC entre familiares e sen ánimo de lucro queden exentos de tributar. Se o fai, poderá fachendear entón de que están a traballar para cumprir con esa campaña propagandística de “Impostos cero no rural” que, agora mesmo, está a ser, claramente, unha campaña de publicidade enganosa.

Impostos SLG rexistro