A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG pide á Seguridade Social que dea marcha atrás na obriga de telematizar todas as xestións para @s autónom@s

O SLG pide á Seguridade Social que dea marcha atrás na obriga de telematizar todas as xestións para @s autónom@s

10 de Maio do 2018

Vaca dixitalizada

O pasado 6 de marzo, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba a Orde Ministerial ESS/214/2018 que modifica a Orde ESS/484/2013 reguladora do Sistema de Remisión Electrónica de Datos na Seguridade Social. Esta nova orde obriga a todos os traballadores e a todas as traballadoras que cotizan polo Réxime de Autónom@s -incluíndo as dos reximes especiais agrícola e do mar- a incorporarse á administración electrónica e xestionar de maneira telemática todos os trámites coa Seguridade Social relacionados coa afiliación, cotización e recadación das cotas, incluíndo a recepción de notificacións e comunicacións.

A obriga farase efectiva a partir do 1 de outubro e, nas últimas semanas, os traballadores e traballadoras afectad@s comezaron a recibir cartas da Seguridade Social nas que se lles pide facilitar un número de teléfono móbil e unha conta de correo electrónico.

PERDA DE DEREITOS PARA A XENTE DO RURAL E A POBOACIÓN MÁIS ENVELLECIDA

Para o Sindicato Labrego Galego, esta obrigatoriedade supón un atranco máis na carreira de obstáculos burocrática que os labregos e labregas teñen que padecer nas súas relacións coa Administración. De feito, dende o SLG denunciamos que esta obriga supón un serio problema que converte as persoas que viven no rural en cidadanía de segunda en comparación coa xente que vive nos grandes núcleos urbanos, xa que a posibilidade de relacionarse telematicamente coa Administración é moi desigual dependendo de onde residas. Nun país coma o noso, onde a cobertura de Internet e telefonía deixa moito que desexar nas zonas rurais, onde a poboación do campo está moi envellecida e moita non sabe usar nin posúe teléfonos móbiles, ordenadores ou contas de correo electrónico -realidade extensible aos labregos e ás labregas-; telematizar os procedementos administrativos condena a unha parte moi importante da poboación a renunciar a relacionarse coa Seguridade Social e a ter que contratar os servizos dunha xestoría privada para poder facelo.

Por se non abondase, as persoas que si poden realizar os trámites administrativos por vía telemática, atópanse con que as plataformas tecnolóxicas das que dispón a Seguridade Social son obsoletas, deficientes e moi complexas de utilizar. Ademais, fallan decotío e provocan atrancos e demoras constantes só atribuíbles ao mal funcionamento dos programas informáticos. O peor de todo é que cando isto acontece, que é día si e día tamén, non hai persoal funcionario formado para solucionar este tipo de problemas, polo que resulta moi difícil, cando non imposible, resolvelos.

ROLDA DE CONTACTOS DO SLG CON RESPONSÁBEIS DA SEGURIDADE SOCIAL

Dende o Sindicato Labrego Galego, denunciamos que as relacións da Seguridade Social cos seus administrados e administradas van sufrir un grave deterioro por todo o devandito no que supón un claro avance no proceso de desmantelamento xeneralizado de servizos públicos que estamos a sufrir. Desta maneira, miles de cidadáns e cidadás poden e están a perder servizos e dereitos por non poder acceder a eles por vía telemática na Galiza.

Diante deste problema que é consecuencia directa dos recortes en persoal funcionario, dende o SLG imos iniciar unha rolda de contactos cos e coas responsábeis da Seguridade Social e do Goberno para que dean marcha atrás ou, cando menos, maticen a orde ministerial. Para o SLG, a Seguridade Social está obrigada a garantir os dereitos daquelas persoas que, por idade, formación, lugar de residencia ou calquera outra causa, non pode realizar xestións administrativas por vía telemática. E para iso debe garantir que, máis alá da obrigatoriedade de telematizar todos os procedementos administrativos, esas persoas poidan facer calquera trámite directamente con persoal funcionario. No rural galego téñeno doado: garantir os dereitos das persoas administradas mantendo a rede de oficinas da Seguridade Social con recursos materiais e humanos suficientes para que os labregos e labregas que cotizan no Sistema Especial de Traballadores e Traballadoras do Agro (SETA) que o precisen, especialmente aquelas persoas de idade máis avanzada, poidan realizar calquera xestión ou trámite directamente sen ter que recorrer a unha xestoría privada, tal e como acontecerá de maneira xeneralizada se non se modifica a Orde ESS/214/2018.