A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Campaña informativa e de alegacións contra a modificación do PXOM de Curtis que desprotexe o solo agrario e forestal

Campaña informativa e de alegacións contra a modificación do PXOM de Curtis que desprotexe o solo agrario e forestal

16 de Maio do 2018

Concello de Curtis

O Concello de Curtis ten en fase de exposición pública, até o 28 de maio, a modificación puntual nº 7 do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para facer as alegacións ou achegas que se consideren oportunas. O Sindicato Labrego Galego posiciónase contra esta modificación porque pretende suprimir todo o solo rústico de protección agropecuaria e case todo o solo rústico de protección forestal, que pasarían a ser solo rústico de protección ordinaria.

O Concello argumenta que aparellada a esta modificación, aínda que pendente de elaboración, estaría prevista unha “Ordenanza de usos do solo rústico” que determinaría onde se desenvolverían os usos agrarios e os forestais, xa que así disporía dunha maior “flexibilidade” para a adaptación dos usos do solo, fronte á “rixidez” da Lei do Solo, para mudar as diferentes categorías de solo rústico.

Porén, a realidade é moi distinta á que nos quere facer ver o Concello de Curtis. A modificación do PXOM que pretende levar a cabo implica que tanto o solo agrario e forestal quedarán desvalorizados e con menor protección. A posición contraria do Sindicato Labrego Galego baséase en que o resultado desta modificación non contribúe a “ordenar o solo”, que é a finalidade que ten un planeamento municipal. Pola contra, este cambio normativo incide na desprotección dos propietarios e propietarias das terras afectadas, sexan de uso agrario ou forestal, xa que a Consellaría de Medio Rural deixaría de ser o organismo sectorial de referencia, e poderían levarse a cabo actuacións e permisos de actividades de calquera tipo sen que Medio Rural puidese emitir ningún informe nin posicionarse de ningún xeito.

A DESPROTECCIÓN COMPROMETE A BASE TERRITORIAL DE CENTOS DE GRANXAS

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, en 2009 Curtis contaba con 389 granxas que sostiñan 454 unidades de traballo agrario e xestionaban case 6.000 hectáreas de terras, o que equivale á metade do territorio municipal. Con estes datos na man, é evidente que a actividade agrogandeira ten unha importancia fundamental no Concello de Curtis. De feito, o alcalde, Javier Caínzos, tense manifestado publicamente na defensa da mesma, polo que entendemos que esa defensa dos sectores agropecuarios curtenses debería reflectirse tamén nas políticas de ordenación do solo que leva a cabo o equipo de goberno que dirixe, xa que a tendencia dos últimos anos é de perda de superficie agraria útil, e isto redunda nunha mingua da competitividade das granxas deste municipio coruñés.

Dende o Sindicato Labrego Galego pensamos que na ordenación e protección do solo non caben atallos nin medias tintas, e a modificación que se pretende levar a cabo en Curtis incumpre a Lei 2/2016 do Solo de Galicia así como o regulamento que a desenvolve. Diante disto, o noso gabinete xurídico redactou un modelo de alegacións que facilitará e estará dispoñible nas oficinas do SLG en Teixeiro (Doutor Martínez Pardo 13, 1º) para que todas as persoas afectadas poidan asesorarse e presentalas de cara a deter un cambio normativo que deixará indefensas as granxas de Curtis diante dos intereses especulativos do sector industrial.