A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Un cento de familias gandeiras de Agolada asinan para pedir un prazo extraordinario nas bonificacións do IBI

Un cento de familias gandeiras de Agolada asinan para pedir un prazo extraordinario nas bonificacións do IBI

21 de Maio do 2018

bando agolada

Preto de un cento de familias gandeiras de Agolada, asesoradas polo Sindicato Labrego Galego, veñen de rexistrar hoxe, 18 de maio, un escrito no concello coas súas sinaturas no que se pide a apertura dun prazo extraordinario para poder solicitar as bonificacións no IBI correspondentes ao exercio do 2018 para as construcións das explotacións agrarias e gandeiras.

A maiores, este cento de familias gandeiras solicitou do equipo de goberno modificar as ordenanzas fiscais para que se apliquen as exencións e bonificacións máximas que permite a Lei de Facendas Locais para os bens inmobles de naturaleza urbana.

Na exposición de motivos, o escrito rexistrado recorda que:

O Pleno do Concello de Agolada aprobou o 07/11/2017 a modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre os bens inmobles, que logo se publicou o día 10/11/2017 no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. En dita modificación establécese para o ano 2017 unha bonificación do 95% da parte da cota integra do imposto relativa a construccións rústicas indispensables para o desenvolvemento das explotacións agrícolas, gandeiras, ou forestais, previa declaración de especial interese ou utilidade pública municipal por concorrer circunstancias tanto sociais como de fomento do emprego.

Considerando que o prazo que se deu a convocatoria foi insuficiente, de apenas dúas semanas, e con ningunha publicidade, o que fixo o que fixo que ningún gandeiro se puidera acoller a solicitude da bonificación. O Concello, ademais de contar con mecanismos de presión para defender á súa xente, conta con posibilidades legais para establecer, non un trato de favor, se non un trato xusto e que atenda ás circunstancias sociais. Así a lexislación de facendas locais conta con mecanismos para facer valer os intereses da poboación rural e adicadas á actividade agrogandeira, como é o caso de exencións e bonificacións a través de oportunas ordenanzas, sempre no marco das súas competencias.

A Lei de Facenda Local contempla a posibilidade dunha bonificación para os bens inmobles de naturaleza urbana situados nas áreas ou zonas do concello que, conforme o establecido na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia e no planeamento urbanístico municipal vixente, correspondan a asentamentos de poboación singularizados pola vinculación ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro ou forestal, e cuxo nivel de servizos básicos de titularidade municipal sexa insuficiente, establecendo unha bonificación de entre o 50 ata o 95%. Outros concellos de marcado carácter rural da contorna teñen aplicado exencións de ata o 95% para inmobles vencellados con actvidades do sector primario. Vivendas rurais nas que vivan familias numerosas, etc. Sen ir máis lonxe, concellos como Lalín, Melide,Oza-Cesuras, Curtis, Touro ou Frades recollen, aínda que mellorables, notables bonificacións para a actividade agrogandeira”.

Diante de todo isto, as familias asinantes esixen “dos representantes públicos municipais deste concello que se impliquen na defensa da súa xente ante esta situación, pois as liquidacións recibidas dificultan a viabilidade das explotacións, tanto actual como futura”.