A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Unhas palabras sobre Ramón Muñiz de las Cuevas

Unhas palabras sobre Ramón Muñiz de las Cuevas

21 de Xaneiro do 2019

Ramón Muñiz

por Xosé Ramón Cendán

O 30 de novembro, deixou de estar entre nós Ramón Muñiz, Marcelo. Na argumentación patriarcal, hai aquel dito de que detrás de cada home triunfador hai unha gran muller. Ramón é un caso aparte. El contribuía a mellorar outros líderes e deixaba para eles os aplausos. Ramón Muñíz de las Cuevas é unha desas persoas que sementou moito na súa vida. E, desas sementes, saíron moitas colleitas.

Coñécese que sementaba xa no nacionalismo alá pola segunda metade dos anos 60 do século pasado, cando estudaba Socioloxía en MADRID. Alí xa escribía e participaba para traballar por outra Galiza, non sometida ao Franquismo, non sometida ao espolio do centralismo, que puidese decidir democraticamente, coa súa propia soberanía nacional, para construírse a si mesma, para reconstruír a liberdade cultural, política e económica, a súa propia organización social, para deixar de ser dependente e sacar do atraso e da pobreza a inmensa maioría da poboación galega, en base a un desenvolvemento endóxeno e integrado intersectorialmente. Nesa etapa, Ramón Muñiz integrouse na UPG, cando a militancia política, nacionalista e de esquerda, na loita franquista, era a máis reprimida e penada naquel pola ditadura.

Cando o partido deu o paso de crear organizacións sociais e sindicatos galegos, unha persoa COS PÉS NA TERRA, Muñíz, ou tamén MARCELO (nome para o traballo político-social), asume o encargo e coordina un traballo moi importante, sutil e clandestino para comprometer un grupo importante de persoas, para dotar as labregas e aos labregos (daquela, unha clase social moi empobrecida que supuña a metade da poboación de Galiza) dunha organización que respondese aos obxectivos da estratexia desenvolta polo partido. Ese grupo vaise agrandando con estudantes, mestras, cregos, etcétera, creándose os COMITÉS DE AXUDA Á LOITA LABREGA (CALL). Así, foise avanzando no contacto coas labregas e labregos. O traballo deu os seus froitos e no ano 1973, cando saíu á luz a organización COMISIÓNS LABREGAS-SINDICATO LABREGO GALEGO.

Por aquel entón, Muñíz (Marcelo) exercía como sociólogo en Extensión Agraria, pero seguía a coordinar dende a UPG a expansión da organización. Foi a época na que comezaron as loitas contra os proxectos de encoros, celulosas, térmicas, nucleares, privatización de praias, etcétera. A defensa da terra da especulación, da contaminación e da usurpación do medio de vida da xente. Aparte do xa construído sen que reportase nada a Galiza e, despois de encarnizadas loitas, construíronse dous grandes encoros e as dúas centrais térmicas, pero o resto de grandes proxectos non saíron para adiante.

Os activos agrarios tiñan que pagar a Seguridade Social, como autónomos. Pero, a maiores, debían afrontar tamén a COTA EMPRESARIAL, supostamente polas xornadas de persoas contratadas, que se calculaba pola superficie de terra que tivesen, cando, en realidade, non tiñan obreiros -agás excepcións- nin terras suficientes para traballar e acadar unha renda digna. Esta loita que empezou na clandestinidade, seguiu na transición até a metade da década dos 80, cando se gañou. A loita contra a cota empresarial propiciou as maiores mobilizacións agrarias e unha das maiores de Galiza que se teñen feito.

Na ultima parte dos 70, Ramón deixou a coordinación dos CALL, pero seguiu toda a vida a loita agraria e as actividades e mobilizacións do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, sobre todo aquelas que tiñan que ver coa defensa da terra e dos dereitos dos labregos e das labregas por unha renda polas súas producións para ter unha vida digna.

Ramón Muñíz, en toda esa etapa, aparte das responsabilidades na loita labrega, tamén foi un político e activista integral para o nacionalismo, para a loita polas persoas máis desfavorecidas ou para o mundo da cultura. Neste último senso, Muñiz foi un dos principais impulsores na creación e consolidación da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, por citar algunha.

No plano político, a comezos dos 80 foi tamén un dos impulsores do nacemento do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e formou, durante un tempo, parte da súa dirección.

Ademais, foi o principal impulsor e coordinador das edicións das XORNADAS AGRARIAS GALEGAS que, por cantidade e calidade de relatores e participantes nos debates, así como polas conclusións editadas, non tiveron parangón.

Mesmo no eido editorial, coordinou a edición especial do voceiro das Comisións Labregas, o FOUCE, nun volume que recompila todos os números da publicación na súa etapa da clandestinidade, dende 1973 a 1977, e que publicou Espiral Maior en 1995.

Tras esta etapa, Ramón Muñiz cambiou de traballo, deixando Extensión Agraria e pasando a servizos sociais, xa na Coruña. Aquí sería un dos principais impulsores, en 1989, da Asociación Galega contra a Pobreza. En 1992, crearíase a REDE GALEGA CONTRA A POBREZA que, xunto coa catalá, darían orixe á rede española. O equipo de persoas que fixo posible isto, tería un papel protagonista na rede española e na europea, conseguindo que se incluíran parte das súas propostas en leis sobre servizos sociais e pobreza, aínda que a execución desta lexislación deixe moito que desexar.

Ramón Muñíz tamén foi o mentor da IRMANDADE MONCHO VALCARCE, cuxo obxectivo é conservar a memoria do crego das Encrobas e dar notoriedade ás loitas e reivindicacións labregas, con especial énfase naquelas que teñen por obxectivo a defensa da terra, e do traballo do nacionalismo en xeral.

Podemos salientar que a semente que plantou Ramón Muñiz deu moitos froitos en dignidade para Galiza e as galegas: menos asolagamentos, menos celulosas, a paralización da enerxía nuclear na Galiza, a conservación de praias, a loita contra a pobreza, etcétera.

Seguir a loita contra as novas formas de especulación e acaparamento da terra, da auga, do medio ambiente, da expropiación dos recursos de todos e de todas privatizados para uns poucos, o que deteriora os dereitos e os servizos básicos para maior desigualdade e insostibilidade. Bloquear esta deriva para que o conxunto da sociedade galega sexa dona dos recursos para recuperar os seus dereitos básicos, reducir a desigualdade e poder gobernar a sostibilidade do país so servizo de todos e de todas, seria ou será a mellor colleita desa semente plantada.

Hai que salientar que Ramón Muñiz era dunha familia acomodada que, coa súa capacidade podería ter levado unha vida con maiores beneficios económicos e incluso cun maior recoñecemento público. Pero optou por dedicar os seus esforzos e medios ás persoas máis desfavorecidas, aparte de acadar co seu traballo unha maior relevancia pública para moitas persoas que estaban con el.

Nas reunións, ás veces era brusco, para que os debates non quedasen só nun filosofar ácrata e fosen pragmáticos, para que esas xuntanzas servisen a uns obxectivos de decisión e programación. Pero, máis alá diso, era un pracer desfrutar da relación con el, amigo dun numeroso grupo de persoas durante todos eses anos, o mesmo que a súa compañeira Margarita e o seu fillo.

Ramón Muñiz era un home de traballo colectivo, rodeado sempre de amigos e persoas importantes nestas actividades que realizou ao longo da súa vida de activista. Aínda que non as citemos por motivos de espazos, sen dúbida téñeno ben merecido. Obviamente, este texto non pretende ser ningunha biografía, aínda que sería desexable que alguén realizase ese traballo de explorar a fondo a vida de Ramón Muñiz.

GRAZAS RAMÓN

Ramón Muñiz

Ramón Muñiz dirixíndose á histórica asemblea labrega no Pavillón dos Deportes de Lugo, convocada polas Comisións Labregas contra a cota empresarial o 26 de novembro de 1977 e que congregou, segundo a fonte que se consulte, entre 15.000 e 25.000 persoas