A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG denuncia o desmantelamento da Oficina Agraria Comarcal de Xinzo e demanda recursos suficientes para ela

O SLG denuncia o desmantelamento da Oficina Agraria Comarcal de Xinzo e demanda recursos suficientes para ela

4 de Febreiro do 2019

A Limia

O Sindicato Labrego Galego rexistrou unha instancia na que se interpela á Consellaría de Medio Rural para que dote de suficientes medios materiais e humanos a Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Xinzo de Limia. No escrito presentado denúnciase que “sendo a OAC de Xinzo de Limia a que conta con maior carga de traballo de todas as oficinas agrarias comarcais da provincia de Ourense e de Galicia, tanto en volume como en número de explotacións (...), leva varios meses sen técnicos para tramitar axudas nin para xustificar as xa aprobadas”.

A gravidade deste feito medra se pensamos que vén de abrirse o prazo para tramitar as axudas da Política Agraria Común (PAC) e, en pouco tempo, comezarán as campañas para solicitar subvencións como as de novas incorporacións, os plans de mellora, etcétera, que supoñen unha carga de traballo extraordinaria á que non van poder responder dende a oficina limiá.

A situación tórnase moi preocupante se temos en conta que os labregos e labregas da Limia acode decotío para que lles xestionen estas axudas aos servizos privados de xestorías e entidades bancarias onde, no meirande dos casos, non teñen “a capacitación nin os coñecementos suficientes para realizar os trámites que prestaban os servizos técnicos das OACs, ocasionando en moitos casos prexuízos ás explotacións agrícolas e gandeiras por erros de solicitude e tramitación”.

Para o Sindicato Labrego Galego, o desmantelamento da Oficina Agraria Comarcal de Xinzo de Limia inscríbese nunha política clara de recortes que a Xunta de Galicia e a Consellaría de Medio Rural levan anos executando en toda a rede de OACs de Galiza, substituíndo moitos servizos por trámites telemáticos que, na maioría dos casos, obrigan a usuarios e usuarias a contratar servizos privados para poder xestionalos. Ademais, as OACs foron perdendo, co paso dos anos, o seu importante labor de formación e asesoramento para as nosas granxas e explotacións, reducíndose o seu indispensable rol para o noso agro á mera burocracia.