A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG pedirá no Consello Agrario Galego a prórroga das axudas agroambientais para que non se perdan na Galiza

O SLG pedirá no Consello Agrario Galego a prórroga das axudas agroambientais para que non se perdan na Galiza

10 de Xuño do 2019

PDR

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, solicitará, no Consello Agrario Galego do 21 de xuño, que a Consellaría de Medio Rural cree unha partida orzamentaria para prorrogar as axudas agroambientais das que se están a beneficiar ao redor de 4.000 granxas na Galiza, principalmente en Lugo e na montaña de Ourense.

Na conxuntura actual, na que se está preparando unha reforma da Política Agraria Común (PAC) e os orzamentos comunitarios para agricultura están temporalmente conxelados, faise necesario que sexa a propia Consellaría de Medio Rural a que adiante os cartos das axudas agroambientais para 2020 e 2021 de cara a garantir a súa continuidade. Comunidades veciñas como Castela e León xa o fixeron, destinando unha partida de 56 millóns de euros para cubrir estas dúas anualidades; mentres que a Xunta de Galicia aínda non se pronunciou ao respecto, creándose unha grande incerteza no sector e corréndose o risco de perder estas subvencións que ascenden, de media, a uns 4.000 euros por granxa.

Estas axudas supoñen un pulo importante para a economía das granxas que practican modelos mais sustentables de produción, vinculados ao territorio, especialmente das granxas de vacún de carne, dados os baixos prezos que perciben polas súas producións. Ademais, as axudas agroambientais garanten prácticas agronómicas respectuosas co medio ambiente, o mantemento de zonas desfavorecidas de montaña, a xestión sustentable do territorio, a loita preventiva contra os lumes forestais en zonas de alta actividade incendiaria ou efectos paliativos contra o cambio climático.

O DESMANTELAMENTO DAS OFICINAS AGRARIAS COMARCAIS PROVOCA XA UN ANO DE ATRASO NO COBRO DAS AXUDAS A PEQUENAS EXPLOTACIÓNS

Por outra banda, outra das cuestións que levará a secretaria xeral do SLG ao Consello Agrario Galego será a dos atrasos que se están a producir no cobro de subvencións relacionadas co agro, como as axudas a pequenas explotacións. Estamos a falar de subvencións correspondentes ao ano 2016 e de importes aprobados en xaneiro de 2017; transcorridos os 18 meses de prazo para xustificar en xuño de 2018, momento no que xa se poden cobrar, as granxas beneficiarias seguen sen ver un céntimo e acumulan un ano de atrasos no cobro. E iso a pesares de ter realizado os investimentos aprobados e de vencer o prazo de carencia acordado coas entidades bancarias que adiantaron o capital para investir nas melloras, o cal está a xerar serios problemas económicos e de liquidez para moitas granxas

Para o Sindicato Labrego Galego, estes atrasos débense ao desmantelamento da rede de oficinas agrarias comarcais e do cadro de persoal da Consellaría de Medio Rural. Nestas axudas, as persoas beneficiarias teñen 9 meses para solicitar o primeiro tramo (60% de 15.000€ no caso de pequenas explotacións) e outros 9 para a xustificación final. O pago do último tramo de axudas está condicionado á “comprobación da correcta execución do plan empresarial” por parte de funcionarios e funcionarias da Consellaría de Medio Rural, que son quen certifican que se cumpren os compromisos e fan a proposta de pago. O problema é que, debido aos recortes no cadro de persoal da Consellaría, os funcionarios e funcionarias que quedan non dan abasto para facer estas comprobacións.

MEDIO RURAL SEGUE PORFIANDO EN ESTABLECER PRAZOS IMPOSIBLES PARA PRESENTAR A LICENZA MUNICIPAL DOS PROXECTOS SUBVENCIONADOS

Ademais, na convocatoria destas axudas en 2019, que están actualmente en vigor, hai serias eivas á hora de cumprir os requisitos esixidos, como poñer como prazo límite o 15 de setembro para presentar as licenzas municipais das obras subvencionadas, algo imposible de cumprir habida conta de que a lentitude burocrática no meirande dos concellos galegos verase agravada, coma sempre, polas vacacións estivais e, este ano en concreto, polos diversos cambios de goberno tralas eleccións municipais.

Respecto disto, cómpre salientar que a Consellaría de Medio Rural xa é coñecedora deste problema porque nas últimas tres convocatorias puxo o mesmo prazo e sempre tiveron que acabar ampliándoo, coñecedora de que é imposible de cumprir. Sería moito mais viable que este requisito se esixise no momento de certificación dos investimentos, dando tempo suficiente á concesión da licenza. Neste particular, Isabel Vilalba tamén denunciará este problema no Consello Agrario e pedirá solucións para que non siga a repetirse ano tras ano.