Nesta terceira entrega sobre os organismos xeneticamente modificados (OXMs) imos falar dos coñecidos como "impulsores xenéticos". A que nos referimos cando falamos de impulsores xenéticos? Trátase dunha nova técnica de enxeñería xenética que se usa para forzar a transmisión ás seguintes xeracións dun ou varios xenes en especies vexetais como animais.
A idea das grandes empresas de OXMs é liberar na natureza estes organismos con impulsores xenéticos (OIX) para que, unha vez se reproduzan cos individuos naturais, e co paso dunhas poucas xeracións, a especie natural DESAPAREZA, implicando a súa aniquilación.
Pero non só é unha idea das grandes empresas de OXMs. Para que nos decatemos da importancia estratéxica que teñen os impulsores xenéticos, debemos saber que as entidades que están a investir máis cartos na investigación desta técnica son a Axencia de Proxectos de Investigación Avanzada do Departamento de Defensa dos EEUU e a Fundación Bill & Mellinda Gates. Estas entidades, xunto a outras como Facebook, teñen investido ao redor de 250 millóns de dólares en investigar isto. E de seguro que as súas intencións pouco teñen que ver co progreso e o beneficio da humanidade.
A delgada liña entre o agro e a carreira armamentistica
A técnica dos impulsores xenéticos usarase para provocar a extinción de determinadas especies. Isto, nun contexto de conflito (lembrade, o Departamento de Defensa dos EEUU está metido no allo), pode ser usado para eliminar as fontes de alimentos dos “inimigos”.
No noso eido, a agroindustria propón unha agricultura “á carta” no que se refire á loita contra pragas e enfermidades. Isto, aparte de facer que coma produtoras de alimentos caïamos totalmente nas súas mans e pasemos a depender deles en tódalas facetas da produción (sementes, fertilizantes, fitosanitarios, OXMs con impulsores xenéticos, comercialización...), supón a liberación na natureza de organismos cuns efectos que ningún estudo pode prever, e cunhas consecuencias para as xeracións futuras totalmente descoñecidas.
Os impulsores xenéticos son o ataque máis serio até hoxe contra a natureza e o medio ambiente, contra todo aquilo que nos sostén como especie e nos permite vivir no planeta Terra.
Que sucederá coa humanidade nun medio ambiente totalmente manipulado polas agroindustrias?
Non podemos facernos a máis mínima idea do que o uso destas técnicas de manipulación xenética suporán para o medio ambiente e para nós. Podemos tentar pensar nalgúns dos seus efectos, pero quedariamos moi curtos. O uso destes impulsores xenéticos afectaría o manexo dos cultivos e da terra, a auga, os alimentos. Tamén afectaría ás comunidades indíxenas, campesiñas e tradicionais. Suporía unha uniformización na produción de alimentos aínda máis acusada que a actual, o incremento do control da alimentación por grandes corporacións privadas e un aumento da fenda da riqueza das grandes empresas respecto dos pobos e países.
Todo isto suporía un atranco que anularía o dereito á soberanía alimentaria dos pobos, o dereito a escoller unha alimentación sa e unha nutrición saudable. E, para unha maioría de labregos e labregas, imposibilitaría o dereito a ter unha vida digna.
Diante deste delirio das grandes corporación por facerse co control absoluto da alimentación, o principio de precaución debería impoñerse. Non podemos deixar que sexan unhas poucas grandes empresas confabuladas cos gobernos máis neoliberais as que usen esta tecnoloxía no noso entorno.