A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O Concello eliminará a barreira que mantén inmobilizada a unha veciña de Abadín tras pasar o caso a mans da Fiscalía

O Concello eliminará a barreira que mantén inmobilizada a unha veciña de Abadín tras pasar o caso a mans da Fiscalía

24 de Xaneiro do 2020

Obras na casa de Pilar

Tras seis anos de loita, Pilar Fernández, muller con mobilidade reducida que se veu enclaustrada por culpa dunhas obras do Concello de Abadín, viu por fin chegar os obreiros esta semana para eliminar a barreira arquitectónica que lle impedía saír da súa casa en O Coto (Abeledo). As obras levarán tan só tres días, o que indica que non foi precisamente a súa complexidade a que mantivo a Pilar nunha dependencia absoluta doutras persoas para poder entrar e saír do seu propio domicilio durante máis dun lustro. Que moveu ao alcalde, o popular José María López Rancaño, a ordenar o inicio das obras tras seis anos teimando en non facelas?

Probablemente, o feito de que a Fiscalía Xeral de Lugo abrise unha investigación para determinar se ao rexedor abadinense se lle pode imputar un delito de prevaricación por omisión.

En concreto, o pasado 12 de novembro, o Fiscal Xefe Provincial, Roberto Brezmes Caramanzana, ratificou a denuncia interposta pola Fiscal Instrutora do Xulgado de Mondoñedo, Claudia González Fernández, abrindo dilixencias de investigación penal contra o alcalde de Abadín por ser os feitos denunciados presuntamente constitutivos dun “delito de prevaricación, segundo o artigo 404 do Código Penal na súa modalidade omisiva, posto que a inactividade despregada na xestión do presente asunto polo alcalde de Abadín resultaría ser un comportamento que se aparta da busca da satisfacción do interese público como finalidade primordial da actuación administrativa, e trataríase dun comportamento inxusto e arbitrario e, ademais, prolongado no tempo máis alá de calquera prazo razoable...” Curiosamente, ese mesmo día, o 12 de novembro, o Concello de Abadín contrataba a obra que se está a executar esta semana xunto á casa de Pilar Fernández.

O capricho dun alcalde coa complicidade da Xunta de Galicia

Todo comezou en 2013, cando o Concello de Abadín deu unha nova capa de asfalto á pista que pasa a carón do domicilio de Pilar. A elevación do firme creou un chanzo insalvable para ela, que ten unha minusvalía do 84% e precisa dunha cadeira de rodas para desprazarse.

Dende 2013, ao ver que de nada serviron as peticións reiteradas ao Concello de Abadín para que reparase un problema que el mesmo provocara, creouse un grupo de traballo para apoiar a Pilar na súa demanda no que estivo integrado dende o principio o Sindicato Labrego Galego e que contou coa dinamización da coordinadora do SLG na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo. Ademais de reiteradas peticións ao Concello, tamén se recorreu á Valedora do Pobo en numerosas ocasións.

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego levou este tema ás tres xuntanzas do Consello Galego de Benestar en 2019, motivo polo cal se activou a súa Comisión de Accesibilidade. Neste senso, temos que denunciar que esta Comisión de Accesibilidade fixo un claro abandono de funcións neste caso a pesares de ter pleno coñecemento del, polo que sospeitamos da complicidade da Xunta de Galicia coa teima particular do alcalde de Abadín. Finalmente, o caso púxose en coñecemento da Fiscalía, tal e como vimos.

A maiores, as denuncias de Pilar chegaron a outras instancias como o Parlamento de Galicia, da man do grupo de En Marea, ou ao Parlamento Europeo, levadas pola eurodeputada galega Lidia Senra. Ademais, hai un ano, Pilar foi unha das protagonistas da Folga Feminista celebrada con motivo do 8 de marzo en Vilalba, cando, a través da lectura dun manifesto, declarou a súa vontade de “seguir loitando contra todo tipo de violencia e inxustiza, veña de onde veña. Porque isto que me fan a min é un maltrato institucional contra o que seguirei loitando”.

Agora, seis anos despois, e tras ducias de denuncias, escritos e recursos, o Concello de Abadín comezou unhas obras que ás penas lle levará realizar tres días para eliminar a barreira arquitectónica. Por desgraza, ninguén lle poderá devolver a Pilar os seis anos da súa vida nos que foi totalmente dependente para poder saír e entrar da súa propia casa, nin compensala pola rabia e a impotencia sufridas durante todo este tempo, todo polo puro capricho e arbitrariedade dun alcalde que así o decidiu, e dun equipo de goberno que o apoiou nesa decisión. A forza e a enteireza de Pilar na loita polos seus dereitos foi toda unha lección de dignidade e un exemplo para o Sindicato Labrego Galego, que seguirá comprometido en defender e denunciar calquera outro caso semellante a este que se dea en calquera aldea, lugar ou parroquia da Galiza rural.

Pilar Fernández e Margarida Prieto

Nos extremos da imaxe, á esquerda, Margarida Prieto e, á dereita, Pilar Fernández, sentadas fronte á Casa do Concello de Abadín