A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG pide que a Galiza rural sexa declarada zona catastrófica en caso de que Madrid acade ese privilexio

O SLG pide que a Galiza rural sexa declarada zona catastrófica en caso de que Madrid acade ese privilexio

14 de Xaneiro do 2021

Vacas na neve

No Reino de España, tan afeito como está a mirarse o embigo, descoidando sempre as periferias, asistimos estes días a unha mutación na que semella que todos os medios de comunicación se rexionalizaron para marcar a súa axenda coma se todos fosen Tele Madrid. Semella que é só Madrid a grande damnificada porque neve en inverno, e o gran debate de Estado que temos agora é decidir se declaramos a capital do Reino como zona catastrófica ou non, coma se todos os males habidos e por haber se tivesen concentrado nese punto concreto da meseta castelá.

Na Galiza, levamos toda a vida vendo como se nos ignora cando nos afectan desastres naturais como grandes nevaradas, xeadas a destempo no agro, sarabiadas nos períodos máis sensibles das colleitas ou asolagamentos xusto cando un sementa. As nosas zonas de montaña xa están afeitas a ficar incomunicadas días ou semanas no inverno sen que ninguén se lembre delas, sen abrir os noticiarios, sen reclamar nada porque saben que nada será o que obteñan.

A ex-conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, deixou para a posteridade unha frase que no Sindicato Labrego Galego queremos rescatar para incluíla no debate de se Madrid debe ser declarada ou non zona catastrófica: «Se me preguntades por axudas directas, creo que son moi clara. Díxeno desde o primeiro día, aquilo que é asegurable non é subvencionable». Estas palabras viñeron a conto por unhas xeadas e sarabiadas que arrasaron colleitas enteiras na Galiza no ano 2017, especialmente no sector vitícola. Tal e como aseverou a conselleira, as familias damnificadas remataron por non recibir nin un céntimo porque, como non, os seguros agrarios están deseñados en Madrid especialmente para amparar a agricultura sureña e levantina, sendo decotío inviables nun país como Galiza.

Gustaríanos que en Madrid aplicasen esta frase de Ángeles Vázquez no debate porque, realmente, todo o que lles estragou a nevarada era probablemente asegurable. En caso contrario, dende o Sindicato Labrego Galego reclamamos que se Madrid é declarada zona catastrófica, acaden tal categoría todos os territorios do Estado que sufriron danos polas nevaradas e as xeadas da última semana. A maiores, tamén pedimos -pois sería de xustiza para evitar agravios comparativos- que, a partir da hipotética declaración de Madrid como zona catastrófica, todo aquel territorio do Estado que sufra danos a causa de inclemencias meteorolóxicas, de aquí en diante, sexa declarado zona catastrófica e, polo tanto, as arcas do Estado afronten a fondo perdido todos os gastos necesarios para subsanar os danos causados e restablecer a normalidade. O contrario sería unha flagrante discriminación territorial que, dende o Sindicato Labrego Galego, non estamos dispostos nin dispostas a tolerar.