A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. A Coordinadora por un Reparto Xusto dos fondos Next Generation pide a retirada da Lei de Simplificación por afondar aínda máis na depredación do territorio galego

A Coordinadora por un Reparto Xusto dos fondos Next Generation pide a retirada da Lei de Simplificación por afondar aínda máis na depredación do territorio galego

22 de Febreiro do 2021

23 F

Despois de enviar unha moción a boa parte dos concellos galegos, as organizacións que estamos na Coordinadora por un Reparto Xusto dos Fondos Next Generation convocamos unha concentración de protesta o 23 de febreiro, ás 12:30 horas, diante do Parlamento de Galiza. O motivo é expresar o noso rexeitamento á Lei de Lei de Simplificación Administrativa e Reactivación Económica, coa que o PP achánzalle o camiño a grandes corporacións e empresas para seguir depredando o territorio e, por riba, financiadas cos fondos públicos de recuperación do Next Generation.

Se nada o impide, o Partido Popular volverá impoñer a súa maioría absoluta o vindeiro 23 de febreiro para aprobar a Lei de Simplificación Administrativa e Reactivación Económica. Baixo estes eufemismos, o novo texto legal, lonxe de simplificar a burocracia da Xunta ou de reactivar a nosa maltreita economía, só busca afondar o proceso desregulador iniciado coa Lei de Implantación de Iniciativas Empresariais aprobada en 2017, máis coñecida polos movementos sociais como Lei de Depredación. E faino reducindo aínda máis os prazos para a emisión de informes aos grandes proxectos -facendo na práctica case imposible poder informalos en prazo-, minimizando unhas garantías ambientais dabondo cativas agora mesmo, privatizando a emisión de ditames ou desregulando aínda máis o sector eólico.

Por ese motivo, a rede de organizacións e colectivos que estamos a demandar un reparto xusto dos fondos Next Generation, expresamos o noso frontal rexeitamento á Lei de Simplificación, que tamén establece os instrumentos de gobernanza para planificar, xestionar e controlar os recursos económicos financiados polos fondos europeos de recuperación e resiliencia. Deste xeito, sospeitamos que a principal intención do Goberno da Xunta coa súa aprobación é facilitar o reparto deses cartos entre grandes empresas e corporacións, privando á cidadanía de participar no proceso e nin sequera fiscalizar o impacto social e ambiental de moitos proxectos que, con toda probabilidade, esgrimirán as etiquetas de “proxecto industrial estratéxico” ou “iniciativa industrial prioritaria” (1) que lles brinda a nova lei para evitar trámites e procesos que consideramos esenciais no funcionamento democrático e igualitario da administración.

Inicialmente, concretamos a nosa oposición á aprobación da Lei de Simplificación enviando unha moción, ao longo da semana pasada, a boa parte dos concellos de Galicia para denunciar un texto legal que, de primeiras, usurpa competencias esenciais na administración municipal á hora de conceder ou non licenza a proxectos empresariais no seu ámbito territorial. Ademais, pensamos que os concellos, a través de organismos representativos como a Fegamp ou as deputacións, deberían ser unha das entidades participantes na planificación e toma de decisións no reparto dos fondos Next Generation -ademais das organizacións agrarias, mariñeiras, sindicais, ecoloxistas, ONGs, pemes, etc.- para garantir que eses cartos beneficien realmente o conxunto da cidadanía e as súas necesidades e que, asemade, se empreguen para unha recuperación sustentable e equitativa.

A maiores, tamén convocamos unha concentración de protesta mañá, 23 de febreiro, diante do Parlamento de Galiza ás 12:30 horas, para expresar o noso rexeitamento á Lei de Simplificación e ás consecuencias que implicará a súa posíbel aprobación.

Somos conscientes da urxencia de crear un marco legal para axilizar o investimento dos fondos Next Generation, pero non se pode facer de costas á sociedade galega, que é a que de maneira soberana e ampla debería decidir en que inviste eses cartos para que beneficien o conxunto da cidadanía e os sectores produtivos máis castigados pola crise. Todo o proceso de toma de decisións no referente aos fondos Next generation é extremadamente opaco, inxusto e cunha gravísima falta de participación pública. A Lei de Simplificación Administrativa o único que fai é desregular a execución de grandes proxectos empresariais de grande impacto ambiental e socio-económico e, o máis preocupante, deixa sentada a base para que grandes corporacións e empresas poidan dispor dos nosos recursos e o noso territorio como desexen e sen control cidadán. Vexámolo:

  1. Cesión da avaliación ambiental de proxectos a empresas privadas: A Xunta abre a posibilidade de asignar a elaboración dos informes de impacto ambiental dos proxectos a “entidades de colaboración ambiental”, é dicir, a empresas privadas. Diso encargarase un novo departamento con rango de subdirección xeral, a Oficina Doing Business (“facendo negocios”), encargada de acompañar a tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias. Ese “acompañamento” traducirase en apoios como “designar ou contratar xestores de proxecto para prestarlle ao suxeito promotor asistencia na tramitación administrativa e acompañamento e orientación no cumprimento dos distintos trámites”, dándolles financiamento público e acelerando os seus procesos administrativos coa subcontratación de empresas privadas para realizalos, como xa vimos.

  2. Minimiza os prazos para avaliar grandes proxectos. Cando a Xunta recorra a estas empresas privadas, os prazos para emitir a declaración de impacto ambiental ou a declaración ambiental estratéxica pertinentes reducirase de tres meses a un. Cómpre ter en conta que, precisamente, este tipo de grandes proxectos industriais, pola súa dimensión e complexidade, son os que precisarían dun prazo maior para avaliar convenientemente os seus impactos e dar tempo á cidadanía e sectores afectados a informarse ou presentar alegacións se fose o caso. Esta redución dos prazos a algo anecdótico e testemuñal, elimina completamente a participación cidadá e a fiscalización dos grandes proxectos empresariais que, decotío, son os que maiores impactos causan no medio ambiente e no territorio.

  3. Creación dunha administración de dúas velocidades: unha rápida e sen fiscalización para as grandes empresas; e outra lenta e chea de atrancos para o resto. Cos novos privilexios e prebendas que se lles van dar aos proxectos industriais estratéxicos e ás iniciativas industriais prioritarias, a Xunta creará dúas administracións diferenciadas: unha eficaz, rápida e con mínima fiscalización pública para as grandes empresas e corporacións con capacidade para promover grandes proxectos; e outra lenta, con prazos interminables e atrasos constantes nos procedementos, para o resto, vulnerando o principio de igualdade no trato nos procedementos administrativos.

  4. Agrava o acaparamento de terras na Galiza. Nas últimas décadas, Galiza sufriu unha fortísima presión por megaproxectos a través dos cales unhas poucas empresas están a acaparar miles e milleiros de hectáreas de terras que xa non poderán ser utilizadas para outra finalidade. Un bo exemplo témolo en Ence e nos centos de milleiros de hectáreas que se usan na Galiza para fornecela de materia prima, mesmo usurpando ilegalmente terras agrarias; pero tamén hai que citar as industrias mineira e enerxética como grandes acaparadoras. Por ilustralo co exemplo do sector eólico –que entendemos necesario para afrontar a emerxencia climática, mais de xeito ordenado, xusto e con participación das comunidades locais– a Lei de Simplificación permitirá a autorización de novas instalacións non previstas no Plan Sectorial Eólico, que prohibía expresamente novos proxectos non contemplados no seu texto. Ademais, non terán que someterse a un proceso de información pública todos aqueles proxectos de repotenciación de parques eólicos xa existentes que non superen o 20% da potencia instalada, os proxectos que non requiran unha avaliación ambiental ordinaria e os que non precisen declaración de utilidade pública.

Os colectivos e organizacións que reclamamos un reparto xusto dos fondos Next Generation entendemos que o pobo galego debe ser quen decida, da maneira máis plural e representativa, sobre a xestión e uso do seu patrimonio territorial, así como dos recursos financeiros dos que dispoña. Por iso, non podemos tolerar que o actual Goberno da Xunta hipoteque unha parte importante dese patrimonio territorial e malgaste os inxentes recursos financeiros que virán para Galiza dende a Unión Europea, para beneficiar o negocio dunhas poucas empresas en detrimento do conxunto da cidadanía. Esa cidadanía debería dispoñer deses fondos para afrontar a recuperación dunha crise que ameaza os alicerces da nosa economía e dos nosos principais sectores produtivos, ademais de prepararse diante de desafíos que condicionarán a vida das xeracións futuras como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou o devalo demográfico da maior parte do país.

Por todo o devandito, na moción presentada diante dos concellos galegos, pedimos:

Ao Parlamento de Galiza:

    1. Retirar a Lei de Simplificación Administrativa e Reactivación Económica tal e como está redactada, e redactar un novo texto de consenso.

    2. Aprobar un novo marco normativo para unha transición enerxética xusta e democrática, no que sexa garantida a participación pública, a participación cidadá e a preservación dos valores paisaxísticos, ambientais, sociais e culturais do territorio.

Á Xunta de Galiza:

  1. Artellar fórmulas de participación para que a cidadanía sexa quen decida que fai cos seus recursos territoriais e en que inviste os fondos Next Generation.

  2. Facer pública a composición do “comité de expertos” que asesora o reparto dos fondos Next Generation, e amplialo de maneira que a súa composición sexa o máis representativa posíbel da sociedade galega.

  3. Procurar que os investimentos dos fondos Next Generation para a reactivación económica respondan a criterios reais de sustentabilidade económica, social e ambiental.

  4. Facer pública a relación de propostas que van ser financiadas cos fondos de reconstrución europea e os seus expedientes, así como os criterios de selección das mesmas, e dar a posibilidade de sometelos a información e participación pública da cidadanía.


(1) Proxecto industrial estratéxico: Para ter esta categoría, a nova lei establece que un proxecto empresarial debe cumprir como mínimo dous destes tres requisitos: un investimento mínimo de 20 millóns de euros, creación dun mínimo de 100 postos de traballo ou complementar cadeas de valor e pertencer a a sectores estratéxicos. Iniciativa industrial prioritaria: Debe cumprir dous dos seguintes tres requisitos: crear un mínimo de 25 postos de traballo, investir como mínimo 1 millón de euros e ser un proxecto tractor ou que complemente cadeas de valor de sectores estratéxicos.


23F