A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG reclama un plan de centros de día para o coidado de persoas maiores en Vilalba a cargo dos Next Generation

O SLG reclama un plan de centros de día para o coidado de persoas maiores en Vilalba a cargo dos Next Generation

3 de Maio do 2021

Centro de Día

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar senllos escritos remitidos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, e á conselleira de Política Social, Fabiola García, solicitándolle a elaboración dun plan de dotación de centros de día para Vilalba. O plan incluiría, ademais, servizos de coidados para persoas maiores en todas aquelas parroquias cuxos indicadores de poboación maior de 65 anos ou dependentes así o recomendasen. Para iso, nas instancias presentadas tamén se reclama que se dote o plan co financiamento necesario a través dos Fondos de Recuperación Next Generation acolléndose ás medidas contempladas no apartado “Cadea de valor 5: Sanidade e modos de vida saudable, nova economía dos cuidados”.

A petición do SLG responde a unha necesidade urxente da capital chairega de contar cun centro de día público para o coidado de persoas maiores. Non se entende que unha vila do tamaño da vilalbesa, con máis de 14.000 habitantes, un terzo dos cales supera os 65 anos de idade, non conte cun servizo destas características. Ademais, o eminente carácter rural deste concello, con 29 parroquias e unha superficie de 379,4 quilómetros cadrados (é o segundo máis grande de Galiza en extensión) aconsella que ese servizo se leve tamén a algunhas parroquias para achegalo ás persoas usuarias. Cómpre lembrar que. dende o ano 2001, cando se iniciou o proxecto para construír un centro de día en Vilalba, vimos escoitando promesas sobre a súa execución que nunca se chegaron a cumprir.

O pasado 21 de abril, a Xunta de Galicia anunciaba o detalle das iniciativas publicas para optar aos Fondos de Recuperación. No bloque “Cadea de valor 5: Sanidade e modos de vida saudable, nova economía dos cuidados” figuran varias partidas nas que se podería incluír o Centro de Día de Vilalba e as unidades parroquiais:

  • 31-057-MRR. Centros de día itinerantes.
  • 31-137-MRR. Casas niño e casas do maior.

  • 31-151-MRR. Acompañamento da vida sostible rural.

  • 31-196-MRR. Remodelación de centros públicos de servizos sociais para coidados de longa duración.

Etcétera

Por iso, entendemos que agora temos unha inmellorable oportunidade para obter financiamento de cara a executar un ambicioso plan de coidados das nosas persoas maiores en Vilalba. Hai un profundo debate de cara a camiñar cara a outro modelo de coidados menos institucionalizado, menos centrado na atención residencial (quedando esta como último paso). Este novo modelo apunta a unha atención máis centrada nos coidados domiciliarios e comunitarios, maior atención ás persoas, achegando os coidados ao seu entorno. Entendemos que estes fondos europeos son unha oportunidade para mellorar os coidados de longa duración, dotando de centros de día a municipios rurais como Vilalba, e mesmo estudando a posibilidade de habilitar pequenas unidades de coidados nas parroquias, onde xa se conta con edificacións perfectamente adaptadas para poder prestar estes servizos, achegándoos máis ao entorno das persoas usuarias.

Dende o Sindicato Labrego, a maiores de pedirlle explicitamente á Xunta de Galicia este plan para o coidado das persoas maiores en Vilalba, facemos un chamamento a todo o tecido asociativo do concello, así como ao goberno municipal e aos partidos políticos, para que apoien esta petición de urxencia. Os Fondos Next Generation son unha oportunidade que non podemos deixar pasar para cumprir cunha demanda histórica de toda a sociedade vilalbesa.