A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Dende o agro, o 29S FOLGA XERAL!

Dende o agro, o 29S FOLGA XERAL!

6 de Septembro do 2010

Carme Freire 060910

Na mañá de hoxe a Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire Cruces, anunciou en rolda de prensa en Santiago de Compostela a chamada do Sindicato Labrego Galego a todo o agro (produtores/as, empresas, cooperativas, entidades provedoras, recolledoras, etc.) á participación na xornada de folga xeral convocada para o vindeiro 29 de setembro en todo o Estado español.

Estaremos presentes nesta xornada de folga con mobilizacións nas cabeceiras de comarca, facendo visible o rexeitamento ao empobrecemento ao que nos están sumindo con medidas políticas ao tempo que se enriquecen os poderes que acaban coa nosa vida e coa nosa sociedade.

freire

Se queremos poder vivir do noso traballo, outro modelo económico e social é posíbel e necesario”, sentenciou Freire.

A crise e as solucións aportadas dende os gobernos non só non son as que precisamos dende o agro galego, senón que mesmo directamente conculcan os dereitos das persoas, dos pobos, da sociedade xeral e da sociedade labrega, xa que materialízanse en medidas que insisten en salvar aos grandes poderes especulativos para que segan a ter grandes beneficios á costa das clases populares.

Fronte á ditadura dos mercados, esiximos aos gobernos democracia e participación social.

Os gobernos galego, estatal e europeo teñen que asumir que para que remate a actual crise outra Política Agraria Común (PAC) é necesaria no marco da soberanía alimentaria, controlando e regulando a produción e os mercados, e prohibindo a especulación cos alimentos.

Dende o agro precisamos que os prezos sexan dignos, cubrindo custes de produción e traballo. “Nós, que nos adicamos a producir un ben básico como é a alimentación, temos dereito a producir con prezos dignos”, lembrou.

Ademais, “manter os servizos públicos no rural é unha obriga dos gobernos, para o mantemento dun equilibrio social que permita que as persoas que producimos podamos seguir vivindo no medio rural. É fundamental que non se sega polo camiño de privatizar os servizos”.

A Secretaria Xeral do SLG tamén expresou a contundente oposición ás modificacións anunciadas polo Goberno central en materia de pensións, afirmando que dende o Sindicato Labrego loitarase polo dereito á xubilación aos 65 anos.

Asemade, Freire instou aos gobernos a “apostar por unha banca pública, non especulativa, ao servizo das persoas. Se todo o diñeiro público que se estivo empregando precisamente en minimizar a crise das entidades bancarias que a crearon, se tivera destinado á creación dunha banca pública, posibelmente estaríamos máis preto de rematar coa actual situación de crise”.

Porque é fundamental que entre todas e todos paremos as medidas lesivas que os Gobernos están a levar adiante contra a sociedade en xeral, o 29 de setembro chamaremos a todo o agro galego á folga xeral para dar contestación a todas estas agresións polas que non estamos dispostas que pase a sociedade galega.

Outro modelo económico e social é posíbel.

Porque queremos vivir do noso traballo,

dende o agro, o 29 de setembro, FOLGA XERAL!!

 

 

 

Arquivo para descarregar:

Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG, na rolda de prensa desta mañá.

Ficheiro adxunto