A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O Sindicato Labrego apoiará todas as manifestacións en defensa da sanidade pública do 27 de outubro

O Sindicato Labrego apoiará todas as manifestacións en defensa da sanidade pública do 27 de outubro

26 de Outubro do 2011

Sos Sanidade

O Sindicato Labrego Galego apoiará todas as manifestacións en defensa da sanidade pública que terán lugar mañá xoves, 27 de outubro, ás 20:00 horas.

Por vez primeira vez, desde que a sanidade foi transferida a Galiza, diminúen os orzamentos nesta consellería, en concreto 16,4 millóns de euros menos ca no 2011, ano no que xa se experimentaran recortes; aumentando, pola contra, a partida para os hospitais concertados. As consellerías de Educación, Sanidade e Traballo e Benestar perden conxuntamente 52,4 millóns de euros no vindeiro ano.

Estes recortes estannos afectando dun xeito dramático nas zonas rurais, nas que xa temos uns servizos reducidos que agora pretenden aínda limitar máis. No proxecto de Lei de Medidas fiscais, o goberno galego propón, por exemplo, eliminar os centros de farmacia propios en hospitais e centros sanitarios con menos de 100 camas, así como eliminar a obrigatoriedade de que haxa unha farmacia de garda aberta pola noite en localidades con 3 ou menos farmacias. Isto, nun contexto no que o gasto en Galiza é moi inferior á media Europea: por cada 9 euros que se dedican á sanidade pública na Unión Europea, en Galiza dedícanse 6 euros e, aínda así, temos unha sanidade pública equiparable á de calquera país da UE.

O goberno presidido por Feijoo paralizou o Plano de Mellora na Atención Primaria que, ademais de reducir as listas de espera ao ter unha atención primaria máis resolutiva e máis coordinada cos hospitais, ía crear centos de postos de traballo. Reduciu consultas e quirófanos de tarde co incremento das listas de espera, eliminou persoal e impide a súa substitución, coa conseguinte diminución de calidade asistencial.

Paralizou tamén o Plano Galego de Saúde Mental e aprobou un decreto de transporte sanitario que deixa as portas abertas para que os doentes que acoden a recibir tratamentos de diálise, rehabilitación, quimioterapia, etc, teñan que pagar ese transporte. Nese decreto desaparece a obriga do Sergas de facerse cargo do mesmo.

Privatízase a construción e a xestión do novos hospitais, como no caso do de Vigo: reducindo o número de camas e os servizos cos que ía contar no anterior proxecto, e triplicando o seu custo de 500 millóns de euros a 1.500 millóns.

A Sanidade Pública é un piar fundamental do Estado do Benestar e non podemos permitir que a destrúan. Por iso, este xoves 27 de outubro, as xentes do Sindicato Labrego Galego sairán á rúa en defensa da sanidade pública, en defensa da saúde de todas as persoas e contra da privatización.