O Sindicato Labrego Galego está a recibir numerosas queixas de afiliados e afiliadas por mor das deficiencias do servizo de rehabilitación que ofrece o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), especialmente por parte de persoas que viven na montaña lucense.
Xa estamos repartindo o Fouce328 polas parroquias de Galiza. Neste número traemos denuncias potentes, como a desastrosa xestión da Consellaría de Medio Rural que deixou sen executar ao redor de 130 millóns de euros na “lexislatura do rural” ou o proceso xudicial que se está a xestar en todo o Estado contra o cártel de industrias lácteas que foron multadas por pactar prezos. Ademais, damos conta en informacións e reportaxes da actividade da Cooperativa A Carqueixa, das palestras do Festival Son Labreg@, da intensa actividade formativa do SLG, da vendima das Xornadas Intervegas ou da manifestación da plataforma “Por un monte galego con futuro”, entre outras. Xa podedes descargar o voso exemplar na icona que atoparedes no remate desta páxina.
O Sindicato Labrego Galego denuncia a intención de Medio Rural de rematar coas axudas agroambientais, das que se están a beneficiar ao redor de 4.000 granxas na Galiza, principalmente en Lugo e na montaña de Ourense. Sorprende isto cando o Informe de Contas do ano 2018 da Xunta, publicado esta semana, revela que Medio Rural deixou sen executar 116 millóns de euros ese ano, ou Agader 10 millóns (a metade do seu orzamento). Podes descargar o extracto do informe premendo na icona que atoparás ao remate desta nova.
As Marchas da Dignidade volvemos mobilizar unha parte importante da sociedade galega, a daquelas cidadás e aqueles cidadáns que nos estamos a rebelar contra a versión máis inhumana e salvaxe do neoliberalismo coa que nos tentan xunguir dende diversas administracións e gobernos. Todo en nome dunha terxiversada e asasina austeridade coa que non estamos dispostos e dispostas a comungar.
O Sindicato Labrego Galego apoiará a ocupación da praza do Obradoiro este sábado, 29 de novembro, por parte das Marchas da Dignidade, movemento cívico do que formamos parte; e convoca aos labregos e ás labregas de Galiza a apoiar esta mobilización contra as políticas neoliberais e de recortes dos gobernos que nos afectan a todos e a todas.
O Fouce 304 correspondente aos meses de setembro e outubro está a piques de chegar ás casas. Desta vez, destacamos en portada tres eventos que tiveron como escenario de celebración a nosa Galiza e serviron para reforzar as nosas alianzas: o Seminario de Agroecoloxía feito con compañeiros e compañeiras de toda Europa para analizar novos xeitos de achegar os alimentos á cidadanía, o IX Foro por un Mundo Rural Vivo e o II Encontro sobre os Impactos da Minaría na Galiza.
Xa podedes descargar o Fouce 303 dende a web do Sindicato Labrego Galego. Neste número atoparedes interesantes reportaxes sobre o impacto do veto ruso en Galiza, a avespa velutina ou o asedio do exército israelí á agricultura palestina; a actualidade da loita contra a minaría salvaxe ou de sectores produtivos como o da horta, a pataca, o viño ou o leite; a análise do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020; ou entrevistas a Sofía Carballido Mugico,unha moza labrega que deixou a oficina pola terra, ou a David Vásconez Pueyo, vocal do consello reitor da Cooperativa de Consumo Árbore e unha das persoas implicadas en impulsar o que podería ser o primeiro sistema participativo de garantía no noso país. Iso e moito máis nas páxinas do Fouce!
O Sindicato Labrego Galego celebrará, do 26 ao 29 de setembro, un seminario europeo para analizar de que xeito se poden facer máis accesibles os alimentos que producen os labregos e labregas á cidadanía.
O Sindicato Labrego Galego rexistrou, o 19 de setembro, un escrito diante da delegación territorial en Lugo da Consellaría de Educación no que denunciaba a demora na concesión de autorizacións de transporte escolar para o alumnado de BAC que viaxa cos rapaces e rapazas da ESO, e os graves prexuízos que isto está a causar a moitas familias.
O Sindicato Labrego Galego da comarca de Ordes celebrará este venres, 12 de setembro, a súa décima edición da Romaría por un mundo rural vivo. Nesta ocasión, o lugar de celebración será a antiga estación ferroviaria da Pontraga, en Tordoia (está na estrada que une Ordes con Trazo, a CP-5903. Para chegarmos á estación, temos que saír da capital comarcal por esta vía, e virar á esquerda a 4,5 quilómetros, tras pasar o Bar Che, collendo a estrada DP-5901).
O Sindicato Labrego Galego apoia as demandas da Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Xinzo e as de tódolos movementos reivindicativos que están a xurdir na provincia de Ourense e no resto da Galiza para defender os xulgados que prevé suprimir a Lei Orgánica do Poder Xudicial.
Co verán, chega unha nova entrega do Fouce, o 302. Desta vez, destaca na portada que a Vía Campesina acadase do Consello de Dereitos Humanos da ONU a continuidade no proceso de elaboración dunha Declaración Universal dos Dereitos Labregos. Ademais, afondamos noutras cuestións como a preocupante actualidade do sector lácteo, os cambios normativos que se aveciñan no sector vitivinícola ou a reforma xudicial e supresión dos rexistros civís.
O Fouce 301 xa anda circulando polas parroquias e vilas de Galiza. A portada deste 301 está dedicada a novas e crónicas que nos enchen de esperanza, como a chegada a bo porto da loita das sete explotacións que denunciaron a Lácteos Tambre por impagos, a asemblea da Coordinadora Europea da Vía Campesina en Evenstad (Noruega), o Encontro Anual de Mulleres do SLG, as Marchas da Dignidade ou a celebración do Día Internacional da Loita Labrega. Outras son preocupantes, como os primeiros indicios do que podería ser unha nova crise no sector lácteo galego, as negociacións secretas para crear unha área de libre comercio transatlántica ou as novas lexislacións ultraliberais en materia de solo e administración local. Iso e moito máis no Fouce 301, que podes descargar en pdf premendo AQUÍ.