A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A PAC e as producións labregas>
  4. Unha nova PAC pintada de verde pero enferruxada no seu interior: Condicionalidade reforzada, ecoesquemas e agroambientais

Unha nova PAC pintada de verde pero enferruxada no seu interior: Condicionalidade reforzada, ecoesquemas e agroambientais

3 de Marzo do 2021

Esquema PAC

Un dos cambios máis importantes do novo periodo da PAC (2023-2027) vai ser a aplicación dos requisitos medioambientais. Neste artigo, elaborado polo técnico Andrés Castro, explícasenos como vai ser esa nova arquitectura verde (condicionalidade reforzada, ecoesquemas e agroambientais) e analiza polo miúdo a proposta que temos enriba da mesa do Ministerio para os ecoesquemas (podes descargar o texto completo en castelán na icona que atoparás no remata da páxina).

A evolución da PAC e as súas sucesivas reformas ao longo do tempo sempre procuraron enfocar/disfrazar as súas políticas cun halo de protección medioambiental, fracasando unha vez máis nos seus obxectivos. Isto é así porque as pequenas granxas familiares, que son as que poderían manter eses sistemas agrícolas mais sustentables e “verdes”, desapareceron na súa maioría ou deixáronse levar polo modelo do agronegocio e da agroindustria.

No anterior período viamos como se introducían no primeiro piar “condicións” para poder manter o volume de ingresos desta axuda, o coñecido pago verde, greening, ecoloxización ou pago para prácticas beneficiosas para o clima e o medio ambiente, que consistía nun pago anual por hectárea admisible vinculada a un dereito de pago básico, sempre e cando se respectasen unhas determinadas prácticas ambientais que dependían da estrutura da granxa.

Estas prácticas eran tres: diversificación de cultivos (en función das terras de cultivo e do seus cultivos), o mantemento dos pastos permanentes existentes (limitación á transformación dos pastos permanentes a outros usos) e a implantación de superficies de interese ecolóxico nas granxas (% mínimo de cultivos fixadores de nitróxeno e/ou barbeitos en función da superficie de terras de cultivo das granxas).

Neste novo período, as políticas van a máis, sendo as tres prácticas contempladas no anterior período obrigatorias, e non vinculadas a ningún pago adicional, xa que se integran dentro da nova condicionalidade “reforzada” que, lembramos, é de obrigado cumprimento para todas aquelas persoas que reciben pagos directos da PAC.

O 11 de decembro de 2019, a Comisión Europea presentou o Pacto Verde Europeo (EU Green Deal - EUGD), unha folla de ruta para facer de Europa o primeiro continente climaticamente neutro en 2050 impulsando a economía, mellorando a saúde e a calidade de vida da cidadanía, protexendo a natureza e non deixando atrás ninguén.

Dentro desta folla de ruta, establecéronse unha serie de obxectivos ambientais que afectan directamente as persoas labregas, consistentes nunha redución de insumos e de prácticas agrícolas coa necesidade de acadar esa neutralidade climática en 30 anos. Así mesmo, a estratexia “da granxa á mesa” tamén sentou certas bases no que respecta á produción sostible de alimentos.

Así, entre outros obxectivos, de aquí a 2030 teremos que reducir ao 50% o emprego de praguicidas químicos, as vendas de antimicrobianos para animais de granxa e acuicultura e as perdas de nutrientes nos solos agrícolas, e reducir o 55% as emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes da actividade agrogandeira. Por outra banda, teremos que acadar que, polo menos, o 25% das terras agrícolas da UE se dediquen a produción ecolóxica e que, polo menos, o 10% da superficie agraria estea ocupada por elementos paisaxísticos de gran diversidade, tendo en conta que, tamén en 2025, o 100% das zonas rurais terán que ter acceso a Internet de banda ancha de nova xeración.

Neste novo período, a UE estableceu nove obxectivos específicos para a nova PAC (e un transversal), entre os que se atopan tres referidos ao clima e o medio ambiente: adaptación ao cambio climático, protección do medio ambiente e conservación da paisaxe e da biodiversidade.

Esta serie de cambios nas políticas europeas, orientados (en teoría) cara a un desenvolvemento sostible da Unión Europea, tamén lle afectan á PAC. Neste novo desenvolvemento da PAC, establécense unha serie de modificacións orientadas ao cumprimento dos obxectivos do EUGD. Así, establécese que un mínimo do 40% dos fondos da PAC teñen que ir destinados a medidas que contribúan a acadar os obxectivos ambientais propostos.

Esquema PAC

E isto ten implicación no deseño e desenvolvemento dos plans estratéxicos de cada estado membro así como nas prácticas que terán que levar a cabo as labregas e os labregos para manter a intensidade de axuda que viñan recibindo neste período.

Neste novo modelo, as prácticas ambientais do Pago Verde pasan a formar parte da condicionalidade, suprimíndose o pago pola súa realización (51% do Pago Base) e mantendo a súa obrigatoriedade nas mesmas condicións. Aparecen unha nova serie de prácticas, vinculadas a acadar algún dos obxectivos ambientais propostos, que son voluntarias e polas que, no caso de acollerse á súa realización, se cobrará un determinado importe de axuda: os ecoesquemas.

OS ECOESQUEMAS

Os ecoesquemas son a principal innovación na arquitectura verde da PAC. Son instrumentos obrigatorios para os estados membros, é dicir, todos teñen que contemplalos nos seus plans estratéxicos procurando beneficios ambientais e climáticos coa súa aplicación. A participación neles limitarase ás persoas agricultoras xenuínas, sendo voluntaria para elas.

A introdución destes ecoesquemas no primeiro piar é unha maneira de introducir incentivos, de xeito que, as labregas e os labregos que desexen ir mais aló nas súas prácticas agrícolas, dende a perspectiva ambiental, reciban unha intensidade de axuda maior. Os pagos directos do primeiro piar constitúen a maior proporción de gasto da UE, polo que os ecoesquemas poden ser unha forma ambiciosa de reorientar os fondos europeos cara ao medio ambiente e cara a unha agricultura respectuosa co clima e co territorio, no canto de apoiar principalmente só os ingresos como viña sucedendo até o de agora.

Os pagos relacionados co clima e o medio ambiente do segundo piar so cubrían arredor do 25% das granxas no período 2007-2013, mentres que as axudas directas do primeiro piar cubrían arredor do 90%, polo que os ecoesquemas teñen a capacidade de ter un alcance moito maior, ademais de simplificar os cálculos de pago aos estados membros1. A existencia dos ecoesquemas non implica a desaparición das medidas agroambientais e climáticas do segundo piar, senón que reforza estas, xa que o novo deseño destas medidas servirá (ou debera servir) para complementar os ecoesquemas de forma integral e integrada para abordar os desafíos medioambientais e climáticos aos que nos enfrontamos globalmente.

Dentro do novo modelo de PAC, estes ecoesquemas representarán, polo menos, o 20% do importe total dos pagos directos (6.824,84 millóns de €)2, e no seu deseño non se poderá contemplar ningunha obriga derivada da condicionalidade reforzada ou doutra normativa vixente, é dicir, os requisitos e as esixencias desas prácticas teñen que ir un pouco mais aló. Así mesmo, todo o que se pague por ecoesquema non poderá pagarse nas axudas de agroambiente e clima, que son outras das medidas ambientais da PAC, pero estas do segundo piar (cofinanciación UE – Estado – Comunidade Autónoma).

Os ecoesquemas son voluntarios, é dicir, as solicitantes poden decidir acollerse ao ecoesquema ou non, e poderán acollerse a varios (que sexan complementarios entre si). A súa duración é anual, é dicir, os compromisos adquiridos serán durante un ano, podendo volver á situación inicial na anualidade seguinte. Evidentemente, só se cobrará a anualidade na que a solicitante se acolla ao ecoesquema. Os ecoesquemas consisten nun pago base por hectárea que se incrementará cunha serie de complementos en función de certos criterios, podendo ser estes diferentes en cada ecoesquema.

Os ecoesquemas provocan mais rexeitamento que apoios, e máis cando se murmura que hai arredor de 4.875 millóns de euros para esta liña no futuro período PAC, pero como a súa aplicación é voluntaria por parte das labregas existen grandes dúbidas de que pasará se as persoas non se acollen a estas axudas. Nun principio, o que se pretende é que o diñeiro non gastado nos ecoesquemas se destine integramente á axuda básica á renda, pero sen saber aínda como se vai repartir nin que vai a pasar con eses cartos. É dicir, descoñecemos se se van repartir igualitariamente aínda que non se aplique ecoesquema algún, se vai ser para todos ou só para algúns ou se, simplemente, quen non se acolla aos ecoesquemas verá reducidos os seus importes de axuda con respecto ao que viña cobrando até o de agora. Dadas estas premisas, compre salientar que o actual deseño da PAC vai mudar bastante, polo menos para a Galiza, e a perda de intensidade de axuda derivada desa mudanza pode ser, en moitos casos, importante.

O Estado Español presentou un conxunto de oito ecoesquemas que, lonxe de abordar o conxunto da realidade agrogandeira do Estado Español e ser o mais inclusivos posible “non deixando atrás a ninguén”, céntrase na realidade do centro e sur do estado, quedando os sistemas produtivos de Galiza (e do resto da España Húmida) nunha exigua anécdota. Non se pretende un “café para todos”, pero si un mínimo de encaixe da realidade do sector agrogandeiro galego dentro da proposta do Estado (número de leiras, tamaño de leiras, predominancia de pastos permanentes fronte ás terras de cultivo, dimensión das granxas, sectores historicamente sen encaixe no deseño das axudas,...).

A PROPOSTA DE ECOESQUEMAS DO MINISTERIO DE AGRICULTURA

A primeira versión dos ecoesquemas fíxose pública a mediados de novembro de 2020, aínda que o Ministerio xa fixera unha primeira declaración de intencións en febreiro de 2020. O presentado a finais de ano pouco mudara con respecto da “proposta” inicial. A finais de xaneiro de 2021, o Ministerio publicou a primeira revisión da proposta inicial, incluíndo algunha modificación substancial e incrementando o número de ecoesquemas propostos, logo das reunións coas comunidades autónomas (un pouco estériles, polo que se ve) e coas organizacións agrarias, recollendo algunha das propostas que se fixeron dende o SLG. Esta continua modificación (aínda que o substancial non varíe), danos a idea de que aínda está todo por negociar e nada é seguro, polo que os ecoesquemas aínda poden mudar bastante.

O Ministerio propón un total de 9 ecoesquemas (12 en realidade, xa que algún conta con varias liñas diferenciadas, pero cos mesmos obxectivos) que intentan aglutinar a realidade agrogandeira do Estado español, cousa que conseguen moi precariamente, deixando fóra, coma sempre, as pequenas producións agrogandeiras familiares que alimentan este país.

Ecoesquema 1: Pastoreo extensivo

O ecoesquema que semella estar mais “preparado” é o dedicado ao pastoreo extensivo, co fin de mellorar a sustentabilidade dos pastos, incrementar a capacidade de sumidoiro de carbono e prever os incendios forestais.
É unha proposta semellante ás actuais agroambientais que existen na Galiza e que adoece dos mesmos males: os pastos arbustivos e o CAP. Unha vez máis, quedan fóra os pastos arbustivos sen CAP, aínda sendo estas zonas de uso tradicional de pastoreo no país unhas das preferidas polos animais en determinadas épocas do ano e mesmo sendo estes sistemas tradicionais creadores de paisaxe e biodiversidade que, de non verse beneficiadas por algún tipo de estímulo económico, deixarán de realizarse.

Un caso paradigmático son as turbeiras do Xistral3. Sabemos que é un ecosistema único e que o seu mantemento e conservación está moi relacionado co pastoreo que se realiza con gando equino e tamén vacún de carne. Pois ben, botando contas por arriba, e sen ser moi exhaustivo, na zona das turbeiras unhas 300 Has teñen CAP (entre o 55-100%), pero outras 600 non o teñen. Para que este ecoesquema fose efectivo na Galiza debería revisarse o CAP das parcelas, ter en conta o tipo de animal que aproveita ese terreo ou contemplar un pago nestas superficies que, aínda que non admisibles para os pagos directos, si o poden ser dentro do ecoesquema para cumprir cos obxectivos de conservación dos hábitats e prevención de incendios forestais. Este punto, a prevención dos incendios forestais, chama especialmente a atención xa que se prima como complemento adicional a esta axuda o pastoreo en zonas de risco de incendios, non entendendo como se pode pagar só polo pastoreo en pastos permanentes ou temporais (< 5 anos), cando as que arden son as zonas a mato na súa maioría.

Este ecoesquema tamén contempla un pago adicional por realizar o pastoreo nas zonas en convivencia con grandes carnívoros (lobo), sendo necesario para a súa implementación a definición destas zonas.

Ecoesquema 2: Manexo axeitado de pastos para alimentación do gando

Este ecoesquema proposto polo Ministerio propón a sega dos prados dun xeito que se está a perder nalgunhas zonas do Estado, pero sen definir claramente nin o xeito nin as zonas a deixar sen segar unha franxa no bordo das parcelas que o permitan, todo iso para evitar a perda de hábitats e de especies relacionadas con estes sistemas agrarios.

Este é un ecoesquema “novo” que non aparecía nas propostas iniciais pero que se parece bastante ao anterior en determinados aspectos. O sistema de sega proposto consiste nun de baixa intensidade, establecendo un número máximo de cortes ao ano e que se realizarán nunha determinada época, deixando sempre que se realice unha sementeira natural da pradaría. Os cortes serán, preferiblemente, de herba seca e, no caso de facer tamén ensilado, será obrigado facer unha correcta xestión dos plásticos xerados. Pola outra banda, as marxes sen segar referiranse a unha porcentaxe (cun mínimo e un máximo) sobre o total de pastos de sega declarados pola titular, que non se poderán segar pero si se poderán pacer dento dun rango de datas estipuladas (nunca antes do 30 de agosto do ano en curso).

A pesares de que este ecoesquema é compatible co anterior, as superficies sen segar non contarán para o ecoesquema de pastoreo.

O control destes dous ecoesquemas realizarase principalmente de xeito tecnolóxico (caderno de campo electrónico, control vía satélite, dispositivos GPS) contemplando tamén a posibilidade do control administrativo tradicional.

Ecoesquema 3: Rotación de cultivos

O terceiro ecoesquema parte da BCAM 8, que vén do actual pago verde e que consiste na rotación dos cultivos con especies beneficiosas, co obxectivo de mellorar a calidade e fertilidade do solo así como reducir a erosión, a incidencia de malas herbas e a demanda hídrica. A súa aplicación redúcese ás terras arables, quedando logo fora os pastos permanentes e todas aquelas granxas que basean a súa existencia neste cultivo.

O Ministerio parte dunha lista de especies consideradas beneficiosas para empregar neste tipo de rotacións, leguminosas na súa meirande parte, aínda que esta lista está aberta para ser completada cas propostas das CCAA. Os requisitos para acceder a este ecoesquema están por concretar, propoñéndose:

  • Contar con, polo menos, 4 cultivos diferentes na terra arable da granxa (3 no caso de contar con menos de 10 Has de TA).

  • O 10% da superficie TA da granxa pode quedar exenta do requisito da rotación de cultivos por causas xustificadas.

  • O 25% das TA contará con especies beneficiosas, tendo que ser as leguminosas o 10% desa porcentaxe.

  • Establécese un máximo do 50% da TA para un mesmo cultivo (agás se se trata de especies beneficiosas) e un mínimo do 5% da TA para cada cultivo.

  • Admítese o barbeito como opción, pero nunca detrás dun cultivo beneficioso.

Ecoesquema 4: Xestión de nutrientes.

O cuarto ecoesquema proposto ten que ver coa xestión de nutrientes, sendo este unha especie de paso previo como incentivo á aprobación do Real Decreto sobre nutrición sostible dos solos agrarios. De feito, só estará vixente ate o momento no que este RD se aprobe, desaparecendo cando o cumprimento dese RD sexa obrigatorio para todas as orientacións produtivas.

Os obxectivos deste ecoesquema son a realización do plan de adubado xunto coa realización de análises de solos e o asesoramento en temas de fertilización, sendo este último un dos requisitos para poder acceder xunto co caderno de fertilización electrónico.

Ecoesquema 5: Prácticas alternativas á queima de restos de colleita e poda ao aire libre

O quinto ecoesquema proposto pouco ten que ver coa nosa realidade produtiva, considerando que pouca (ou ningunha) implantación vai ter na Galiza. Trátase dun ecoesquema referido a “Prácticas alternativas á queima ao aire libre de restos de colleita e de poda”, contemplando así tres prácticas: cubertas vexetais inertes (cubertas cos restos de poda), valorización enerxética de biomasa vexetal e a compostaxe cos obxectivos de mellorar a calidade do solo, reducir a súa erosión e fomentar o cambio de fontes de enerxía (sen deixar de queimar cousas). É un ecoesquema orientado aos cultivos leñosos e ao arroz, sendo as tres prácticas incompatibles entre si e compatibles co resto de ecoesquemas.

Ecoesquema 6: Emprego sostíbel de fitosanitarios

O seguinte ecoesquema refírese ao fomento de aplicación de plans individuais do emprego sostible de produtos fitosanitarios, tendo como obxectivo incentivar un mellor uso destes para reducir os seus riscos tanto para a saúde humana como para o medio ambiente. É un ecoesquema que nace da Estratexia da Granxa á Mesa da UE, na que se contempla como obxectivo reducir nun 50% o emprego e risco de produtos fitosanitarios, especialmente nos sectores do viño, olíveo e dos cítricos xunto coas hortalizas e os herbáceos.

O planteamento deste ecoesquema realizarase de forma individualizada para cada granxa, partindo dos datos de tratamentos con fitosanitarios de 2022 cun obxectivo de redución do 7% anual en cada hectárea da granxa.

Para poder acollerse a este ecoesquema será requisito indispensable contar cun caderno de explotación electrónico no que se recollan os datos dos tratamentos realizados e demostrar esa redución do 7% mediante as anotacións realizadas.

Ecoesquema 7: Cubertas vexetais vivas en cultivos leñosos

A sétima proposta do Ministerio refírese ao emprego de cubertas vexetais vivas en cultivos leñosos con pendente igual ou superior ao 5%, ben sexan implantadas ou espontáneas. Trátase dun pago compensatorio que pretende mellorar a calidade, fertilidade e capacidade de retención hídrica e de sumidoiro de carbono do solo, xunto coa mellora da biodiversidade e a redución do emprego de produtos fitosanitarios e fertilizantes.

É un compromiso anual que consiste en manter (de existir) ou implantar e manter unha cuberta vexetal viva, natural ou sementada, como alternativa ao manexo convencional. Esta cuberta manterase sobre o terreo nos períodos estipulados que variarán segundo as condicións agronómicas de cada zona. A cuberta poderá manexarse só por medios mecánicos, e unha vez segada permanecerán sobre o solo, de xeito que este nunca permaneza espido.
O importe a percibir pola solicitante variará en función da pendente da parcela (5-10% e >10%) e de se se implanta unha cuberta ou se mantén a existente.

Ecoesquema 8: Conservación e sementeira directa

A penúltima proposta do ministerio é a de Agricultura de conservación e sementeira directa, un ecoesquema destinado á agricultura en terras arables que pretende evitar a erosión do solo e mellorar o seu contido en materia orgánica, mellorando así a súa calidade física, biótica e hídrica. Trátase dun ecoesquema novo que non aparecía na proposta inicial do Ministerio, que parte das novas BCAM 7 e 8 (cobertura mínima do solo e rotación e diversificación de cultivos) e que, en principio, estará limitado a aqueles territorios do estado erosionados ou con risco de erosión, nos que se fai evidente evitar esta tendencia. Consiste no non labrado previo á sementeira e a realización desta sobre os restos do cultivo anterior e na realización de rotación de cultivos.

Non fala nada de fitosanitarios este esquema, agardando algunha referencia ao emprego de herbicidas, correndo o risco de quedar esta medida no emprego de paquetes tecnolóxicos do agronegocio pagado con cartos públicos.

Ecoesquema 9: Prácticas para a mellora da biodiversidade

O último ecoesquema proposto polo Ministerio está relacionado coa realización de prácticas para a mellora da biodiversidade. É un ecoesquema proposto para a agricultura e que pretende a adopción de dúas prácticas concretas:

  • Establecemento de marxes multifuncionais e/ou illas de biodiversidade.

  • Establecemento de zonas de non colleita e mantemento do cultivo.

Este ecoesquema o que pretende é favorecer a biodiversidade mellorando a conectividade ecolóxica e favorecendo ás poboacións de aves e de insectos, ademais de crear zonas refuxio e alimento para as aves.

Para acadar este obxectivo implantaranse marxes ou illas con especies axeitadas, herbáceas, leñosas e mesmo árbores, ou manteranse as existentes.

Estas estruturas deberán contar con, polo menos, 4 familias (contando tamén as existentes), presentando, polo menos, o 51% de especies das recomendadas. Non deben ter fins produtivos e permitirase o seu control mediante medios mecánicos. As marxes multifuncionais terán unha lonxitude mínima de 2 metros e unha superficie mínima do 2% da superficie da parcela, e as illas de biodiversidade ocuparán un mínimo de 100 m2 ate un máximo do 10% da superficie da parcela

Esta pode ser unha liña interesante para manter todos eses sebeiros, valos e bosques de ribeira tan característicos do mosaico agrario da Galiza, a falta de ver o desenolvemento normativo deste escoesquema.

A outra opción para dar cumprimento aos obxectivos do ecoesquema consiste no non segado e deitado dos cereais e oleaxinosas para que o gran quede a disposición das especies obxectivo. Estas marxes non colleitadas deixaranse ao longo das leiras e representará, como mínimo o 2% da superficie total da leira.

Nunha lóxica conservacionista, prohíbese o emprego de produtos fitosanitarios para o manexo destas superficies, permitíndose o manexo mecánico.

REQUISITOS PARA ACOLLERSE ÁS AXUDAS DOS ECOESQUEMAS

Para ser beneficiario destas axudas cumpre ser persoa agricultora xenuína na maioría dos casos, abondando nalgúns coa inscrición no REXEPA.

Como elementos comúns á maioría dos ecoesquemas propostos polo ministerio contémplase un pago adicional ás superficies incluídas dentro da Rede Natura 2000, a inclusión de criterios de degresividade (é dicir, a maior superficie comprometida, menor importe por hectárea) para beneficiar así ás “granxas de carácter familiar que contribúen de maneira tan importante ao mantemento dun medio rural vivo e a fixar poboación”; e de criterios de modulación das axudas (é dicir, tramos de axuda de intensidade variable co mesmo obxectivo). Pago redistributivo non, pero nos ecoesquemas si.... cousas veredes.

CRÍTICA

Esta nova arquitectura verde da PAC é a oportunidade ideal para mudar o modelo produtivo dos sistemas agrarios e, polo tanto, mellorar o aspecto ambiental e social da agricultura. Pero, ao manter o pago por hectárea nun falso discurso de xustiza, o que se vai a conseguir é manter o actual sistema de pagos a grandes extensións, quedando unha vez mais o modelo mais sostible e resiliente fóra das axudas da PAC.

A redución do importe destinado á axuda básica á renda (a renda das hectáreas, que non das persoas) fai que se corra o risco de que a parte ambiental se converta nun “café para todas” a cambio duns compromisos mínimos. Mudalo todo para que nada mude.

Á vista do proposto polo Ministerio, queda claro que a proposta se fai dende a perspectiva do latifundio español, quedando a “España Húmida” e, especialmente, a Galiza pouco representadas no deseño desta liña de axudas.

Evidentemente, os ecoesquemas teñen que ter un deseño cun amplo potencial de implantación territorial, polo que non é entendible que a maioría dos ecoesquemas vaian dirixidos ás terras de cultivo, cando na Galiza estas son minoritarias, comparadas co resto do estado e de Europa. Nun país de gandería extensiva e cunha grande parte do territorio fortemente antropizado debido a unha nefasta política forestal e á carencia absoluta de ordenación territorial, onde o minifundio é arte e paisaxe e onde aínda se manteñen aproveitamentos tradicionais dos recursos propios os pastos permanentes, arbustivos e arborados, é difícil de entender que estes non se contemplen dentro destas liñas de axuda.

Unha vez máis, o sostible por natureza queda fóra das políticas públicas de apoio aos sistemas produtivos. Pola contra, preténdese dar solucións agrotecnolóxicas a problemas que non existirían de apoiar outras formas de facer agricultura, maquillando estas políticas cun deostado capitalismo verde que o único que mudará será a viabilidade das labregas que teñen un compromiso real coa aldea e co seu territorio, social e ambientalmente.

Coma sempre, o cambio de pensamento e filosofía “de base” está ben, e é lexítimo que, con diñeiro público, se prime un sistema de produción de alimentos xusto e responsable, coas persoas e co medio ambiente. O que está mal, ou non parece moi correcto nin xusto, é que se siga a primar unha agricultura de escala, e non se beneficie a aquelas que xa o están a facer ben pero que, dado o seu tamaño, o nivel de axuda ao que chegan é mínimo ou mesmo nulo.

Se o obxectivo é chegar a sermos climaticamente neutros, primando as economías circulares e a sustentabilidade dos sistemas produtivos, non é de recibo seguir apoiando xeitos de facer agricultura baseados nas grandes extensións de terreo moi mecanizadas e dixitalizadas, por moi intelixente que sexa a agricultura que fan. Pola contra, é o momento de apoiar as pequenas granxas familiares de pequeno tamaño, cun custe enerxético mínimo, situadas nos cintos exteriores das cidades, que producen alimentos de calidade e de preto, favorecer os circuítos curtos de comercialización e distribución de alimentos e promover as economías locais. Para iso debería estar a PAC, e non para empregar ás labregas como medio de transvase de cartos públicos ás grandes empresas privadas do agronegocio e ás das tecnoloxías da información e dos datos.

As granxas de vacún de carne, á vista do proposto polo Ministerio, verán reducidas en boa parte as axudas que reciben do Piar I, xa que, agás os ecoesquemas referidos a pastoreo e sega de pastos, quedan fóra da maioría do resto, obviando así a importancia destas granxas, na súa maioría familiares e de pequeno tamaño, e situadas en zonas de montaña. Se queremos manter a paisaxe e o territorio nas zonas mais desfavorecidas, loitar contra o despoboamento e os incendios forestais, deberíase de apoiar con cartos públicos estes sistemas de produción, xa que xogan un papel crucial no mantemento da paisaxe, o medio ambiente e o territorio, amais do importante papel que xogan na conservación dos espazos naturais, na loita contra o cambio climático e contra os incendios forestais. Sen este tipo de produción seremos pasto dos lumes e dos megaproxectos enerxéticos e mineiros.

Unha vez mais, a agroecoloxía biodiversa, socialmente responsable e orientada aos circuítos curtos de comercialización, non está presente, apostando por un modelo agroindustrial con lixeiros toques verdes.

Se queremos que o rural siga vivo, se queremos alimentos saudables, se queremos protección ambiental, se queremos loitar contra o cambio climático, se queremos soberanía alimentaria, outra PAC é posible, porque unha agricultura sen labregas non serve de nada.

Porque precisamos máis xente labrega e mellores alimentos.

Logos en faldón

Ficheiro adxunto