A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Lei de augas>
  5. O Sindicato Labrego Galego e a veciñanza inician unha campaña en Rois para denunciar o cobro do canon da auga ás traídas veciñais e aos pozos do rural

O Sindicato Labrego Galego e a veciñanza inician unha campaña en Rois para denunciar o cobro do canon da auga ás traídas veciñais e aos pozos do rural

21 de Xaneiro do 2012

Asemblea Rois

O Sindicato Labrego Galego escolleu Rois para iniciar hoxe, 21 de xaneiro, unha campaña de denuncia e desobediencia civil contra o cobro do canon da auga a traídas veciñais e pozos do medio rural, unha campaña que ten como fin última esixir a derrogación da Lei de Augas de Galicia, que é a que posibilita que se nos estea cobrando polo dereito a beber e, polo tanto, polo dereito a vivir.

O SLG elixiu Rois porque dunha das súas parroquias veu unha das primeiras denuncias de cobro do canon da auga dos que se ten constancia; un canon que, con toda probabilidade, se está a cobrar en toda Galiza. O caso concreto que nos ocupa ten que ver cun núcleo rural de sete vivendas que, no ano 1968, acometeron unha traída de auga custeada integramente pola veciñanza e mantida por ela até hoxe, sen ningún apoio da Administración. A pesares de que o conselleiro de Medio Ambiente prometera, o 9 de febreiro de 2011 e diante do Parlamento de Galicia, que o canon da auga non se cobraría a este tipo de infraestruturas; nesta aldea de Rois notificáronlles un cobro de 499’02 € en concepto de canon da auga correspondente ao período que vai dende a aprobación da Lei de Augas (decembro de 2010) até o 30 de agosto de 2011 (achégase con este comunicado o documento orixinal de notificación do cobro, no que se borraron os nomes das persoas afectadas).

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, aproveitou o acto de denuncia en Rois para anunciar que esta organización agraria, a proposta dos veciños e veciñas da comarca do Sar, vai comezar unha campaña en toda Galiza para recompilar sinaturas contra a Lei de Augas e para denunciar e recorrer todos os cobros do canon que se estean a facer no medio rural galego; así como para desenmascarar as falsas promesas e verdadeiras intencións da Xunta, que sempre negou que se fose cobrar o canon da auga a traídas veciñais e pozos particulares.

O Sindicato Labrego Galego considera un abuso en toda regra que se lles cobre o canon da auga a aquelas vivendas que se tiveron que custear con fondos propios un servizo que a Administración nunca lles prestou. Que, ademais, dende Augas de Galicia e dende a Consellaría de Medio Ambiente se estea mentindo constantemente ao negar o cobro do canon da auga no rural, tanto á cidadanía como ao propio Parlamento de Galicia, é unha burla e un insulto ao pobo galego. Para o SLG, a Lei de Augas mercantiliza e privatiza o dereito sobre un ben fundamental e indispensable para a vida como é a auga, e seguirá mantendo a súa posición de esixir a derrogación deste texto legal.

 

 

undefined

 

 

Asemblea Rois

 

Cobro canon 1 Cobro canon 2