A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Lei de augas>
  5. Catrocentas sinaturas en Rois contra a Lei de Augas e o cobro do canon ás traídas veciñais

Catrocentas sinaturas en Rois contra a Lei de Augas e o cobro do canon ás traídas veciñais

23 de Xuño do 2012

Sinaturas Rois

O Sindicato Labrego Galego rexistrou no Concello de Rois, o sábado 23 de xuño, catrocentas sinaturas de veciños e veciñas amosando a súa disconformidade coa Lei de Aguas e co cobro do canon a traídas veciñais e pozos particulares, trabuco que xa lle foi imposto a unha parroquia deste municipio por unhas instalacións custeadas e feitas pola veciñanza en 1968.  

As sinaturas acompañan un escrito no que se pide a derrogación da Lei de Augas “por privatizar un ben público, social e de propiedade ecolectiva básico para a vida”, a elaboración de leis que garantan a xestión pública e participativa da auga, e a non aplicación do cobro do canon por considerar que a auga “debe ser gratuíta para o usos domésticos e a produción de alimentos no marco da soberanía alimentaria”.

Carme Freire Cruces, da Dirección Nacional do SLG, e a técnica Celsa González Ogando, tamén presentaron un escrito demandando “o pronunciamento público do Concello de Rois” para saber se "está de acordo coa aplicación da Lei de Augas de Galicia, segundo a cal os veciños e veciñas de Rois temos que pagar pola auga que consumimos para uso doméstico e para beber, independentemente da súa procedencia ou captación e, polo tanto, temos que pagar pola auga a veciñanza que fixemos, cos nosos recursos e co noso traballo, as traídas ou pozos”.

Esta acción de denuncia tamén serviu para desenmascarar as mentiras da Xunta de Galicia e do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que non dubidaron en declarar publicamente que estarían exentas do canon da auga as traídas veciñais, os pozos particulares e as actividades agrogandeiras, afirmacións que constitúen, no mellor dos casos, medias verdades, cando non absolutas falsidades. De feito, o regulamento do canon da auga non contempla as execións a traídas veciñais e pozos, e condiciona de tal maneira as dirixidas as actividades agrogandeiras que será case imposible que as explotacións se libren de pagar este novo imposto.

Carme Freire en Rois