A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Contra a Lei de augas>
  4. As facturas demostran que Medio Ambiente minte cando di que non se lle cobra o canon da auga ás explotacións

As facturas demostran que Medio Ambiente minte cando di que non se lle cobra o canon da auga ás explotacións

21 de Septembro do 2012

Factura canon auga

Aquagest cobroulle á Gandería Calvo Varela de Cardama (Oroso) 78 € adicionais no seu último recibo en concepto de canon da auga. Dado que Aquagest opera en ducias de concellos galegos  -moitos eminentemente gandeiros como Chantada, Ribadeo, Viveiro, Cabana, Rois, Betanzos, Zas, Vedra, Valdoviño, Val do Dubra, Santa Comba ou Arzúa- poderían estar afectadas miles de explotacións en toda Galiza.

A Consellaría de Medio Ambiente mentiu por partida dobre no comunicado de prensa[1] con que contestou onte, 20 de setembro, á denuncia do Sindicato Labrego Galego de que o canon da auga se lle está a cobrar ás explotacións leiteiras, faltando así ás promesas da Xunta de Galicia e aos convenios con outras organizacións agrarias[2] ao respecto.

FacturaComo podemos ver na imaxe, o documento é inequívoco e irrefutable: nel vemos que se lle cobra a “Calvo Varela, S.C. Ganadería” 78’11 en concepto de “Canon del Agua de Galicia desde 01/07/2012” (dado que o recibo é trimestral, estariamos a falar dun gasto adicional para esta explotación duns 300 ao ano). Polo tanto, a Consellaría de Medio Ambiente minte no comunicado emitido onte no que afirmaba “A Xunta de Galicia lembra que os usos agrarios e gandeiros, que ata este verán si estaban suxeitos ao pago do canon de saneamento, están exentos do pagamento do canon da auga, que entrou en vigor en xullo”. Precisamente, é a partir de xullo que se lle cobra a esta gandería de Oroso, e probablemente a centos ou miles en toda Galiza, o canon da auga, e non o de saneamento como afirman dende os despachos de San Caetano.

Ademais, a Consellaría de Medio Ambiente minte por partida dobre ao aseverar que “A Xunta de Galicia e os sindicatos agrarios estableceron no mes de abril de 2012 as pautas para consensuar o regulamento de aplicación do canon da auga mediante a firma dun acordo entre Augas de Galicia e as entidades Xóvenes Agricultores – Asaja Galicia e Unións Agrarias-Upa, un acordo do que o SLG non quixo formar parte”. O Sindicato Labrego Galego quere lembrar que o devandito acordo foi asinado sen que se nos informase do mesmo nin antes nin despois da súa sinatura, e sen que esta organización agraria fose invitada a participar nel. De feito, o SLG soubo deste convenio a través da prensa, feito criticable cando eramos e seguimos a ser unha organización agraria que demostrou unha fonda preocupación polo impacto da Lei de Augas e do canon nas actividades agrarias e na cidadanía en xeral.

Tampouco a Consellaría de Medio Ambiente, que o SLG saiba, levou a cabo ningunha acción para separar os recibos que gravan a usos agrogandeiros dos demais, ou para rexistrar quen queda exento e quen non; a este respecto, cómpre lembrar que miles de explotacións na Galiza están a nome de persoas individuais e non de empresas ou sociedades agrogandeiras, polo que as entidades recadadoras non teñen xeito de saber se están exentas ou non. De calquera xeito, no caso denunciado polo SLG se lle cobra a unha sociedade civil gandeira que figura como tal no recibo.

Dende o Sindicato Labrego Galego, seguimos mantendo a nosa denuncia: o canon da auga comezou a serlle cobrado ás explotacións agrogandeiras, en contra das promesas da Xunta, nun intre no que sectores coma o lácteo están atravesando a peor crise da súa historia, cos prezos en orixe máis baixos da Unión Europea, e co incremento exponencial e desorbitado de todos os custes de produción (gasóleo, butano, electricidade, pensos, cereais e, agora, por se non abondasen os outros, a auga).

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego segue a esixir a retirada inmediata do canon da auga, por impoñerlle un novo imposto inútil e innecesario aos sectores agrogandeiros, xusto agora que están nunha situación crítica por mor, precisamente, do aumento dos custes de produción. Tamén esiximos a devolución dos cartos que Augas de Galicia recade en concepto de canon da auga a todas as explotacións agrogandeiras ás que se lles cobrou. Finalmente, animamos a todas as explotacións ás que se lles teña cobrado o canon da auga que o denuncien para recuperar os seus cartos e para axudar a botar abaixo unha Lei de Aguas de Galicia que autoriza a cobrarnos polo noso dereito a usar a auga para beber e, en definitiva, para vivir. 

Ficheiro adxunto