A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Pataca>
  5. Mercados transparentes da pataca en OURENSE e VIGO

Mercados transparentes da pataca en OURENSE e VIGO

21 de Decembro do 2009

manifestación pataca 2008

O Sindicato Labrego Galego vén de dar conta mediante a realización de tres roldas de prensa simultáneas nas cidades de Ourense, Vigo e Compostela, do anuncio de vindeiras mobilizacións no sector da pataca en forma de mercados transparentes.

Os mercados transparentes son espazos nos que os consumidores e consumidoras, ademais de adquirir os produtos, coñecen o prezo pagado ao sector produtor, a marxe comercial aplicada, etc. establecéndose un espazo común onde produtores/as e consumidores/as abordan conxuntamente a problemática dos prezos.

 

Estes mercados terán lugar o mércores 23 a partires das 12:00hrs. nas cidades de OURENSE e VIGO.

(IMAXES dos mercados de Ourense e Vigo na galería)

 

Con estas mobilizacións pretendemos denunciar a situación que os produtores e produtoras están a vivir en toda Galiza, un novo exemplo da catastrófica situación de prezos ao sector produtor de alimentos que vense a engadir a outras graves problemáticas arestora xa máis coñecidas por todas e todos, coma é o caso do leite.

 

O prezo ao que se lle pretenden adquirir as patacas aos produtores e produtoras é de 4 céntimos (0,04€) por quilo, agás as variedades acollidas á IXP, moi lonxe dos aproximadamente 12 céntimos de media que custa producilo.

 

Esta situación resulta se cabe máis inexplicábel se temos en conta que dende fai uns anos apréciase unha baixada na produción comunitaria, tamén no Estado español. Sen embargo houbo un aumento do 2% do volume de pataca comercializada e tamén aumentou o consumo. Entón, se se vende máis, cómense máis pero prodúcense menos, a que se debe o baixo prezo da pataca en orixe?

 

Aceptar o prezo de 0,04€ ofertados actualmente supón directamente a ruína, xa que co obtido non poderían nin pagar os custos de produción da vindeira campaña. Arestora hai milleiros de toneladas de pataca almacenada, que logo comezarán a agromar e, polo tanto, non será xa posíbel a súa venda nun mes e medio aproximadamente.

 

Coa realización dos mercados transparentes da pataca denunciaremos tamén que as multinacionais da distribución, industrias e almacenistas non só están sometendo á extorsión aos pataqueiros/as, senón que tamén están a facer recaer estas prácticas abusivas sobre as familias.

 

Como xa vimos denunciando, na pataca as multinacionais da distribución de alimentos, os grandes centros comerciais, están a aplicar unhas marxes de comercialización do 1500%, unha práctica que ben se pode catalogar de usura para con todos os cidadáns e cidadás, sendo como é a pataca un produto básico na alimentación galega.

 

Reclamamos polo tanto do Goberno galego que traballe por dar saída a esta situación a través de convenios, accións de promoción, denuncias, etc.

 

Instámolo a falar con almacenistas, industrias elaboradoras e distribución/grandes centros comerciais para que cese esta extorsión aos produtores/as e que se remate co establecemento de marxes de usura aos consumidores/as.

 

Ademais o goberno do Estado, para todos os sectores, pero tamén co sector da pataca, debe abordar durante a súa presidencia na UE no primeiro semestre do 2010 a regulación dos mercados e, polo tanto, das marxes comerciais.

 

En segundo lugar cómpre que regule tamén as producións, para que sendo Galiza e a UE produtoras de patacas non se permita nin se facilite, como acontece arestora no marco da Organización Mundial do Comercio (OMC), a entrada de pataca doutros países mediante acordos multinacionais que destrúen postos de traballo e alimentación na UE e neses países de orixe.