A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Pataca>
  5. As organizacións profesionais agrarias e medio rural coinciden en priorizar as actividades agropecuarias n´A Limia

As organizacións profesionais agrarias e medio rural coinciden en priorizar as actividades agropecuarias n´A Limia

5 de Abril do 2010

ZEPA LIMIA

Representantes do Sindicato Labrego Galego, Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias acordan axilizar o calendario do plan de ordenación da ZEPA co director xeral de Conservación da Natureza

Representantes das organizacións profesionais agrarias Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego valoraron hoxe “positivamente” o encontro mantido co director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, para analizar a situación derivada para gandeiros/as e agricultores/as polo plan de ordenación da ZEPA n´A Limia.

 

Tanto o representante da Consellería do Medio Rural como os responsables das organizacións profesionais agrarias coincidiron en sinalar que o futuro plan de ordenación da Zona de Especial Protección de Aves garantirá que non haxa repercusións negativas sobre a actividade agrogandeira da comarca d´A Limia.

 

O encontro celebrouse logo da aprobación polo Parlamento da reforma da Lei do Solo, na que se establece a prevalencia dos plans de conservación sobre as normas urbanísticas.

 

Na reunión acordouse acelerar a redacción do plan de ordenación daquela zona protexida de A Limia, unha tarefa na que as organizacións profesionais agrarias, como únicas interlocutoras válidas diante da Administración, continuarán a facer as súas aportacións.

 

Ámbalas dúas partes comprometéronse a ter unha próxima reunión, nun prazo de trinta ou corenta días, para avanzar tecnicamente na redacción dese plan de ordenación da ZEPA de A Limia.

 

Cómpre lembrar que as organizacións agrarias Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego levan xa anos traballando para que a posta en marcha deste espazo protexido non teña repercusións negativas nas actividades agrogandeiras en A Limia.

 

Os representantes de XXAA, UUAA e SLG consideraron positiva a postura do responsable de Conservación da Natureza de considerar que a existencia e conservación de aves nesa comarca débese fundamentalmente á actividade agropecuaria que desenvolven agricultores/as e gandeiros/as n´A Limia.