Se algún día nos cadrase ver a Juyoung Gam, poderiámonos preguntar que fai unha labrega coreana cultivando a terra a carón da praia de San Bartolo, en Barreiros (Lugo). Para obter a resposta, teriamos que remontarnos ao ano 2008, cando Juyoung fixo o Camiño de Santiago e coñeceu a Miguel -xixonés fillo dun emigrante de Barreiros-, ao que uniu dende aquela a súa vida. Despois viría a decisión de vivir da terra na Galiza, pero iso xa ten máis miolo por debullar...
Hai uns quince anos, entrevistabamos a un mozo Xulio Rodríguez (bit.ly/Xulio2003) que xa levaba dez anos de carreira profesional na explotación hortícola familiar, no barrio de San Pedro da Torre (Mondoñedo). Dende aquela, moito choveu, e na súa traxectoria viu de todo: dende a tentativa de crear un selo de calidade propio para a horta galega á constitución da SAT Labregos de Lugo, que é todo un exemplo de que, en temas como a comercialización, a unión fai a forza.
Na última xuntanza da Dirección de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego, presentouse o informe sectorial do ano 2017 no que se fai unha análise que ten como elementos máis destacados a seca e os prezos. Respecto do primeiro tema, constatouse que na maioría das comarcas apenas se solicitaron axudas para a seca, polo que, tal e como denunciou o SLG no seu día, os fondos para paliar os danos pola escaseza de auga están moi mal orientados por parte da Consellaría de Medio Rural e non serven nin para compensar as perdas nin para prever crises semellantes no futuro.
O ano que se foi, o 2017, ofreceunos unha cara nunca antes vista, cara que probablemente acabará sendo coñecida, por frecuente, para todas nós nun futuro non moi afastado. Será lembrado, polo de agora, coma o ano da seca e os lumes forestais. En moitos lugares de Galicia tivemos que sortear situacións até o de agora, inusuais. A falla de auga, xunto coas altas temperaturas, provocaron que a horta de inverno non puidese estar lista nas épocas que normalmente se fai, coas consecuencias que isto ten na economía e viabilidade dos nosos proxectos.
O Sindicato Labrego Galego rexeita o convenio marco sobre reemprego de grans para sementeira, asinado recentemente polo Ministerio de Agricultura, a Asociación de Obtentores Vexetais (ANOVE, lobby da industria das sementes) e organizacións agrarias como UPA e Asaja.
Belén Fervenza Couñago, labrega na parroquia de Reboreda, en Redondela (Pontevedra), foi elixida, o 31 de maio, nova responsábel de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego. A súa elección aconteceu na parroquia de Tabeirós (A Estrada), lugar elixido polo SLG para celebrar o seu Congreso de Horta, Froita e Flor, evento que se organiza cada catro anos para formar a nova dirección sectorial na organización e definir a axenda de traballo até a seguinte cita congresual. Belén substitúe así ao anterior coordinador do sector, Miguel Méndez, e contará coa colaboración dun labrego da Costa (Rois) como vicerresponsábel: Henrique Outes.
Como remate do curso de poda, enxerto e manexo de plantacións de froiteiras que o Sindicato Labrego Galego está a desenvolver na Estrada, vaise celebrar unha xornada de portas abertas na que se falará sobre a recuperación de variedades locais de froita.
Hai unhas semanas, o Sindicato Labrego Galego solicitaba unha reunión de urxencia con responsables da Consellaría de Medio Rural para tratar a crise provocada polos estragos dos últimos temporais nas explotacións agrogandeiras galegas, especialmente nas de horta (antecedentes).
O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un escrito (pódese descargar ao final desta páxina) solicitando unha xuntanza con responsables da Consellaría de Medio Rural para tratar a crise xerada polos estragos causados polos temporais das últimas semanas no sector de horta, froita e flor na Galiza.
O Sindicato Labrego Galego solicitoulle á Consellería de Medio Rural que se habilite, con carácter de urxencia, un plano para avaliar e, posteriormente, paliar os fortes danos nas explotacións agrarias e gandeiras ocasionados pola chuvia e polo vento dos temporais que chegaron a Galiza neste Nadal.