A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Horta, Froita e Flor>
  5. Novas experiencias de comercialización directa de produtos labregos en Vigo, Moaña e Cotobade

Novas experiencias de comercialización directa de produtos labregos en Vigo, Moaña e Cotobade

30 de Maio do 2007

Feira de froita

O Sindicato Labrego segue apostando pola eliminación dos intermediarios para rendibilizar as rendas das explotacións

O Sindicato Labrego Galego organizou, durante o mes de maio, varias actividades relacionadas coa venda directa de produtos agropecuarios. A primeira delas tivo como escenario Vigo, e consistiu en organizar o xantar do Día da Clase Obreira para a Confederación Intersindical Galega (CIG). Xa a mediados de mes, e en colaboración coa Asociación de Pastoreo do Deza, participouse nas feiras de Meira e Cuspedriños para promover a venda sen intermediarios de carne de vacún de reses criadas en explotacións extensivas en réxime de pastoreo tradicional. 

O Sindicato Labrego Galego, como xa fixera o ano pasado, foi o encargado de organizar o xantar do 1 de maio para a Confederación Intersindical Galega (CIG) en Vigo, no Parque de Castrelos. Con esta actividade, o Sindicato Labrego tentou facer ver aos consumidores e consumidoras a importancia de demandar produtos locais producidos nas nosas explotacións agrarias para o consumo diario, xa que desta maneira se defenden os postos de traballo da agricultura e da gandería, se desenvolve o noso medio rural e, ao mesmo tempo, apoiase un modelo agrario sustentábel respectuoso co medio ambiente e coa saúde das persoas, sexan labregos e labregas ou consumidores e consumidoras.

O xantar, ao que acudiron douscentos comensais, foi tan variado como as producións agrarias do sur da provincia de Pontevedra. Así, de primeiro houbo empanada de algas (con cenorias; cebolas; fariñas de centeo, millo e trigo de divers@s produtores e produtoras do Baixo Miño e Condado; e algas de Algamar, Redondela) e minestra de verduras frescas (leituga, cenorias, cebola, allos, ervellas, fabas, xudías e remolacha do Baixo Miño e do Condado). A carne ao caldeiro con cachelos fixo de segundo prato, obtida a partir das reses de Manuela Fernández (A Graña, O Covelo) e patacas de Florencio Sobrino (San Xián, O Rosal). E, para rematar, sobremesa a base requeixo da Cooperativa Condado-Paradanta (As Neves) con mel de Carlos Durán (Guillade, Ponteareas). Como non podía ser menos, o xantar estivo regado con viños brancos e tintos d’O Rosal e d’O Condado e auga mineral do manancial de Violledo, en Salvaterra.

A maiores, instaláronse numerosos postos de venda, abertos ao público a partir das 11:00 horas, nos que se puideron mercar directamente produtos agrarios aos labregos e labregas que os producen tales como ovos, viño, licores, pan, fariña, carne, patacas, verduras e hortalizas, froitas, mel, queixo, leite, sementes, flores, etcétera.

Para Salvador Fernández, responsábel do SLG no Baixo Miño, "este xantar labrego do 1 de maio foi só unha pequena mostra do que podemos facer en canto a novas formas de distribución dos alimentos, baseadas na venda directa e no comercio local e de proximidade que, con toda seguridade, contribuirán de xeito moi importante a manter postos de traballo, a conservar a nosa cultura alimentaria e a mellorar as economías locais e comarcais".

En definitiva, o consumo de produtos labregos locais pode ser todo un revulsivo para avanzar na loita por unha nova política agraria e alimentaria que parta das necesidades da sociedade galega e non dos intereses económicos dunhas poucas multinacionais agroalimentarias e das grandes distribuidoras de alimentos, como acontece na actualidade.

Os produtos labregos locais marcan a diferenza

Os produtos locais e labregos son máis saborosos, porque non son producidos de xeito industrializado e estandarizado. Ademais, son máis sans, porque non teñen necesidade dos conservantes, colorantes, etcétera que levan os produtos industriais; e máis seguros, porque son froito da experiencia acumulada por xeracións de labregos e labregas galegas.

Dende un punto de vista medioambiental, os produtos locais contaminan menos, porque se evitan os custes enerxéticos e os impactos ambientais do transporte a longas distancias; son socialmente solidarios, porque permiten a permanencia de explotacións agrarias que poñen de valor os nosos recursos, retribuíndo adecuadamente o traballo dos labregos e das labregas; e evitan a nosa dependencia das grandes transnacionais do comercio, deixando os beneficios en Galiza.

Carne do Deza nas feiras de Meira e Cuspedriños

O Sindicato Labrego Galego e a Asociación de Pastoreo do Deza (Pasdeza) participaron nas feiras de Meira (Moaña), o 17 de maio, e Cuspedriños (Cotobade), os días 19 e 20 do mesmo mes. Con Pasdeza, experiencia que xa conta cun ano de traxectoria ás súas costas, máis de medio cento de explotacións gandeiras das comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e Deza, nas que se practica o pastoreo tradicional en réxime extensivo, están dando a coñecer a súa produción de calidade por toda Galiza.

Un dos obxectivos de Pasdeza é diferenciar a carne que se produce nas súas explotacións. E iso acádase pola propia natureza das ganderías que participan na experiencia, con becerros que aleitan de vacas nutrices ata o intre do sacrificio nun sistema de pastoreo tradicional. Ademais, en Pasdeza apostan claramente pola recuperación das razas de vacún autóctonas como Rubia Galega, Vianesa, Cachena, Caldelá ou Frieiresa; amais de traballar tamén con Ovella Galega, Porco Celta e Galiña de Mos. Desta conxunción de modelo produtivo e raza xorde unha carne de primeirísima calidade, rica en ácido Omega 3 –excelente para prever o colesterol-, e cun sabor de gran exquisitez e intensidade que a diferencia, de lonxe, doutras carnes producidas en cebadeiros.

Pero a calidade do produto non serve de nada se este non se vende, e aí é onde entrarían as feiras nas que participa habitualmente Pasdeza. Así, as de Meira e Cuspedriños deron continuidade a experiencias semellantes levadas a cabo na Feira de Outono de Pontevedra ou na Feira Sostíbel de Lalín. O obxectivo destas mostras non foi outro que o de crear un escaparate para dar a coñecer esta carne directamente a consumidores e consumidoras e, de paso, eliminar intermediarios que chuchen os beneficios das explotacións gandeiras.