A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Horta, Froita e Flor>
  5. O SLG insta á Consellaría de Medio Rural a tratar a situación crítica pola que atravesan os sectores de horta, froita e flor

O SLG insta á Consellaría de Medio Rural a tratar a situación crítica pola que atravesan os sectores de horta, froita e flor

5 de Febreiro do 2014

Invernadoiro estragado

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un escrito (pódese descargar ao final desta páxina) solicitando unha xuntanza con responsables da Consellaría de Medio Rural para tratar a crise xerada polos estragos causados polos temporais das últimas semanas no sector de horta, froita e flor na Galiza.

A destrución de instalacións esenciais como invernadoiros e o empozamento continuado das terras de labor son o colofón a un annus horribilis neste sector, que acusou unha forte mingua produtiva despois das irregularidades climatolóxicas que se sucederon ao longo de 2013, no que as choivas excesivas e pertinaces se alternaron con períodos de seca demasiado longos. Á forte caída nos ingresos das explotacións derivada de todo o devandito, houbo que sumar o incremento dos custes da actividade provocados polo encarecemento de insumos esenciais como o gasóleo, a electricidade ou os abonos.

Aproveitando a solicitude de xuntanza, dende o Sindicato Labrego Galego se lle recordou á Consellaría de Medio Rural unha serie de desavantaxes comparativas que sofre o sector de horta con respecto a outras actividades agrogandeiras. Para empezar, o sector hortofroiteiro e o da floricultura carecen de axudas da Política Agraria Común (PAC). Ademais, á hora de prever danos como os causados polos temporais, non se poden beneficiar de seguros agrarios, pois os que hai ou son demasiado caros ou non están adaptados á idiosincrasia do noso país; como exemplo ao respecto, as intensas choivas veñen de arruinar os cultivos de cereais de inverno na Limia, cuxa sementeira non se puido asegurar por non haber pólizas que cubrisen este tipo de cultivos nesta época do ano. Tampouco teñen as explotacións de horta sistemas para regular minimamente os prezos ou o mercado, como acontece noutros sectores (mesas sectoriais, etc.), de maneira que as nosas producións se ven obrigadas a competir en condicións de franca desigualdade contra produtos a baixo prezo cultivados en terceiros países onde non se cumpren, nin de lonxe, as condicións laborais ou sanitarias esixidas na Unión Europea. Chama a atención que dende a Xunta ou o Ministerio de Agricultura non se apoie e potencie máis un sector que está a ser o máis solicitado para incorporacións de xente nova á actividade agraria e que, polo tanto, se está a revelar como unha saída laboral e de autoemprego con futuro no actual contexto de crise.

Por todo o devandito, dende o SLG pediuse un encontro con responsables da Consellaría de Medio Rural para tratar, entre outras cuestións:

  1. A posibilidade de crear unha liña extraordinaria de axudas para axudar a reparar as instalacións agrarias destruídas polos temporais de Nadal, compensar os cultivos estragados, e xeitos de financiamento especiais para dotar de liquidez a aquelas explotacións que o precisen.

  2. Crear mecanismos administrativos que compensen a devandita falta de liquidez como, por exemplo, bonificacións ou gratuidade nas cotizacións á Seguridade Social durante un período de tempo determinado.

  3. Posibilidade de crear axudas específicas e estables para o sector da horta, froita e flor que compensen as desavantaxes manifestas que padecen con respecto a outros sectores agrogandeiros e fronte á competencia desleal no mercado con producións de terceiros países.

  4. Dar preferencia ás explotacións afectadas polos temporais á hora de acceder a certas liñas de axudas, como as do Plan de Mellora das Explotacións Agrarias.

  5. Analizar a problemática dos seguros agrarios para adaptar o seu custe e a cobertura que proporcionan á idiosincrasia das explotacións do noso país.

Invernadoiro destruído

Ficheiro adxunto