A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. O Congreso da Carne de Vacún do SLG reclama un reparto máis xusto e menos burocrático das axudas

O Congreso da Carne de Vacún do SLG reclama un reparto máis xusto e menos burocrático das axudas

28 de Febreiro do 2011

Votación no Congreso de Vacún de Carne do SLG

O Sindicato Labrego Galego celebrou, o pasado 26 de febreiro, o seu Congreso do Vacún de Carne en Becerreá no que, amais de renovar responsábel e directiva para o sector, reafirmouse, tamén, na defensa das explotacións labregas e familiares que seguen a traballar neste sector e que manteñen con vida algunhas das zonas rurais e de montaña máis desfavorecidas da Galiza.

A nova Dirección Nacional de Vacún de Carne do SLG, que se elixiu en asembleas celebradas por todo o país, estará coordinada por Xosé Luís López Galán, de Pedrafita do Cebreiro, como responsábel; e por Mercedes Alonso, de Cotobade (Pontevedra), como vicerresponsábel.

En canto aos principios sindicais que rexerán o traballo da nova Dirección da Carne do SLG, segue estando en primeiro termo a necesidade de mudar as políticas agrarias para que as rendas das explotacións gandeiras veñan, principalmente, a través duns prezos dignos para a carne de vacún que cubran os custes de produción e o traballo. Mais, dado que a situación actual é ben distinta, habendo unha gran dependencia das axudas para facer rendíbel a actividade gandeira, o SLG tamén defenderá que se manteñan as axudas para garantir unhas rendas dignas no sector e que melloren os seus criterios de reparto e de xestión de cara a beneficiar ás explotacións máis desfavorecidas. Neste senso, criticouse que axudas como o Contrato de Explotación Sustentábel (CES) esixen unha carga burocrática inasúmibel para unha explotación e que se perden boa parte dos cartos en custear os estudos esixidos e a súa tramitación; ou a imposibilidade para moitas explotacións, normalmente as que están nunha situación máis delicada, de ter acceso ás Indemnizacións Compensatorias de Montaña (ICM) por mor dun sistema de puntuación demasiado restritivo. O SLG avogou por librar da carga burocrática ao CES e que se lles dea a ICM a todas as explotacións que manteñan a súa actividade en zonas desfavorecidas, sen restrición.

En canto ao mercado, o Sindicato Labrego volveu incidir na súa oposición á liberalización que se está a forzar dende organismos internacionais como a Organización Mundial do Comercio (OMC), e defendeu “a permanencia de aranceis para protexer os nosos mercados, e o control das importacións, impedindo a entrada de carne producida en condicións que aquí non serían toleradas”. Por iso, unha das reivindicacións do SLG para a carne de vacún é que a nova Política Agraria Común (PAC) reserve os mercados europeos para os produtores e produtoras europeos e con prezos europeos”. E o único xeito de fixar eses “prezos europeos”, para o SLG, pasa pola creación de interprofesionais nas que estean representados todos os axentes do sector e con capacidade para negociar e fixar prezos mínimos dignos e estables para a carne de vacún.

O Congreso da Carne do SLG tamén serviu para insistir en reivindicacións necesarias para o sector, como maiores controis nos matadoiros, co precintado de básculas para que non sexan manipulábeis; a oposición ao uso de fariñas cárnicas ou transxénicos na composición dos pensos cos que se alimentan ás reses; a diferenciación clara da carne de explotacións tradicionais con respecto á provinte do cebo industrial, tanto para as explotacións que producen para Tenreira Galega como para o resto; ou políticas destinadas a dotar de base territorial suficiente ao sector pois, a pesares de que o número de explotacións diminuíu, significativamente, nos últimos anos, non medraron as terras a disposición das ganderías que aínda seguen en activo.

Congreso de Vacún de Carne do SLG

Votación no congreso

Dirección da Carne do SLG 

 

 

 

undefined 

 

 

 

 

 

undefined