A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. O SLG propón a Medio Rural medidas contra a crise do coello e participará nas protestas do sector mañá en Madrid

O SLG propón a Medio Rural medidas contra a crise do coello e participará nas protestas do sector mañá en Madrid

16 de Xuño do 2016

Concentración cunícola

Na xuntanza mantida esta semana entre o Sindicato Labrego Galego e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo (), trasladóuselle á Consellaría o empeoramento, nas últimas semanas, dunha situación que xa era insostible das persoas que viven na Galiza de producir coello.

Actualmente, o prezo do coello está totalmente banalizado, posto que as cadeas de distribución están a impor prezos inasumibles para as granxas, con valores por baixo de 1,50 €/quilo cando os custes de produción superan os 1,80 €. Até non hai moito, os produtores e produtoras do sector foron termando porque recibían cartos pola pel, pero agora non teñen esa saída comercial.

Neste contexto, o Sindicato Labrego Galego propúxolle a Belén Docampo unha batería de medidas

  • Recuparación urxente do prezo en orixe e aplicación real dunha cadea de valor sostible en base a índices obxectivos dos custos de produción e que sexa de aplicación obrigatoria e con garantías de cumprimento. Neste marco, a Administración debería realizar unha actuación contundente contra a ilegalidade das prácticas comerciais daquelas cadeas de distribución que obrigan a vender a perdas.
  • Frear a agresiva campaña dos grandes matadoiros que están a promover a substitución de centos de granxas por uns poucos macroproxectos integrados con miles de animais.
  • Promoción do consumo de coello como unha das carnes máis saudables que hai no mercado: Esta medida serviría para enfrontar a caída de consumo que hai deste alimento entre as xeracións máis novas e podería facerse por diferentes vías máis alá das simples campañas publicitarias, dende a promoción directa en hostalería á compra pública de alimentos, sen esquecer a sinatura de acordos coas distribuidoras.
  • Programa de axudas ás granxas: O SLG xa denunciou que as medidas anunciadas pola Consellaría de Medio Rural para o sector cunícola son insuficientes e que debe facerse un programa de apoio máis ambicioso que, ademais de axudas, inclúa refinanciación de débeda, moratorias, bonificacións, etc. Neste senso, non está de máis facermos unha comparativa das medidas emprendidas pola Comunitat Valenciá para enfrontar a crise no sector cunícola, coas levadas a cabo na Galiza: Esta é unha pequena comparación coas axudas anunciadas por Valencia.

Gráfica cunícola

  • Apoio a proxectos de produción de coello ecolóxico: Permitiría obter un maior valor engadido e cubrir un nicho de mercado practicamente sen explotar.
  • Financiamento de proxectos de matadoiros de proximidade e crear un marco legal axeitado para ter salas de despece caseiras ou infraestruturas nas propias granxas que permitan aos produtores e produtoras comercializar directamente carne de coello.

    Finalmente, dende o Sindicato Labrego Galego, como organización agraria, animamos a participar na manifestación que o sector cunícola levará a cabo maña, 17 de xuño, en Madrid, e na que participaremos para reivindicar demandas necesarias para saírmos da crise como as que lle propuxemos esta semana á Consellaría de Medio Rural. 

    Concentración cunícola