A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. SLG e AGA reclaman a Industria e Medio Rural que esixan do Goberno do Estado unha etiquetaxe transparente no mel

SLG e AGA reclaman a Industria e Medio Rural que esixan do Goberno do Estado unha etiquetaxe transparente no mel

19 de Outubro do 2016

Concentración apícola

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba Seivane, e o secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Xesús Asorey, foron as persoas encargadas de rexistrar nos edificios administrativos de San Caetano (Compostela) hoxe, 19 de outubro, senllos escritos dirixidos ás consellarías de Industria e Medio Rural para que lle esixan ao Goberno do Estado os cambios lexislativos necesarios para posibilitar unha etiquetaxe transparente no mel na que se detalle, entre outros aspectos, o país ou países de orixe do produto. Posteriormente, ás 13:00 horas, ambos mantiveron unha xuntanza coa directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal , para expoñerlle a problemática denunciada.

Esta acción estivo coordinada con outras semellantes en Santander, Murcia, Guadalaxara, Barcelona, Logroño, Sevilla, Zaragoza, Valencia e Mérida que se levaron a cabo durante a xornada de hoxe no marco dunha campaña organizada pola Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que forma parte o SLG.

No escrito presentado (pódese descargar íntegro premendo na icona que atoparás no remate desta páxina) e na xuntanza mantida coa directora xeral de Comercio, informamos da obriga na Unión Europea de informar correctamente a consumidores e consumidoras na etiquetaxe dos produtos alimentarios, coa “prohibición de inducir ao erro” e indicar, entre outros datos, a procedencia do produto (Directiva 2000/13/CE do Parlamento Europeo e do Consello). Se ben é certo que a Directiva 2001/110/CE do Mel permite etiquetar o produto importado como «mestura de meles orixinarios da CE», «mestura de meles non orixinarios de CE» e «mestura de meles orixinarios e non orixinarios da CE»; países como Italia xa teñen lexislado para que sexa obrigatorio indicar na etiqueta o país ou países de orixe onde o mel fose recollido no caso de meles orixinarios de dous ou máis estados membros ou países terceiros.

No Estado español, actualmente, séguese etiquetando meles de fóra da UE como “mestura de meles UE - non UE” (en casos de adición de pequenas cantidades de mel europeo ás mesturas) sen indicar os países nos que os meles foron recollidos; ou etiquetando como “mestura de meles non UE” sen indicar se o mel comercializado provén de China ou de Ucraína. Desta maneira, as grandes operadoras estatais están a mercar mel chinés de dubidosa calidade a prezos de miseria, inferiores a 2 € o quilo, ao que lle engaden unha ínfima parte de mel de países europeos onde tamén se merca barato, como Romanía, e o etiquetan finalmente como “mestura de meles UE-non UE”. Mesmo dende COAG e SLG temos denunciado a importación de mel chinés dende terceiros países como Portugal (a 1'45 €/quilo), Arxentina (1'87 €/quilo) ou Uruguai (2'16 €/quilo), para agachar a súa orixe verdadeira.

Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Apicultura pedímoslle ás consellarías de Medio Rural e Industria que insten ao Goberno a que aproveite a oportunidade que supón a modificación do Real Decreto 1049/2003, de 1 de agosto, polo que se aproba a norma de calidade relativa ao mel (así como a súa posterior modificación, o RD 473/2015), para introducir un cambio normativo na lexislación semellante ao introducido en 2006 na lexislación italiana, que permita ao noso sector apícola poder diferenciar as súas producións fronte ás doutros países, e aos consumidores e consumidoras a orixe dos meles que consumen.

Concentración apícola 1

Dirección Xeral de Comercio

Apicultores e apicultoras de AGA e do SLG fixeron unha pequena concentración de denuncia (arriba) e, tras rexistrar os escritos dirixidos a Industria e Medio Rural, mantiveron unha xuntanza coa directora xeral de Comercio (abaixo) 

 

Ficheiro adxunto