A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. SLG e AGA esixen unha etiquetaxe transparente para o mel de cara a evitar a venda fraudulenta de produtos foráneos

SLG e AGA esixen unha etiquetaxe transparente para o mel de cara a evitar a venda fraudulenta de produtos foráneos

11 de Decembro do 2018

Concentración apícola

A Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) organizou unha campaña de accións en 18 cidades do Estado para denunciar a normativa que regula a etiquetaxe do mel, por amparar a fraude e prexudicar directamente o mel de calidade dos nosos apicultores e das nosas apicultoras.Na Galiza, fomos o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Apicultura as organizacións encargadas de secundar esta mobilización, cunha concentración no Centro Comercial As Cancelas, en Compostela. De seguido, compartimos con vós o manifesto:

EN DEFENSA DO MEL GALEGO

POR UN SECTOR APÍCOLA RENDIBLE E SOSTIBLE

Os apicultores e apicultoras da Galiza mobilizámonos hoxe para denunciar a crítica situación pola que estamos atravesando.

A situación é perversa. Producimos un dos mellores meles do mundo, pero a industria envasadora deixou de mercalo porque prefire abastecerse de importacións de baixa calidade de terceiros países, principalmente de China. En 2017, alcanzáronse cifras récord de importación. Nunha década, duplicouse a entrada de mel foráneo: pasamos de 16.000 toneladas en 2007 a 32.000 na última campaña. O propio Parlamento Europeo describe os efectos desta situación nun dos seus últimos informes que di, textualmente: “...as importacións de baixa calidade, a adulteración e os sucedáneos distorsionan o mercado e exercen unha presión continua sobre os prezos e, en última instancia, sobre a calidade do produto no mercado interior...”.

Esta problemática non só afecta aos apicultores e ás apicultoras. Aféctache tamén a ti, consumidor e consumidora, porque a confusa lexislación española sobre a etiquetaxe permite ás grandes industrias envasadoras enmascarar sucedáneos de mel, de baixa calidade, sen necesidade de detallar o país de orixe no que foi recollida.

Para evitalo, levamos anos reclamando aos diferentes gobernos que modifiquen a normativa sobre a etiquetaxe, co obxectivo de clarificar o país de orixe do mel e as porcentaxes de mesturas, así como que se intensifiquen os controis en fronteira da Unión Europea sobre as importacións de mel.

Os consumidores e consumidoras teñen unha ferramenta que garante a calidade do mel que consumen e apoia o sector apícola: consumir mel galego. O noso mel provén das flores silvestres dos montes e recóllese de forma artesanal por unha maioría de apicultores e apicultoras de pequena e mediana escala que traballan en toda a xeografía galega. Así, o mel de Galicia conserva todas as súas propiedades e características, cun valor engadido que o distingue claramente doutros meles. Consumindo mel galego, apoiamos a apicultura no noso país, co beneficio que aporta tanto para a economía local como para o medio ambiente, a través da polinización que realizan as abellas, indispensable para o mantemento da biodiversidade e da produción agrícola e froiteira. Para iso, hai que buscar mel nos lineais dos supermercados que leven a etiqueta da Indicación Xeográfica Protexida "Mel de Galicia" ou mercar en feiras de mel e mercados locais, onde apicultores e apicultoras de confianza ofrecen os seus meles de produción propia.

Concentración Apícola