A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG apoia as mobilizacións do 15-OU contra os tratados de libre comercio porque ameazan a nosa agricultura

O SLG apoia as mobilizacións do 15-OU contra os tratados de libre comercio porque ameazan a nosa agricultura

14 de Outubro do 2016

Outono de resistencia

O Sindicato Labrego Galego estará, este 15 de outubro, unha vez máis nas rúas para esixir a marcha atrás nas negociacións de tratados de libre comercio coma o TTIP con Estados Unidos ou o CETA con Canadá porque a agricultura sería o sector máis damnificado, xa que as taxas arancelarias que protexen aos produtos agrícolas europeos son as máis altas na UE, cunha media do 14'6%. Isto é así porque os sectores agrarios, amais do importante peso económico que teñen, son vitais para a UE polo seu rol como fornecedores de alimentos, de estruturación do territorio e de distribución xeográfica do traballo e da riqueza. Mais todo iso e moito máis semella que pretende sacrificarse nas aras do libre comercio. Vexamos como:

  • Alimentos de calidade protexidos: A sinatura do TTIP pode supor a fin das denominacións de orixe (DO) e indicacións xeográficas europeas (IXP), xa que os Estados Unidos non protexen as indicacións xeográficas europeas e permite aos seus produtores e ás súas produtoras utilizar as nosas denominacións, ás que consideran simples nomenclaturas comerciais para os alimentos. É dicir, se vai para adiante o TTIP, en Estados Unidos, unha macroexplotación de vacún de Texas podería producir legalmente Tenreira Galega; unha explotación de porcino, Lacón; ou unha queixería calquera un Arzúa-Ulloa, por poñer só 3 exemplos que afectarían a algún da trintena de alimentos que, na Galiza, gozan de sistemas protectores como as DO ou as IXP. Unha boa mostra disto é que, actualmente, en Estados Unidos comercialízase Oporto de Oregón ou Xerez de California, por poñer dous exemplos.
  • Competencia desigual: Nos Estados Unidos, as granxas predominantes son de tipo industrial e o seu tamaño medio é 13 veces superior á media europea. De feito, hai 2 millóns de granxas nos EEUU fronte aos 13 millóns cos que conta a UE. Ademais de ser máis pequenas, as explotacións europeas teñen unha normativa medioambiental e sanitaria moito máis estrita. En resume, as granxas norteamericanas, moito máis grandes e concentradas, comercializando a través de grandes corporacións, sen ter que cumprir as mesmas normativas sanitarias e ambientais, e sen os aranceis que agora protexen as nosas producións, varrerían, literalmente, centos de miles de explotacións e sectores produtivos enteiros na Unión Europea.

  • Transxénicos: Agora mesmo, na Unión Europea é obrigatorio informar na etiquetaxe dos alimentos e pensos se conteñen transxénicos ou non, e cada OXM ten que pasar un test de seguridade e ser aprobado pola Autoridade de Seguridade Alimentaria. De ir para adiante o tratado, a UE estaría obrigada a eliminar as poucas barreiras de seguridade que temos para equipararse ás normas dos EEUU, onde os OXMs non deben ser supervisados, non teñen que realizar ningún test de seguridade e nin sequera é obrigatorio informar na etiquetaxe dos alimentos da súa presenza.

  • Carne tratada con hormonas e cloro: Nos Estados Unidos, as vacas producen até un 10% máis de leite que as súas curmás europeas grazas á Somatotropina Bovina Recombinante, unha hormona transxénica de Monsanto relacionada co cancro de mama, de próstata e de colon nas persoas. En canto á produción de carne, hai autorizadas 6 hormonas esteroides coas que os becerros engordan até un 15% máis. Cos porcos acontece outro tanto pero cunha droga chamada Ractopamina que fai aumentar a súa masa muscular e que está prohibida en 150 países, incluída a UE. En canto aos polos, desinféctanse con cloro antes de comercializarse. Estas carnes con hormonas ou cloro están, agora mesmo, prohibidas na Unión Europea. De ir cara a adiante o acordo, Europa debería eliminar tamén as prohibicións a este modelo produtivo tan insán e perigoso para a seguridade alimentaria.

  • Seguridade alimentaria: Na Unión Europea, existe un principio de precaución que esixe probas científicas dos produtos antes de ser comercializados. Ademais, a Lei Reach permite á Axencia Europea de Químicos poñer restricións na produción, comercialización e uso destes produtos para protexer a saúde pública e o medio ambiente. Pola contra, nos EEUU as normas sobre químicos son máis laxas e seguen comercializando uns 30.000 produtos asociados a doenzas e enfermidades como cancro de mama e testicular, infertilidade masculina, diabete e obesidade.

  • Minaría salvaxe: Unha das grandes preocupacións dos colectivos que loitamos contra a minaría salvaxe é a creba hidráulica, máis coñecida como fracking, unha técnica consistente na inxección de produtos químicos a presión no subsolo para fender a rocha el liberar o gas ou o petróleo que almacenan e extraelos. O fracking está expresamente prohibido en Francia, Holanda, Bulgaria, Irlanda do Norte, Cataluña, A Rioxa, Navarra e Cantabria polos enormes riscos ambientais que entraña, especialmente para as augas subterráneas, que adoitan a ser contaminadas e vólvense inservibles para consumo humano e animal ou para regar cultivos, e porque pode provocar terremotos. Ademais, a explotación por fracking esixe o acaparamento de grandes extensións de terra para as empresas, que implicaría a expulsión de labregos e labregas en vastas áreas. A pesares diso, o Estado Español legalizou esta técnica de extracción e simplificou os trámites para conceder licenzas. O fracking é unha práctica habitual que vén de vello nos Estados Unidos, onde as empresas do sector ven Europa como un xacemento virxe sen explotar.

Se un tratado coma o TTIP prospera, á Unión Europea non lle vai quedar máis remedio que ceder en todo o devandito e moito máis, como a liberalización e privatización de servizos públicos, a perda de dereitos laborais, o alongamento das patentes privadas sobre medicamentos, etc. A cidadanía galega non pode obviar que este tratado destruiría o escaso tecido económico que aínda sobrevive no noso medio rural, desertizando e desestruturando aínda máis o noso campo, deixando sen medio de vida a miles de familias, e eliminando a nosa capacidade de producir alimentos e principios básicos de seguridade alimentaria. O secretismo co que se están a levar a cabo as negociacións deste tratado non pode ser escusa para que os partidos políticos non teñan esta cuestión como unha das prioritarias na súa axenda.

Por iso, tal e como levamos anos dicíndoo, aos labregos e labregas de Galiza sóbrannos motivos para saír mañá ás rúas e apoiar as sete manifestacións que terán lugar nas cidades galegas.

TTIP Titanic