A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Un cento de persoas dialogan sobre a agroecoloxía como alternativa viable e necesaria á agricultura industrial

Un cento de persoas dialogan sobre a agroecoloxía como alternativa viable e necesaria á agricultura industrial

5 de Decembro do 2016

Foro Labrego de Agroecoloxía

Ao longo da xornada do domingo, 4 de decembro, estivo desenvolvéndose o primeiro Foro Labrego de Agroecoloxía nas instalacións do antigo matadoiro de Betanzos. Alí, un cento de persoas, por riba do aforo previsto inicialmente, debateron, compartiron e dialogaron ao redor da alternativa ao actual sistema agrícola industrial que é a agroecoloxía.

Así, ao longo da mañá, sucedéronse intervencións como a de Xabier Simón ou Xoán Doldán, ambos profesores e investigadores universitarios, ou a da secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, que coincidiron en que o sistema agrícola dominante carece de futuro e que é insostible no meirande das súas facetas. Trátase dun sitema que xera enfermidades pola grande cantidade de agrotóxicos e insumos artificiais que utliza; que xera pobreza, ao relegar aos labregos e labregas a meros produtores de materia prima barata; que contamina e contribúe ao quecemento global e destrúe o medio ambiente; e, o máis paradóxico, que xera fame cando a súa función debería ser alimentar.

Mesmo nos últimos tempos, asistimos a un travestismo agrícola cando ese mesmo sistema industrial se pasa a producir e vender alimentos con certificado ecolóxico que, moitas veces, seguen a contaminar polas inxentes cantidades de petróleo que utilizan, que utilizan man de obra barata en condicións infames de explotación e que, ao estar orientados cara a clases sociais de alto poder adquisitivo, tampouco cumpren coa súa función de alimentar a humanidade.

Este mesmo sistema industrial, de produción altamente especializada, é o que, dende a nosa entrada no Mercado Común, ten pechado ducias de miles de granxas multifuncionais na Galiza que exercían unha función esencial á hora de xerar emprego no rural, dar sostén económico e alimentario a miles de familias e manter o noso territorio estruturado socialmente e habitado. Iso fixo que Galiza se convertese nun territorio altamente dependente da importación de alimentos e, polo tanto, moi vulnerable a calquera crise que afecte de maneira directa ou indirecta ao agro.

Lonxe de volver ao pasado, voces como a de Xabier Simón apostaron pola agroecoloxía , por un sistema agrícola que se basee nas necesidades das persoas e non nas cifras macroeconómicas nin nas contas de resultados da industria agroalimentaria.

Así, ao longo do día, puidemos compartir cos e coas súas protagonistas, experiencias agroecolóxicas que se están a desenvolver de xeito viable na Galiza e fóra dela, dende a produción e comercialización de leite cru na parroquia do Alle (Lalín), até a multifuncionalidade de Granxas de Lousada, en Irixoa, pasando polo proxecto co que Carabuñas tenta rescatar do esquecemento os usos alimentarios do sabugueiro en Sanguñedo (Vilar de Santos). Tamén compartimos experiencias de transformación alimentaria, como a do pequeno matadoiro avícola de Amayuelas de Abajo (Palencia), a xestión integral dos soutos de Manzaneda para producir castaña seca e fariña de Amarelante, ou a elaboración de marmeladas e conservas artesanais da Cooperativa Ribeira do Navia, en Navia de Suarna. Finalmente, tiveron a súa quenda diversas experiencias de consumo directo, como a cooperativa Zocamiñoca, da Coruña; o Sistema Participativo de Garantía A Gavela (Pontevedra) ou as comunidades sostedoras da agricultura (CSA).

O activismo da cidadanía fronte á desidia dos poderes públicos 

Dos diversos fíos que se tiraron nesta xornada, foise tecendo unha imaxe da agroecoloxía como un sistema que produce alimentos sans e de calidade, con métodos de cultivo respectuosos e sostedores do medio ambiente, multifuncional, que xera emprego e riqueza no rural e que debe, necesariamente, estar fondamente ligado non só co territorio do que tira o froito, senón tamén cos centros urbanos e cos consumidores e consumidoras a quen alimenta.

E aínda que todo isto precisa da imaxinación, vontade e coraxe de cada vez máis labregos e labregas, e de consumidores e consumidoras, que apostan por avanzar contracorrente producindo e consumindo con criterios agroecolóxicos; tamén é certo que se bota de menos a valentía e iniciativa dos poderes públicos, que teñen nas súas mans o poder de levar a cabo políticas e iniciativas que poderían potenciar a agroecoloxía como a compra pública de alimentos con criterios como a cercania ou o respecto polo medio ambiente, o desenvolvemento de normativas favorables ás pequenas producións, o financiamento de proxectos, facilitar o acceso á terra, darlle unha nova orientación á formación agraria ou o apoio de canles curtas de comercialización coma os mercados labregos.

Por iso, as organizacións e persoas participantes no Foro Labrego de Agroecoloxía, nas parroquias, concellos, comarcas, vilas e cidades onde desenvolven a súa actividade, tiveron claro que as demandas políticas e sindicais para que os poderes públicos apoien e promocionen a agroecoloxía deben complementarse coa iniciativa cidadá á hora de converter a produción ou o consumo de alimentos nun acto consciente e revolucionario que nos leve a superar o sistema agrícola e alimentario actual, enfermo e insostible, cara a outro con vontade de permanencia que sirva para alimentar a humanidade sen agredir a súa saúde ou o planeta que a sustenta.

Foro Labrego Agroecoloxía