A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG solidarízase coas persoas denunciad@s por INCA e apoia as accións convocadas por Lugo de cara ao Miño

O SLG solidarízase coas persoas denunciad@s por INCA e apoia as accións convocadas por Lugo de cara ao Miño

18 de Xaneiro do 2017

Lugo de cara ao Miño

O Sindicato Labrego Galego apoia a concentración convocada por “Lugo de cara ao Miño” para o 20 de xaneiro diante dos Xulgados de Lugo; ao tempo que se solidariza coas tres persoas -Lola, Lois e Miguel- denunciadas pola empresa INCA, adxudicataria da explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz, por un suposto delito leve de coacción.

Para o Sindicato Labrego Galego, o caso de Lola, Lois e Miguel, así como o de Lugo de cara ao Miño ou da asociación ecoloxista Adega -todos e todas denunciados por oporse ás ilegalidades de INCA- está a ser tristemente recorrente nestes tempos nos que persoas e colectivos que loitan en defensa do ben común acaban sendo perseguidas por empresas sen escrúpulos, pero con cartos suficientes para investir en avogados, co obxectivo de amedrentar a calquera que se opoña aos seus plans, mesmo se estes son flagrantemente ilegais, como o caso que nos ocupa.

Desta vez foron Lola, Lois e Miguel, e antes fórono Lugo de cara ao Miño e Adega, pero podería ter sido calquera organización ou persoa que tivese o valor de denunciar a usurpación ilegal dos bens comúns por empresas privadas como INCA. Por iso, o Sindicato Labrego Galego estará o este venres, 20 de xaneiro, diante dos Xulgados de Lugo para apoiar a Lola, Lois e Miguel nunha causa xudicial que, necesariamente, debería arquivarse.

Lugo de cara ao MiñoDe seguido, reproducimos o comunicado emitido por "Lugo de cara ao Miño" diante deste xuízo:

A plataforma “Lugo de cara ao Miño” convoca a toda a cidadanía de Lugo a unha concentración diante dos Xulgados de Lugo o vindeiro 20 de xaneiro ás 12.30 horas, en apoio a tres veciños de Lugo (Lola, Lois e Miguel) que foron inxustamente denunciados pola empresa INCA, adxudicataria da explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz, por suposto delicto leve de coacción. Segundo a denuncia presentada pola mercantil, estes tres veciños coaccionaron aos traballadores das obras do dique ilegal durante unha concentración de persoas espontánea que tivo lugar o pasado 15 de decembro de 2015 a pé de río, alertadas polo reinicio das obras da ataguía ilegal e que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil tiña paralizadas. Durante a devandita concentración, á que instamos a acudir tanto ao Seprona como á Policía autonómica, non houbo mostras de violencia nin intentos de coacción por parte das persoas alí presentes, que tan só reclamaron información sobre a existencia de permiso para retomar as obras e denunciaron publicamente o despropósto social e ambiental das mesmas.
Debemos resaltar que nun primeiro termo, a empresa Inca dirixiu esta denuncia penal contra o colectivo ecoloxista ADEGA e a plataforma “Lugo de Cara ao Miño”, pero o xulgado arquivouna por falta de fundamento. Foi entón cando, Inca mudou de estratexia e solicitou a revocación do sobreseemento da denuncia para dirixir os seus ataques infundados contra varias persoas particulares, tres das cales serán xulgadas o vindeiro 20 de xaneiro.
Non é a primeira vez que Inca intenta amilanar as nosas protestas a base de denuncias nos xulgados. En 2016 tamén presentou demanda contra esta plataforma e algúns dos seus membros por supostas inxurias e calumnias nas redes sociais, polo que reclamaba a estes colectivos a esperpéntica indemnización de 50.000 euros. Finalmente, como non podía ser doutro xeito, esta demanda non obtivo percorrido. Cremos que a persecución xudicial e pública á que Inca está sometendo a plataforma e os seus membros só pode responder a un intento de desprestixar e reprimir calquera movemento social ou de liberdade de expresión que atente contra os seus intereses privados, valéndose dunha posición privilexiada. Por outra banda, sorpréndenos que Inca se afane tanto en arremeter contra este movemento social se, como afirma, ten todas as autorizacións e cumpre con todas as esixencias legais para desenvolver as obras da fábrica da luz.
Ao mesmo tempo, parécenos especialmente lamentable e inmoral que Inca persista na denuncia penal contra estes veciños de Lugo cando o Ministerio de Medio Ambiente xa ratificou a ilegalidade das obras do dique executado por esta empresa, en conivencia co Concello de Lugo, e que foron denunciadas retieradamente por esta plataforma. Ademais, temos que incidir en que, por esta ilegalidade, os veciños e veciñas de Lugo teremos que pagar conxuntamente unha multa de máis de 200.000 euros que irán a cargo das arcas municipais. Resulta profundamente insultante e inxusto que, por riba de denunciar o que é ilegal, teñamos que ser os veciños e veciñas de Lugo os que paguemos as consecuencias do malfacer doutros e os que nos teñamos que sentar no banco dos acusados.
Lugo de Cara ao Miño” solidarízase cos veciños denunciados e considérase directamente afectada, afrontando como propias as consecuencias da demanda, xa que calquera dos seus integrantes ou calquera cidadán de Lugo podería estar no lugar de Lois, Lola e Miguel. Por iso, consideramos necesario que todos os veciños e veciñas da nosa cidade acudan a esta concentración para expresar a súa total repulsa á represión que exercen os poderosos sobre os nosos dereitos básicos de liberdade de expresión, de manifestación e de denuncia.
Ante a actitude belixerante da empresa Inca contra os veciños de Lugo, instamos ao Concello de Lugo a reconsiderar de novo, non só a rescisión do contrato coa mercantil, senón tamén a categoría moral das empresas coas que asina contratos e ás que lles cede a xestión dos nosos recursos naturais. Resulta paradóxico que os veciños e veciñas comprometidas cos bens públicos do concello e que vixían o cumprimento da legalidade vixente, sexan por riba os que se denoste e castigue publicamente, cando deberían ser outros os que terían que ser sometidos a xuízo. Insistimos en reclamarlle ao Concello que inicie as dilixencias necesarias para clarexar a responsabilidade da empresa adxudicataria na execución da obra ilegal e que revise o contrato asinado para o aproveitamento hidroeléctrico da fábrica da luz.
Desde Lugo de Cara ao Miño advertimos que, malia a calquera intento de reprimir as nosas reivindicacións, seguiremos esixindo o cumprimento da legalidade vixente e defendendo o río Miño fronte calquera agresión que atente contra a súa integridade e valores naturais, sociais e patrimoniais.