A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Desurbanizando a cuestión LGTBI: onde quedamos as transmaribibolleras do rural?

Desurbanizando a cuestión LGTBI: onde quedamos as transmaribibolleras do rural?

24 de Xaneiro do 2017

Bandeira LGTBI boina

Por ÁNGEL AMARO, sociólogo e activista LGTBI. 

Dun tempo a esta parte vense falado moito sobre as diversas estratexias de visibilización e asimilación que experimentou a comunidade LGTBI en diversos eidos, nomeadamente o mediático. En apenas 10 anos a cousificación identitaria que os medios de comunicación fixeron da sexodiversidade foi tan orquestrada e acelerada que agora xa resulta excesivamente complexo decatarse dos diversos estereotipos que se viñeron explotando e potenciando. 

Multitude de connotacións binarias e sensacionalistas que constrinxen e limitan unha realidade LGTBI diversa e complexa. Case o 90% da visibilización existente está protagonizada por homes cis, caucásicos, con empregos cool, con corpos normativos e vidas urbanitas. Esí é, vidas glamourosas e exitosas que se desenvolven no interior das urbes.

Desurbanizar a realidade e referencias LGTBI pasa por afastarnos do modelo hexemónico que se nos exporta dende Bruselas, as pasarelas de moda, Mediaset, Madrid, a publicidade sexista, o IBEX 35, Eurovisión, e por que non... Chueca. Estamos ante todo un conglomerado de espazos e grupos de presión que redefinen constantemente cal é o modelo a seguir para as persoas LGTBI. Barrios tematizados, consumismo desenfreado, festas privadas e selectas, roupa cara, turistificación, vigorexia, clasismo e, como non, racismo. Estamos ante o que o activismo transfeminista denominou hai tempo como 'capitalismo rosa'. É dicir, a globalización dun modelo estándar e extrapolábel en todo momento e lugar; sen ter en conta a idiosincrasia, outras diversidades, etc.

E ben, nesta ecuación capitalista, gaicéntrica e urbanita, que pintamos as persoas LGTBI galegas? É máis, que papel temos as persoas que, de xeito temporal ou permanente, habitamos o rural? Que tipo de referencias rurais temos, ou podemos construír, neste contexto? De que xeito se visibiliza a realidade LGTBI rural nos medios de comunicación? Moitos interrogantes e moitos debates que se solapan.

Eu, gai precario do rural, cada volta teño máis claro que debemos faguer un esforzo por evitar a chuequización das nosas vidas neste país. Porque o 'capitalismo rosa' non está moi desenvolvido na Galiza, mais estes procesos de colonización e asimilación nunca se desactivan esperando momentos mellores. Non debemos esquecer que as empresas que fan negocio coa cuestión LGTBI están moi interesadas en que o rural non teña futuro. Non vaia ser que habitar o rural fomente a creación de estilos de vida críticos coa lóxica neoliberal e entre a crise o negocio do século: a tematización das nosas identidades sexuais.

O modelo a seguir e imitar é o da cidade masificada, consumista e individualista. Acaso pensades que o certame Mr Gay World se fai pensando nos homes con corpos non normativos que, ademais, habitan no rural? Credes que o evento WorldPride está preocupado polo comercio local e as novas formas de habitar o rural na Galiza? Obviamente non. O 'capitalismo rosa' ignora a realidade LGTBI rural porque non contemplan o rural como unha posibilidade. É por iso que nós, LGTBI rurais, somos tachad*s de ilus*s, inxenu*s ou frikis polo simple feito de plantexar outras formas de enunciarnos fóra das cidades e das metrópoles.

As persoas LGTBI non urbanitas que defendemos un rural diverso e con futuro debemos pór en valor outras referencias e vivencias LGTBI alternativas ao canon gaifriendly. Outras formas de ser LGTBI que, até o de agora, están sendo invisibilizadas polo relato oficial. Desurbanizar a realidade LGTBI pasa por non invisibilizar boas prácticas que para moit*s de nós teñen un rol protagónico na nosa axenda militante: o troco, o coidado, o cooperativismo, a vida en comunidade, o decrecemento, os saberes populares, a reciclaxe, o convivio interxeracional e, como non, a defensa do patrimonio. Porque si, a chuequización desgaleguízanos a tódolos niveis e non axuda a normalizar a vida cotián de agricultoras, gandeiras, pescadoras e xentes do rural que non son/somos heterosexuais. Non esquezamos que o que non se ve non existe, e parece ser que só existe o modelo Mediaset. Estamos ante un dobre armario que debemos rachar: o LGTBI e o rural.

De nós depende que se socialice a idea de que no rural sempre houbo xente LGTBI. Que o rural sempre foi diverso e aberto ao mundo. Afastarnos da ruralfobia é un eixe prioritario para nós, esí como falar de sexualidades disidentes máis alá das fronteiras da cidade e visibilizármonos como rurais LGTBI que somos. Compre deixar ben claro que a cidade non é a panacea, que Chueca non é o paraíso e que non hai un só modelo de Orgullo. Non debemos esquecer, compas da trincheira sexodiversa, que é posíbel e urxente crear e potenciar o noso propio imaxinario rural; galego e en galego. Porque non debemos elixir entre ser LGTBI ou ser rural; entre desenvolver unha identidade afectivo-sexual ou unha identidade cultural.

Eiquí e agora... transmaribibolleras do rural por unhas aldeas diversas!