A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Manifesto do Día Internacional das Mulleres 2017

Manifesto do Día Internacional das Mulleres 2017

3 de Marzo do 2017

Día de Loita Feminista

Como outros anos, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego participará activamente nas mobilizacións que se desenvolverán na Galiza con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. En concreto, as labregas tamén estarán na manifestación nacional convocada para o domingo 5 de marzo baixo o lema "Feminismo para avanzar. Todas unidas nunha mesma loita". De seguido, compartimos con vós o manifesto que se lerá ao remate da manifestación:

O vindeiro 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional das Mulleres, unha histórica xornada de loita na que pulamos pola dignidade das nosas vidas, polo noso lugar no mundo, na sociedade, na casa, na esfera pública.

Hoxe somos moitas, mais non estamos todas. Cada ano, máis dun centenar de mulleres, de compañeiras, son asasinadas polo terrorismo machista só no Estado español. No pouco que levamos do 2017, xa son máis de 15 as mulleres que pagaron coa súa vida a barbarie deste sistema heteropatriarcal, o número máis elevado deste período nos últimos dez anos. Cómpre sinalar que os datos oficiais non recollen o asasinato das crianzas da muller, un feito de violencia extrema fronte ao que as institucións se lavan as mans. As cifras a nivel global son estremecedoras, case imposibles de imaxinar dende a nosa posición privilexiada. Todas as asasinadas deberían estar aquí, ou en calquera outra praza. Deberían estar vivas, pero non o están, e hai razóns e culpables máis aló dos seus asasinos.

O feminicidio é a punta do iceberg, e baixo este feito extremo agóchanse toda unha serie de violencias e discriminacións machistas coas que pretenden construírnos como mulleres ao seu gusto. Denunciamos dende aquí a violencia dos mal chamados micromachismos (que nada teñen de micro para as que os padecemos), a hipersexualización e cousificación dos nosos corpos, a desigualdade social e económica, a relegación ao traballo non remunerado dos coidados, así como a precariedade laboral, o acoso sexual nas rúas e nos traballos, a dispersión xeográfica, as dificultades de emancipación, o empobrecemento e todos os obstáculos que temos para construír os nosos proxectos de vida.

Padecemos ademais os recortes dos recursos públicos nun falso sistema de benestar que nunca foi tal para as mulleres: a partida da Delegación do Goberno contra as violencias machistas reduciuse case nun 30%. Non hai reformas lexislativas, nin dispositivos especializados contra os diversos tipos de violencias que padecemos. Os medios de comunicación e a sociedade xustifican e perpetúan actitudes patriarcais, chegando incluso a culpabilizarnos das agresións que sufrimos por parte dos homes polo mero feito de ser mulleres.

Todo isto non fai senón fortalecer a nosa necesidade de tecer redes de apoio mutuo, propias e eficaces, porque a loita polos nosos dereitos está chea de dificultades e obstáculos que soas non poderemos salvar. Hoxe facemos un chamamento para que ninguén sexa cómplice desta barbarie, para que todas as mulleres poidan ser donas da súa vida contando cunha gran rede de sororidade baixo os seus pes.

Non é pouco o traballo por facer, pero non partimos de cero. O feminismo ten historia, e xa acadou moito no noso país, e no mundo. Pero sobre todo, ten futuro, e as nosas vidas literalmente dependen de que continúe superando barreiras para todas. O heteropatriarcado quérenos submisas e caladas, pero nós levamos séculos berrando e loitando, e ímolo derrubar

En todo o mundo as mulleres organízanse para loitar contra este sistema que nos ningunea e asasina. Este ano, as compañeiras feministas de América Latina e doutros lugares do mundo convocan un Paro Internacional de Mulleres para o mesmo día 8 de marzo. Dende aquí, convidámosvos a apoiar e sumarvos a esta iniciativa de xeito individual ou colectivo.

Xuntas, como estamos hoxe, seguiremos construíndo ese movemento feminista amplo e diverso onde todas poidamos sentirnos incluídas, acollidas e empoderadas.

Porque as diferencias que nos separan, non son nada comparado con todo o que nos une: a alegría de combatir con outras, a vontade de achegar todas as voces e a certeza de que sumando, multiplicámonos.

O Feminismo precisa de todas, e todas precisamos do Feminismo!

Día de Loita Feminista