A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Os proxectos da mineira norueguesa Erimsa ameazan 200 granxas e 500 empregos directos na comarca de Ordes

Os proxectos da mineira norueguesa Erimsa ameazan 200 granxas e 500 empregos directos na comarca de Ordes

18 de Marzo do 2017

Maria Vieites e Margarida Prieto

O Sindicato Labrego Galego ofreceu, o 17 de marzo, unha rolda de prensa para denunciar os proxectos de extracción de seixo (cuarzo metalúrxico) que a empresa norueguesa Erimsa pretende levar a cabo nos municipios de Frades, Mesía, Oroso e Ordes.

Agora mesmo, está en exposición pública un proxecto extractivo que afecta a parroquia de Xanceda (Mesía) e tres permisos de investigación que afectarían o resto de concellos mencionados. En total, estamos a falar de 6.721 hectáreas, o meirande de concentración parcelaria dedicada a praderías e leiras de cultivo, que constitúen a base territorial e alicerce de case duascentas granxas en activo, o 93% das cales son de produción leiteira, que manteñen medio milleiro empregos directos.

Para decatarnos da magnitude do perigo deste tipo de explotación mineira, grazas á experiencia de prospeccións que xa teñen afectado a granxas da zona, sabemos que a explotación de seixo consistiría na extracción de terra a ceo aberto, até unha profundidade de 2'5 metros, e o posterior recheo coa terra sen o seixo. Desta maneira, os terreos explotados quedan inservibles para a actividade gandeira. Isto é así porque ao extraer o mineral, que o elemento que lle confire estrutura ao solo e permite a drenaxe de auga, os prados non volven producir forraxe ao 100% até pasados uns oito anos como mínimo e calquera precipitación de choiva, por pouca que sexa, transforma o terreo nunha lameira impracticable para o gando maior e o acceso de tractores. Por riba, hai zonas de extracción a carón de núcleos habitados e das instalacións do gando.

En detalle, os proxectos dos que estamos a falar collen de cheo algunha das parroquias con maior concentración de granxas da comarca:

  1. Xanceda: Na parroquia de Xanceda (Mesía) e un anaco do municipio de Frades, Erimsa ten unha concesión de 781 hectáreas, cun proxecto extractivo en exposición pública que abrangue directamente 210 hectáreas. As granxas afectadas ascenden a 26, con 90 postos de traballo directos, e moitas delas están en réxime ecolóxico, polo que poderían perder a certificación das terras en caso de explotación mineira. Entre as máis afectadas están empresas emblemáticas como Casa Grande de Xanceda.

  2. Marís: Permiso de investigación para Erimsa en vigor até 2018 nun área que abrangue 3.060 hectáreas nas parroquias de Abellá, Galegos, Papucín e San Martiño, dacabalo entre Mesía e Frades. Destas terras dependen 63 granxas e 175 empregos directos.

  3. Andrea: Este permiso de investigación colle 2.610 hectáreas nas parroquias de Abellá e Galegos fundamentalmente, collendo territorio dos concellos de Oroso, Ordes, Mesía e Frades. Neste caso, falamos de 93 granxas que manteñen 157 postos de traballo. Permiso válido até 2018.

  4. Lamosa: Permiso de investigación para 270 hectáreas en Beán (Ordes) e Marzoa (Oroso). Válido até 2019. Aquí hai 15 granxas en activo, moitas de vacún de carne; e 40 empregos directos.

En contraste con estas cifras, Erimsa comprométese no seu proxecto a crear 8 postos de traballo temporais namentres dure a extracción de mineira.

Para informar de todo isto, o Sindicato Labrego Galego convocou unha asemblea aberta o xoves, 23 de marzo ás 22:00 horas, na Casa de Cultura de Xanceda (Mesía). Alí, informarase ás persoas afectadas e granxas sobre a etapa na que se atopa o proceso e asesorarase na redacción e presentación de alegacións.

Respecto ás valoracións, a coordinadora do SLG na bisbarra de Ordes, María Vieites, afirmou que “todos estes proxectos constitúen unha sentenza de morte para a comarca. Se estes proxectos van para adiante, as granxas afectadas deixarán de ter acceso á terra da que depende a súa actividade económica e mesmo poderían perder as axudas da Política Agraria Común (PAC) que perciben, que nesta zona supoñen de media uns 400 € por hectárea”. Ademais do proceso de alegacións da xente afectada, María Vieites dixo que ía ser determinante a posición dos concellos: “É importante destacar que os concellos onde se vai desenvolver a actividade de Erimsa teñen que emitir o seu ditame, polo que vai ser moi importante que gobernos municipais como o de Frades ou o de Mesía, que viven case en exclusiva da actividade gandeira, se opoñan a estes proxectos. Os concellos afectados deben decidir de que lado se poñen, se do lado de Erimsa, ou do lado das granxas afectadas”.

Pola súa banda, a coordinadora do SLG na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, que informou sobre os antecedentes da empresa Erimsa na Terra Chá, lembrou que esta mineira acumula xa varias sentenzas contrarias á súa actividade por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e que, na zona afectada, ten cometido ilegalidades ao facer prospeccións sen licenza en Oroso, feitos denunciados polo SLG no seu día. A coordinadora do SLG na Terra Chá anunciou que “dende o Sindicato Labrego Galego imos facer todo o posible para que estes proxectos non se leven adiante e xa, nesta primeira fase, non se lle concedan a Erimsa os permisos necesarios para desenvolver a súa actividade”.

Erimsa Ordes